Gandeiros e industrias, ¿xunguidos no mesmo xugo?

Os primeiros anos de tentativas de negociación colectiva do prezo do leite saldáronse cun rotundo fracaso. O sector advirte da necesidade de que gandeiros e industrias se recoñezan como aliados

Gandeiros e industrias, ¿xunguidos no mesmo xugo?

Xornadas sobre o sector lácteo no Consello Económico e Social, en Santiago, no outono pasado.

As explotacións lácteas pregúntanse que vai pasar co prezo e coa recollida do leite tras o fin das cotas, en abril do 2015. En busca de respostas a esas preocupacións, nos últimos meses sucédense foros e debates diversos coa participación de actores do sector lácteo nas distintas comarcas gandeiras. A maioría das voces coincide en sinalar que a reducción de problemas pasa por implantar no agro unha negociación colectiva real entre gandeiros e industrias.

Esa negociación basearíase no sistema de contratos lácteos, que se presentaba hai un par de anos como garantía de estabilidade, pero que nunca cumpriu o que prometía. O sector pregúntase agora se é posible reflotar ese sistema de contratos dun xeito que ambas partes, gandeiros e industrias, entendan como beneficioso.

O Ministerio de Agricultura ultima a reforma do sistema de contratos coa idea de reactivalos e de que sexan útiles para o cometido co que se crearon, o de implantar a negociación colectiva no agro e darlle poder ó produtor na negociación do prezo coa industria. Tanto gandeiros como industrias dubidan da eficacia da reforma por si soa.

A implantación dos contratos, a partir do 2012, xurdiu coa aprobación na UE do chamado ‘paquete lácteo’, un conxunto de medidas co que, entroutras cousas, buscábase reequilibrar o poder dos distintos actores na cadea do leite. Cos contratos apareceu a figura das organizacións de produtores (OPs), na idea de que a negociación en conxunto dos prezos permitiría máis forza do sector produtor ante as industrias que a negociación individual de cada explotación.

Balance e cambios do sistema
En Galicia naceron dúas OPs, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, e Aprolact, de base cooperativa. Ambas OPs recoñecen que a negociación coa industria non foi posible ata o de agora. “Non hai nada que obrigue ás industrias a negociar coas OPs e temos o problema dun produto, o leite, que non se conserva, co cal, se mañá che din que non van recollelo, hai que tiralo” -resume Javier Iglesias, responsable da área de Gandeiría de Unións Agrarias-. “Practicamente con ningunha industria foi posible sentarse a negociar”.

“Non hai nada que obrigue ás industrias a negociar e, se non che recollen o leite, hai que tiralo” (Javier Iglesias, Unións Agrarias)

Entre os cambios que vai introducir o Ministerio para reflotar os contratos lácteos figura a, en principio, obrigatoriedade dunha duración mínima de 12 meses -ata agora os maioritarios eran de 3 meses-, e a creación da figura do mediador voluntario, así como a prohibición de incluir engadidos que modifiquen condicións sustancias dos contratos (prezos, prazos, etc.).

Coa maior duración dos contratos, a Administración aposta polo impulso ós acordos de prezos variables, é dicir, por un contrato cun prezo inicial que variará en función dun índice de referencia que acorden as partes. En Galicia, a Xunta deseñou un instrumento informático, o Xacobea, que se presenta como posible índice de referenciación a configurar polas partes, dándolle máis ou menos peso a factores como os prezos dos produtos industriais (leite en po, manteiga), a situación de mercado en Europa ou ós custos de produción; se ben, organizacións como o Sindicato Labrego advirten de que ata o de agora as condicións dos contratos sempre se impuxeron de modo unilateral pola industria, polo que dubidan da efectividade do Xacobea.

Valoracións
A reacción do sector ante a reforma do sistema de contratos lácteos é tibia. “Ata o de agora, os contratos non cubriron en nada as expectativas xeradas e vai ser difícil que o sistema funcione ben en tanto non entre a gran distribución no proceso” -valora o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Hixinio Mougán-. “Medidas como a ampliación do contrato a 12 meses van na liña correcta, xa que aportan maior estabilidade para o sector, pero a cuestión de fondo é como facemos fronte á distribución, que é a que determina o prezo finalista, e que está vendendo o leite en España a 50 céntimos o litro, mentres do outro lado da fronteira, en Francia, comercialízao a 75 céntimos”.

“A cuestión de fondo é como facemos fronte á gran distribución” (Hixinio Mougán, Agaca)

En relación ós cambios do sistema de contratos que ultima o Ministerio, desde Unións Agrarias amósanse preocupados polo que consideran unha “falta de garantías de recollida do leite”. “Coa liberalización das cotas, a partir do 1 de abril do 2015, é previsible que nalgúns periodos haxa un exceso de leite no mercado, polo que resulta fundamental establecer mecanismos que garantan que se lle vai recoller todo o leite producido ós gandeiros. Tamén haberá que evitar que se abandonen as rutas de recollida menos rendibles, xa que esto pode levar directamente ó peche de explotacións”, advirte Javier Iglesias.

Industrias
Desde o sector industrial, o coordinador da Asociación de Industrias Lácteas de Galicia, Pedro Ramos, critica o sistema de contratos e advirte dunha posible perda de competitividade da industria. “Temos a lexislación máis restrictiva de Europa e quérese debilitar aínda máis ó sector industrial”, valora. “Preténdese que merquemos todo o leite cunhas condicións estrictas de duración de contratos e prezos, aínda que non saibamos onde o imos vender. Hai unha asimetría na Ley 12/2013 -coñecida como lei da cadea alimentaria-; as industrias queremos as mesmas garantías de prezos, duración de contratos e volumes para o que nós imos vender”.

“Preténdese que merquemos o leite cunhas condicións moi estrictas. Nós queremos as mesmas garantías para o que imos vender” (Pedro Ramos, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia)

En Feiraco, cooperativa e industria transformadora, o seu director xeral, José Luis Antuña, coincide en sinalar á gran distribución como un dos problemas, pero considera que a raíz das dificultades hai que buscalas noutro lado. “A distribución non é a culpable. É máis a industria, que ten capacidade de repercutir unha baixada de prezos sobre os produtores. As industrias adícanse a baixarlle o prezo á distribución para que use o leite como produto reclamo”.

A posta en marcha de contratos con prezos estables pactados entre industrias e organizacións de produtores constitúe para Antuña un instrumento clave para cambiar a actual situación. “Precísase un sector gandeiro e industrial que estea cohesionado. O problema radica en que ata o de agora non houbo vontade de relacións contractuais estables por ningunha das dúas partes. Cando o prezo do leite en orixe está alto, non hai vontade por parte do sector produtor, e viceversa, cando o prezo está baixo, non hai vontade por parte das industrias”.

“Precísase un sector gandeiro e industrial que estea cohesionado” (José Luis Antuña, Feiraco)

De opinión similar é Francisco Sineiro, profesor de Economía e Política Agraria na Universidade de Santiago: “Fai falta pedagoxia para explicarlle a gandeiros e industrias os aspectos positivos dos contratos. Dan estabilidade para os produtores en periodos de prezos baixos e para as industrias en periodos de prezos altos, onde se viven situacións de especulación por parte de primeiros compradores intermediarios. Os contratos poden ser positivos para todos”. Sineiro insiste ademais no papel que ten que xogar a Administración: “As OPs controlan preto dun tercio da produción do Estado pero non teñen capacidade de negociación coas industrias. Sería precisa unha asesoría e un acompañamento da Administración para forzar ese proceso”, valora.

Distribución
O sector é consciente tamén da necesidade de mellorar o prezo do leite nos supermercados, para o que serán precisas negociacións coa distribución, un aspecto que algúns axentes avogan por solucionar a través da Interprofesional Láctea (Inlac), se ben Antuña, ata hai pouco presidente da Interprofesional Láctea (Inlac), é escéptico sobre esa posibilidade: “Se gandeiros e industrias non están cohesionados, non habería avances”, valora.

“Hai que explicarlles a gandeiros e industrias as vantaxes dos contratos” (Francisco Sineiro, economista)

“A única Interprofesional láctea de Europa que xunta ás tres partes é a de Hungría” –afonda o director xeral de Feiraco-. En Francia na Interprofesional están só gandeiros e industrias, como sucede en España. Esto non quere dicir que logo non teñan negociacións coa distribución, coa mediación da Administración, pero na Interprofesional non está a distribución. ¿Qué sucede aquí en España? Que gandeiros e industrias non entenden para que teñen que financiar a Inteprofesional” -un órgano que naceu para velar polos intereses comúns de produtores e factorías-. “En Francia, a Interprofesional Láctea ten 10 veces máis financiamento que a española”, conclúe.

“É importante o compromiso dos gandeiros coas organizacións de produtores” (José Ángel Burgo, Fogga)

A cohesión do propio sector gandeiro, a unión colectiva fronte á visión cortoplacista, é outro dos retos que plantean distintos actores. “Hai instrumentos para cambiar a situación contractual entre industrias e gandeiros, pero ante todo é importante o convencemento e compromiso dos gandeiros coas organizacións de produtores”, apunta o subdirector do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), José Ángel Burgo. “O camiño é a sinatura de contratos a longo prazo con prezos referenciados a índices”.

Negociacións fallidas
Botando a vista atrás, Juan Pérez, de Xóvenes Agricultores, mira con escepticismo as perspectivas que se abren coa reforma do sistema de contratos lácteos. “O sector lácteo marcha sen rumbo e todos somos algo culpables. Levamos moitos anos falando coas industrias en mesas, interprofesional, etc. e nunca chegamos a nada. En moitas industrias non hai con quen falar e nas que si hai, é difícil chegar a nada. Dubido que se peche ningún acordo e mentres tanto, a distribución estase aproveitando da debilidade de produtores e industrias. Son necesarias as estratexias conxuntas coa industria pero levamos anos vendo como acordos ós que chegamos con eles, como por exemplo os índices de referenciación de prezos da Inlac, non se aplican. ¿Por que?”, pregúntase.

“Levamos anos falando coas industrias sen chegar a nada” (Juan Pérez, Xóvenes Agricultores)

Distintas voces do sector coinciden na necesidade dunha cooperación entre gandeiros e industrias en beneficio de intereses comúns, aínda que en ambos lados xurden voces e actitudes que revelan un pensamento baseado na idea de que para gañar eles, teñen que perder os outros. Gandeiros e industrias, ¿xunguidos no mesmo xugo?

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información