Gandeiros de Queserías Sarrianas cobran o 45% da produción a 14,7 céntimos

Gandeiros de Queserías Sarrianas cobran o 45% da produción a 14,7 céntimos

Os preto de 80 gandeiros que lle subministran o leite a Queserías Sarrianas cobraron o pasado mes de marzo a 147 euros a tonelada. Foi para o 45% das entregas, mentres que o 55% restante rondou os 275 euros a tonelada.

O pasado mes de febreiro Queserías Sarrianas anuncioulles a 15 gandeiros da comarca que lles deixaba de recoller o leite, mentres que aos restantes comunicoulles que lles seguiría recollendo o leite, pero destinando o 30% a intervención para leite en pó, é dicir a 0,18 euros o litro, pero descontando os gastos de transporte, co que o prezo para o gandeiro quedaría nuns 0,15 euros.

Sen embargo, na factura que recibiron a pasada semana viron como ata o 90% do leite que lles recolleu Queserías Sarrianas llo pagaron a 147 euros a tonelada, aínda que tralas protestas dos gandeiros a empresa aceptou repartilo en dous meses: un 45% en marzo e outro 45% na factura de abril.

“Lonxe queda o que nos prometeran de que só ían meter o 30% para intervención e a 180 euros a tonelada, o prezo máis alto posible”, quéixase un dos gandeiros, que prefire manter o anonimato. “O peor é que tampouco sabemos como vai estar a situación en maio, e seguimos sen contrato dende hai meses e aínda sen cobrar a PAC”, engade.

Dende Queserías Sarrianas o seu avogado de momento non quixo facer declaracións. A empresa sarriana escúdase no descenso das súas vendas de queixos pola entrada masiva de importacións a baixo prezo de Alemaña, Francia ou Holanda.

Segundo datos de Consellería do Medio Rural, hai un mes eran arredor de 500 as explotacións lácteas galegas que cobraban o leite por debaixo dos 20 céntimos o litro.

Factura do pasado mes de marzo a un gandeiro de Queserías Sarrianas:

NOMINA_QUESAR_SARRIA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información