Gandeiros de Prolega envían gratis forraxe a ganderías afectadas polos incendios

Gandeiros de Prolega envían gratis forraxe a ganderías afectadas polos incendios

Gandeiros de Prolega cargando un trailer de forraxe para As Neves. Fotografía: César Galdo

Un trailer con 40 rolos de herba seca e silo dunha gandería de San Sadurniño e doutra de Moeche partiu este venres pola mañá cara o concello pontevedrés das Neves para axudarlle a dúas gandeirías que resultaron afectadas pola vaga de incendios dos últimos días.

A asociación gandeira PROLEGA abandeira esta iniciativa solidaria á que, pouco a pouco, se están sumando máis granxas da comarca e incluso transportistas, que se ofrecen a levar a forraxe de balde a lugares onde o gando leva días sen comer.

De feito xa se está preparando outro porte con destino ao concello ourensán de Carballeda de Avia e desde o Facebook da asociación xa se lanzou o chamamento para quen queira botar unha man con alimento ou co transporte.

Só hai que contactar directamente con PROLEGA no teléfono  636.884.861 ou no correo asociacion.prolega@gmail.com

David Arnoso: “Algúns de nós tiñamos reservas de forraxes e queremos axudar a estes gandeiros que o están pasando moi mal”

Tal e como comenta David Arnoso, presidente da entidade, a iniciativa solidaria botou a andar tras coñecerse de que maneira lle afectaron os lumes dos últimos días a ganderías do sur de Galicia, algunhas das cales se quedaron sen pastos e sen forraxes para o gando.

“Algúns de nós tiñamos reservas de forraxe e ao ver que había xente que precisaba axuda porque quedara sen alimento ningún para os animais por culpa do lume, empezamos a poñernos en contacto uns con outros para enviárllelo para alá”, asegura David.

O primeiro receptor da axuda será un gandeiro das Neves, en Pontevedra, que posúe unha explotación con 300 ovellas e 50 vacas de carne que, ata agora, se alimentaban principalmente de pastos en rexime extensivo. O lume non lle matou os animais, pero deixouno sen recursos para mantelos. “Ardéronlle as leiras todas, ardeulle onde tiña a herba seca e case todos os rolos de silo que tiña almacenados”, comenta David Arnoso.

Enviarán un segundo cargamento de forraxe a Carballeda de Avia e chaman ao resto de gandeiros a colaborar

A asociación gandeira -que agrupa 30 granxas da comarca- logrou xuntar até o momento uns 80 rolos de herba seca e silo. Aproximadamente a metade deles -doados pola gandeiría Lousada de Moeche e pola granxa Entrerríos de Bardaos-  saíron a media mañá de hoxe para as Neves para axudar a paliar a difícil situación que viven dúas explotacións deste municipio pontevedrés.

Pero non son suficientes. “Estamos buscando máis porque xa nos chamaron desde Carballeda de Avia para que lles reserváramos un camión. Seica alí hai vacas que levan catro días sen comer e que nalgunha granxa estaban dándolles só penso. A vaca con penso só non sobrevive e están buscando un transporte coma tolos para poder vir por esta herba seca”, asegura Arnoso.

David foi tamén un dos primeiros que acudiron ao incendio da noite do domingo ao luns en Naraío, no concello de San Sadurniño. El e outros tres gandeiros presentáronse alí con tractores e cisternas para garantir que o lume non saltase nas casas do Eirexado se lle daba por continuar monte abaixo. Botaron toda a noite colaborando co retén dos equipos de extinción. Un xesto espontáneo e solidario que continúa agora a través da asociación axudándolles aos gandeiros e gandeiras doutras zonas de Galicia. E iso que a situación económica das explotacións tampouco é boiante debido ao baixo prezo do leite: “Estamos fastidiados, pero bueno, cando pasa algo así non queda máis que colaborar”.

Prolega está coordinando máis envíos a outras zonas afectadas, para os que fai falla alimento e, de ser posible, tamén transporte dispoñible. A solidariedade tamén se dá entre os transportistas locais “chamounos esta mañá un camioneiro do Camiño Arriba ofrecéndose a facer unha viaxe. Posiblemente mandemos mañá outro cargamento para Carballeda de Avia”, comenta o presidente de PROLEGA.

Jesús Ferreira, gandeiro afectado de As Neves: “Dende a Xunta nin nos chamaron, só contamos coa solidariedade do sector”

Jesús Ferreira é un gandeiro das Neves que esta tarde recibiu o cargamento de forraxe doado por gandeiros de San Sadurniño e de Moeche. A súa explotación, con 80 vacas de razas autóctonas e 200 ovellas, -ademáis de 150 colmeas- está situada na parroquia de Cerdeira, nun monte comunal que ten alugado.

“Levamos aquí dende o ano 1998 e este foi o peor lume que recordo: deixounos sen ningún pasto”, asegura. Di sentirse emocionado polo xesto altruísta dos gandeiros de Prolega e agradece tamén a axuda da empresa Felimar, da parroquia de Liñares, tamén no concello das Neves, que sufragou os gastos de transporte da forraxe.

“O detalle desta xente é incrible”, recoñece, ao tempo que critica que “dende a Xunta a día de hoxe nin nos teñan chamado para saber se necesitamos algo”. “A axuda que recibimos é do propio sector, non da administración”, subliña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información