Gandeiros de Ávila bloquean a entrada a unha industria láctea

A mobilización iniciouse logo de que Ornua España lle cancelase a recollida de leite a seis gandeiros que se opuxeron a unha redución do prezo asinado nos contratos anuais, operativos desde o 1 de abril

Gandeiros de Ávila bloquean a entrada a unha industria láctea

Bloqueo en Ávila ante a industria láctea Ornua. / Imaxe: UCCL.

Os contratos entre industrias e gandeiros están a demostrarse en moitos casos papel mollado, segundo as denuncias que se veñen sucedendo nos últimos meses por parte das organizacións agrarias. O último episodio estase a producir estes días en Ávila, onde a industria láctea Ornua, de capital irlandés, deixoulle de recoller o leite a seis gandeiros con contrato en vigor ata o 30 de marzo de 2016, segundo denuncia a Unión de Campesinos de Castilla y León. (UCCL). Ante esta situación, medio cento de gandeiros iniciaron o bloqueo da industria ás 10.30 da mañá de onte.

A empresa, segundo a UCCL, intentou nos últimos días cancelar un contrato anual que mantiña cuns 25 gandeiros e sustituir ese contrato por outro cun prezo inferior. O contrato anual, suscrito por ambas as partes o pasado 1 de abril, estaba asinado a 31,5 céntimos o litro. Ornúa presentoulles ós gandeiros agora un novo contrato a 27,5 céntimos, segundo a UCCL.

Boa parte dos afectados suscribiron o acordo proposto por Ornua, ante a ameaza de que se lles deixaría de recoller o leite se non o facían así, pero seis gandeiros negáronse ó novo acordo, polo que Ornúa deixou de recollerlles a produción esta fin de semana. Desde entón, os afectados están tirando o leite, a razón de máis de 8.000 litros diarios, xa que por agora non atoparon outra empresa á que entregarlle a produción.

Bloqueo
Os afectados, apoiados por outros gandeiros e coa coordinación da UCCL, iniciaron na mañá de onte un bloqueo da industria láctea Ornúa en Vicolozano (Ávila), na que desde entón non entran nin saen camións, segundo indicou na mañá de hoxe a coordinadora do sector lácteo de UCCL, Adoración Martín: “A nosa intención é seguir turnándonos no bloqueo ata que non haxa unha solución para os afectados”, sinalou a responsable de leite da Unión.

A organización mantén contactos coa Administración autonómica de Castela, aínda que sen avances polo de agora. Desde o pasado xoves, en que se racharon as conversas con Ornua, non volveron ter contacto coa industria. ‘Campo Galego’ solicitou a versión dos feitos de Ornua, aínda que polo de agora non se obtivo resposta.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información