Gandeiros da OPL verten miles de litros de leite ante a decisión da industria de non llo recoller

Acusan á industria de boicotear o paquete lácteo e tirar cos prezos ata os 18 céntimos por litro. Leite Río deixa de recollerlle o leite a tres explotacións da comarca do Xallas sen previo aviso. A OPL adianta que participará na manifestación do día 17 de xullo.

Gandeiros da OPL verten miles de litros de leite ante a decisión da industria de non llo recoller

Verquido de miles de litros de leite.

Gandeiros dos concellos de Mazaricos, Negreira, Santa Comba e Vimianzo verteron esta mañá máis de 20.000 litros de leite ante a decisión da industria de deixarlles de recoller o leite e de tirar cos prezos até os 0,18 € por litro, por debaixo dos custos de produción. Fixérono convocados pola Organización de Produtores de Leche (OPL) e en solidariedade cos tres socios da organización aos que Leite Río lles ven de comunicar que a partir de mañá non lles recollerá o leite.

O portavoz da OPL, Anxo Escariz asegurou que “detrás desta situación está o boicot que a industria lle está facendo ao paquete lácteo, que está convertendo en papel mollado, sen que a administración poña en marcha mecanismos efectivos para impedilo”.

“Este é un pulso da industria para botar abaixo o paquete lácteo”

Segundo denuncian dende a OPL, “a realidade é que ao mesmo tempo que a industria lle entrega ao produtor o contrato a un ano, lle entrega a copia de renuncia voluntaria do gandeiro ao contrato, e obrígao a asinar as dúas”. E no caso de que o gandeiro denuncie, critican que “o proceso de arbitraxe ao que están obrigados demora moito, co que poden pasar varios meses ata que chegue ao xulgado”.

No caso das tres explotacións afectadas, Anxo Escariz asegurou que “o motivo da porcentaxe de graxa por debaixo do 3,5% é unha mera escusa de Leite Río, igual que o das rutas dos camións, porque despois a estas mesmas explotacións a industria lles volverá ofrecer recollerlles o leite pero a un prezo irrisorio, de 0,18 € por litro, por debaixo dos custos de produción”.

Os gandeiros afectados prefiren non revelar a súa identidade por temor a represalias do sector industrial. Campo Galego intentou obter a versión de Leite Río sen que ate o de agora fora posible. Dende a OPL intentan a estas horas ter unha reunión coa conselleira de Medio Rural para que medie ante a industria co obxectivo de que se lle recolla o leite a estas tres explotacións, todas elas cunha cota superior aos 500.000 kilos de leite anuais.

Hai que recordar que o pasado día 29 a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, mantivo en Lugo unha xuntanza coas principais empresas lácteas de Galicia, unha xuntanza da que saíu anunciando que “hai un compromiso das industrias para que non quede un litro de leite sen recoller”, un compromiso que se está a incumprir.

Ante esta situación, dende a OPL adiantan que “case que con toda seguridade nos sumaremos á manifestación convocada polos sindicatos agrarios para o día 17 de xullo”.

A Xunta aposta por impulsar un plan estratéxico para darlle maior valor engadido ao produto

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, apostou hoxe por impulsar entre todos os axentes da cadea de valor do leite un plan estratéxico para este sector, que permita que produtores e industria consigan darlle un maior valor engadido ao produto. Fíxoo antes de presidir a xuntanza do Consello Agrario Galego, que se reuniu esta mañá en Santiago.

A titular de Medio Rural e Mar fixo de novo un chamamento á serenidade e ao entendemento entre todos os axentes da cadea de valor do leite, “porque –dixo– todos son complementarios e se necesitan entre si”. Lembrou tamén que o pasado luns nunha reunión coa industria os seus representantes comprometéronse a que non quedara ningún litro de leite sen recoller, pero advertiu ao tempo que é preciso producir “o que somos capaces de vender nun momento de complicada conxuntura internacional, cunha elevada produción e un nivel de consumo que non está respondendo tan ben como cabería agardar”.

Reunión esta mañá entre a industria láctea e o MAGRAMA

Ao mesmo tempo, esta mañá a Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), e entre eles o presidente de Leche Río, Jesús Lence, mantiña en Madrid unha reunión no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, co Secretario Xeneral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas.

O próximo martes, día 7, está convocada en Madrid unha reunión entre a ministra, a Interprofesional Láctea (INLAC) e as organizacións agrarias para analizar a crise de prezos do leite que afecta aos produtores.

Vídeo da protesta:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información