Gandeiros afectados polos impagos de Clea concéntranse diante da planta de Rábade

Boa parte dos afectados teñen pendente de cobrar os dous útimos meses antes de que vencese o contrato coa empresa. Nalgúns casos, as débedas alcanzan os 20.000 euros

Gandeiros afectados polos impagos de Clea concéntranse diante da planta de Rábade

Planta de Clea en Rábade

Gandeiros de distintas zonas de Lugo e da Coruña concentráronse esta tarde diante da planta que Clea Industrias Láctea ten en Rábade (Lugo) para protestar polos impagos que están a sufrir por parte desta empresa que lle recollía o leite. En boa parte dos casos, os atrasos no cobro do leite corresponden ós dous últimos meses antes de que vencera o contrato coa empresa.

A débeda con algúns dos gandeiros chega ós 20.000 euros. Hoxe a empresa ingresou parte dos cartos, sobre todo do mes de decembro, pero os afectados esixen que lle ingrese o diñeiro por todo o leite entregado.

Na maioría dos casos, os atrasos e impagos comezaron cando estaba próximo a vencer o contrato que tiñan coa empresa, como indican algúns dos afectados. “Levabamos 7 anos vendéndolle a Clea e cando quedaban uns días para rematar o contrato aviseinos. Quedáronnos debendo os dous últimos meses; decembro e xaneiro. Hoxe ingresaron parte de decembro, pero aínda nos adebedan a maioría dos cartos”, explica Manuel Fernández Sánchez, un dos afectados. Este gandeiro de Teixeiro (A Coruña) ten unha explotación dunhas 20 vacas en muxido e a débeda de Clea ascende a uns 10.000 euros. “Da empresa dinme que vou cobrar, xa hai dúas semanas que ía cobrar, pero nada, seguimos igual”, comenta o afectado.

Unha situación similar ten José Castro Varela, un gandeiro de Outeiro de Rei (Lugo), ó que Clea lle debe tamén os dous últimos meses antes de que rematara o seu contrato coa firma en marzo. A débeda dos meses de xaneiro e febreiro ascende a uns 11.000 euros. “Estamos pendentes de ir a un avogado para denunciar o caso, porque aínda por encima de debernos cartos agora temos que gastar máis se queremos recuperar o que é noso”, apunta Castro.

No seu caso, mesmo deixara, en varias ocasións, de recibir os resultados das analíticas de control do leite realizadas polo Ligal debido a un suposto atraso nos pagos das cotas por parte da empresa leiteira. Esta situación fixo desconfiar xa ó gandeiro, que optou por cambiar de empresa.

A débeda con algúns dos gandeiros chega ós 20.000 euros

Tamén o seu veciño, Cesáreo Castro Román se atopou cos impagos por parte de Clea. Ó igual que a José, o seu contrato rematou a comezos do pasado mes de marzo e ten aínda sen cobrar os meses de xaneiro e febreiro. Unha débeda que suma 7.000 euros.

Os impagos non só se produciron nestes últimos meses senón que se contabilizan algúns casos nos que xa se remontan ó verán pasado, como lle acontece a Manuel Tomé Roca, un gandeiro de Guitiriz (Lugo), ó que lle falta aínda por cobrar unha parte do mes de xullo, uns 1.600 euros, logo de deberlle os meses de xuño e xullo. “Estiven dous anos con Clea e ata que souberon que ía marchar non tivera problema ningún, pero en canto se enteraron, xa non me pagaron os últimos dous meses”, recorda. Esta mesma semana aínda volvía tentar que a empresa lle abonase a débeda, pero sen resultados. “Hai bastante xente á que lle están facendo o mesmo. Imos coñecendo casos nun sitio e noutro. Queremos alertar do que está pasando á xente á que aínda lle están recollendo o leite”, comenta o gandeiro.

Namentres, por parte de Clea negáronse, polo momento, a facer ningunha valoración da situación, nin a confirmar o número de gandeiros afectados. Os representantes da firma en Galicia remiten directamente ás oficinas da empresa en Oviedo, nas que tamén resultou imposible conseguir ningunha información por parte da empresa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información