Gandeiría Manteiga alzouse cos premios de Vaca Gran Campiona de Feiradeza 2015 e de Mellor Criador

Gandeiría Manteiga alzouse cos premios de Vaca Gran Campiona de Feiradeza 2015 e de Mellor Criador

Gandeiría Manteiga posando co premio

Gandeiría Manteiga, de Vila de Cruces, foi a gran protagonista do 21º Concurso Morfolóxico da Raza Frisona celebrado este domingo en Lalín. Tras facerse o sábado co título de Xovenca Gran Campiona, o domingo, na quenda das vacas en período de lactancia, alcanzou o premio de Vaca Gran Campiona de Feiradeza 2015, co animal Manteiga Xacobeo Clementina.

O xuíz cántabro, Roberto Saiz, salientou as excepcionais condicións da vaca, destacando a súa forte e equilibrada estrutura corporal, así como a súa fortaleza mamaria. Clementina, impúxose na gran final á subcampiona Blanco Holstein Anita, da gandeiría lalinense Blanco. Así mesmo, Manteiga gañou o premio ao Mellor Criador de Feiradeza 2015 impoñéndose tamén á Gandeiría Blanco que levou o segundo premio.

As seccións previas á designación da Vaca Gran Campiona, foron dominadas polas gandeirías anteriormente mencionadas. Así, Sandy, de Gandeiría Blanco conquistou o título de Vaca Nova Campiona. O de Vaca Intermedia Campiona foi para Clementina, de Gandeiría Manteiga que se alzou, igualmente, co premio de Vaca Campiona Provincial. A Vaca Adulta Campiona foi Anita de Gandeiría Blanco.

Unha vez finalizado o concurso, no que participaron en total 104 reses de 18 explotacións de Lalín e da comarca, deuse paso á poxa. Finalmente foron subastados 5 animais, dos cales, dous pertencían á finca de Mouriscade, xestionada pola Deputación. O organismo provincial tamén donou 10 lotes de dous embrións cada un, dos que dous foron sorteados entre os gandeiros adscritos ao control leiteiro e o resto entregados como agasallo aos vencedores do concurso. Por último, procedeuse ao sorteo entre o numeroso público asistente, dunha xata e dunha xovenca preñada, valoradas en 500 e 1.000 euros respectivamente.

O alcalde de Lalín agradece o “inmenso traballo dos gandeiros”

Pola súa parte, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, agradeceu a “inmenso labor dos gandeiros” que fixeron posible Feiradeza 2015. O rexedor salientou a “enorme calidade” das reses que desfilaron “froito da mellora xenética e do bo quefacer dos gandeiros” e, unha vez máis, insistíu no “apoio total” ao sector leiteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información