A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gandaría Vilasilvestre SC: lograr altas calidades en leite con robot de muxido

Esta gandaría de Vilalba (Lugo) leva varios anos traballando de forma favorable con robot de muxido de Lely para manter as calidades do leite, empregando ademais un sistema de cama quente para o gando. José Manuel e Antonio, os seus propietarios, explícannos as vantaxes destas innovacións

Gandaría Vilasilvestre SC: lograr altas calidades en leite con robot de muxido

José Manuel e Antonio con Yolanda Trillo

José Manuel Martínez Fernández e Antonio Picos García formáronse e traballaron en dous sectores completamente distintos ao gandeiro, pero hai 5 anos decidiron continuar a tradición familiar e hoxe a súa gandaría, Vilasilvestre SC, situada na parroquia de Belesar, Vilalba, é unha das máis modernas da provincia de Lugo.

“Eu traballaba como electromecánico e Antonio, o meu cuñado, como palista. No ano 2013 o meu pai quería xubilarse e pechar a granxa familiar de vacún de leite. Falámolo e como aos dous desde pequenos gustounos axudar co gando e traballar cos animais non o pensamos dúas veces e decidimos seguir adiante”, recoñece José Manuel.

Os comezos non foron fáciles porque a gandaría da que partían necesitaba unha importante reforma e unha aposta pola robotización para lograr o que buscaban: Unha gandaría rendible que lles dea calidade de vida e que no futuro lles permita contratar unha persoa asalariada.

De 39 a 100 vacas en muxido en só 4 anos

“Partiamos dunha gandaría familiar con 50 vacas en total, das que 39 eran vacas en muxido, estabuladas en sistema canadense, e cunhas 35 hectáreas de terreo. Hoxe contamos cun rabaño de 210 animais en total, dos que 100 son vacas en muxido en estabulación libre, e subimos a 69 hectáreas de base territorial”, resume José Manuel este catro anos de crecemento continuo.

Para optimizar custos, aproveitaron ao completo o rabaño de 50 animais do que partían e en xullo de 2014 iniciaron as obras do novo establo, xa planificado para robot de muxido. Inauguraron as instalacións en decembro dese mesmo ano e compraron 20 xovencas francesas e algunhas vacas en produción doutras granxas de Galicia até sumar 65 vacas en muxido. En canto ao primeiro robot, un Lely A3 Astronaut, apuntan que “vai como un tiro, mesmo cando chegou a muxir 72 vacas”.

Dous anos despois, en 2016, ampliaron as instalacións, para albergar até 130 vacas en muxido; construíron tamén outra nave para albergar a recría e as vacas secas e adquiriron un segundo robot de muxido, tamén Lely. Para optimizar o robot e chegar ás 65 vacas por máquina, compraron 25 vacas dunha gandaría de Vilalba.

Outro cambio importante para Gandaría Vilasilvestre SC deuse en outubro de 2015, cando pasaron de vender a Leche Río a formar parte dos provedores de Queserías Entrepinares. E é que a estabilidade nos contratos e nas previsións de futuro que lles proporcionou esta industria láctea permitiulles levar a cabo o seu plan de crecemento.

“É unha empresa que cumpre o acordado e pagan ben as calidades. Este ano acabaremos producindo uns 1,6 millóns de litros; é dicir, uns 37 litros por vaca , cunhas calidades de 4,1 de graxa e de 3,5 de proteína, e un prezo de 0,37 euros por litro”, recoñece José Manuel.

En 2019 teñen previsto chegar a 125 vacas en muxido

A procura de máis calidades levoulles tamén a comprar en Francia 6 vacas Montbéliard, cuxa rendibilidade valoran moi positivamente: “Chegan a picos de 50 litros ao día e con calidades de sólidos bastante boas”, recoñecen. O obstáculo, segundo eles, é a falta de seme de calidade no mercado europeo para esta raza, polo que de momento seguirán coa raza Holstein como principal.

Para o próximo ano teñen previsto seguir medrando en base á recría propia, para chegar ás 125 vacas en muxido e estabilizarse nese rabaño.

“Queremos estabilizarnos nesa cifra de animais e aumentar a rendibilidade da granxa en base á mellora do manexo, de aumento das lactaciones vitalicias, das forraxes e da base territorial”, avanza José Manuel.

Alimentación do gando

Para lograr calidades é clave a medio prazo apostar pola mellora xenética -é un dos caracteres que priman nos axustes, xunto coa Kappa Caseína- e a curto prazo por forraxes de calidade. Neste sentido, a ración das vacas en produción en Gandaría Vilasilvestre SC está composta por 28 quilos de silo de herba, 13 quilos de silo de millo, 13 quilos de penso (9 no carro e 4 no robot), 2 kg de palla e 1,2 quilos de melaza.

Para as vacas secas a ración está composta por palla picada -a palla ten baixo contido en potasio, co que axuda evitar problemas de mobilización de calcio antes do parto-, uns 4 quilos de penso e 1 quilogramos de melaza. Descartan darlles silo na fase de transición e apostan por forraxes secos porque consideran que mellora a súa preparación para o parto, con vacas que non engordan demasiado e que presentan menos complicacións, como retencións de placenta ou callares.

“Alimentándoas con herba seca logramos un mellor desenvolvemento das becerras”

En canto á recría, tras o destete as becerras son alimentadas con penso e herba seca picada que recollen na propia granxa. Neste sentido, Roberto Fernández, asesor en nutrición e reprodución desta gandaría, explica que “esta decisión baséase en que con bastante forraxe seca logramos que as tenreiras sexan máis altas e con maior estrutura de costela, mentres que se lles désemos ensilado poderiamonos pasar coa enerxía, de forma que as xovencas serían máis gordas e baixas”.

“Nos primeiros 6 meses de vida a xovenca gaña o 50% da altura que terá como vaca adulta, polo que até os 10 meses non lles damos ningún ensilado na ración, que baseamos en forraxes secas e proteicas para lograr a máxima altura”, engade.

Outra vantaxe deste sistema de alimentación é que as tenreiras acumulan menos graxa no tecido mamario que se está desenvolvendo, co que tamén mellora a futura produción de leite.

Manexo da base territorial: O seu obxectivo é chegar ás 100 hectáreas

En canto ao manexo da base territorial, Antonio e José Manuel encárganse de todos os traballos agrícolas, excepto o ensilado do millo e da herba, para os que recorren a unha empresa de servizos agrícolas.

Das 69 hectáreas coa que contan en 24 sementan millo e o resto son pradarías permanentes nas que cultivan unha mestura de raigrás inglés, italiano e trevos. En Gandaría Vilasilvestre SC son xente inquieta e na procura de maiores calidades e dixestibilidade das forraxes nas pradarías temporais realizaron este ano dous ensaios: nunha parte sementaron raigrás inglés e italiano e trevos, e noutra raigrás inglés, italiano, westergold e centeo.

“Queremos aumentar a rendibilidade mellorando o manexo e as forraxes”

“O ano pasado tamén fixemos unha proba con avea mesturada con trevos e o resultado foi bo. No silo de herba estamos a lograr unhas calidades medias de 17% de proteína e un 29% de materia seca e en millo sementamos un ciclo 280 de Dekalb en secaño cuns rendementos medios de 37 toneladas de materia húmida por hectárea”, explica Antonio, o outro socio desta gandaría.

Para aumentar o rabaño e a autosuficiencia de forraxes, recoñece que “precisariamos chegar ás 100 hectáreas de base territorial, como mínimo, pero nesta zona aínda quedamos bastantes gandarías e hai moita competencia polos terreos produtivos”.

En canto ao futuro a corte prazo, en Gandaría Vilasilvestre márcanse como obxectivos aumentar a rendibilidade mediante melloras no manexo: comprar unha amamantadora, baixar a idade do primeiro parto até os 24 meses, e tamén incorporar un traballador asalariado.

¿Por que elixiron o robot de Lely?

¿Por que elixiron en Gandaría Vilasilvestre SC o robot de muxido Lely Astronaut A3? “Fomos ver varias explotacións con robot e todas as que tiñan este robot de Lely estaban satisfeitas. Estas máquinas fan un traballo excelente e estamos moi contentos”, resume Antonio.

Entre as principais vantaxes que lle atopan respecto doutras marcas, destacan que “é moi eficaz na colocación das tetoeiras, no lavado, selado dos tetos; é dicir no pre e post dipping; pero tamén destacariamos que muxe de forma independente cada cuarteirón, con retirada diferenciada, ou que as tetoeiras nunca tocan no chan, algo que non sucede noutras marcas”.

“O robot de Lely muxe de forma diferente a cada unha das 100 vacas que temos”

“Das 100 vacas que hai en muxido no establo o robot trata de forma individual a cada unha segundo as súas necesidades”, destaca Antonio. En canto á frecuencia de muxido, nesta granxa desde o primeiro mes superaron os 3 muxidos, chegando aos 3,4, o que tamén axuda a reducir a incidencia de mamites.

Iso si, Antonio puntualiza que “durante o primeiro mes é necesario estar a meter as vacas ao robot para que se afagan, pero despois xa van soas”.

En Gandaría Vilasilvestre SC xunto ao robot de muxido tamén adquiriron un robot arrimador de comida -un Lely JUNO-, unha ferramenta case imprescindible para optimizar o rendemento do robot de ordeño.

“Unha vez que compras o robot de muxido tes que comprar o arrimador, para achegarlle a comida á vaca de noite, xa que cada unha fai un ciclo de vida independente”, asegura pola súa banda José Manuel.

O penso que empregan no robot non se cambia e está pelletizado, para facilitar a súa dispensación. Elabórase en base a cereais (fariña de millo, cebada, trigo e algo de soia.), con moita palatabilidade e enerxía para a vaca (a proteína rolda o 18%).

Vantaxes do sistema de cama quente

Outro aspecto innovador de Gandería Vilasilvestre SC é o uso de cama quente, fronte á tradicional de cemento. No seu caso, decidiron apostar por este sistema por benestar animal.

“Non podiamos permitirnos perder animais co cambio de establo e foi por iso polo que optamos pola cama quente na primeira nave que construímos, con moi bo resultado”, explica José Manuel.

Antes de decidirse por este sistema, no que tamén aforran en instalacións ao non precisar cubículos, visitaron diversas gandarías, sobre todo fóra de Galicia.

Recoñece que a principal, e case única desvantaxe, deste sistema fronte aos cubículos de area ou de carbonato cálcico é o prezo: unha media de 14,5 euros o metro cúbico de serraduras, case o dobre.

“A cama quente é máis cara, pero compensa”

“Na segunda ampliación da nave puxemos cubículos con area, pero a día de hoxe creo que aínda que é máis cara a cama quente compensa: os animais aguantan moito con cama quente, practicamente sen problemas de cascos; a porcentaxe de mamites é a mesma que con cubículo de area e para a terra é moito mellor, porque o compost achega moita materia orgánica, por non dicir que a fosa que se necesita é máis pequena e non tes que andar quitando xurro e area e gastando gasóleo. Ademais, gástanse moito menos os cascos e todo o metal, desde as arrobadeiras até o robot”, resumen desde Vilasilvestre SC. Así, día de hoxe teñen en cama quente as becerras, a algunhas xovencas, as vacas secas e as vacas de máis idade.

Na nave na que teñen cubículos, para o resto de vacas en produción, empregan unha mestura de 70% de carbonato cálcico e 30% de serrín, que revisan entre 2 e 3 veces ao día.

En canto ao material, comezaron probando con palla pero pasáronse ao serrín porque lles resulta de máis fácil manexo. O sistema é sinxelo: estenden o serrín e remóveno cada dous días cunha gradilla para que se airee e non proliferen bacterias anaerobias. Cada 6 días aproximadamente retiran todo o serrín e bótano nunha pila a compostar. No caso das tenreiras ou vacas secas cámbiase cada 15 días ou máis, xa que no inverno dura máis a cama que no verán.

O resultado son vacas con maior benestar, que duran máis lactacións, limpas e un material que non desprende ningún fedor.

Fala a experta: Yolanda Trillo Dono, veterinaria e asesora técnica de Lely

Para máis información: telef 667 673 912 o escibir a ytrillodono@cor.lelycenter.com 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *