Gandaría Fischer, un rabaño na elite das granxas ecolóxicas de Austria

En Austria, as gandarías buscan aproveitar ao máximo todos os seus recursos. Con rabaños de vacas Fleckvieh procuran boas producións lácteas, en cantidade e calidade, e ingresos pola súa carne. Visitamos xunto a un grupo de gandeiros galegos esta granxa ecolóxica que leva 5 anos como unha das mellores da zona

Gandaría Fischer, un rabaño na elite das granxas ecolóxicas de Austria

Erika e Martin Fischer na súa gandería en ecolóxico nas montañas de Estiria, Austria.

Nas rexións montañosas de Austria como Estiria, aos pés dos Alpes, a maioría das gandarías de vacún de leite son de tamaño medio e familiar e teñen moi claro a importancia de aproveitar todos os recursos dispoñibles na granxa. É habitual que, á marxe da produción láctea, unha fonte principal dos seus ingresos sexa a venda de recría para carne xa que a raza predominante no país son as vacas Fleckvieh, animais cun dobre propósito tanto para leite como para carne.

En Austria é habitual que á marxe da produción láctea unha fonte dos seus ingresos sexa a venda de recría para carne

Nesta liña traballan Erika e Martin Fischer, que contan cunha gandaría en ecolóxico con 55 animais, todos eles de raza Fleckvieh onde, á marxe das 27 vacas que teñen en muxido, a cría e engorde de tenreiros supón unha importante fonte de ingresos. Eles optaron tamén por calidade fronte a cantidade, unha aposta que lles valeu que nos últimos 5 anos fosen considerados como Rabaño de Elite de Estiria.

En días pasados visitamos, xunto a un grupo de gandeiros galegos que realizaron un Agrotour con Genetic Austria, a súa gandaría para coñecer como traballan.

Ganderia-Fischer-Estiria-Austria-Vacas-Fleckvieh-

A gandería conta con 55 cabezas de gando, de elas 27 vacas en muxido.

Empezar de novo en 2000

Erika e Martin tomaron as rendas da gandaría familiar en 1995, pero apenas 5 anos despois tiveron un importante revés que marcou, en gran medida, o presente da gandaría. Un incendio arrasou a súa granxa e obrigounos a construír de novo as instalacións en apenas 4 meses. Tras empezar de novo, optaron tamén por apostar pola calidade fronte á cantidade. “Hai 18 anos tiñamos claro que non queriamos medrar, senón mellorar, e esa foi nosa filosofía desde entón”, comenta Martin.

“Tiñamos claro que non queriamos medrar, senón mellorar, e esa foi nosa filosofía”

Contan cunha granxa con capacidade para 32 vacas en muxido pero sitúanse ao redor de 27. Teñen unha produción media 9.700 litros cunha media de entre 7 e 8 partos por vaca e unhas calidades de 4,2 de graxa, 3,3 de proteína e un reconto de células somáticas de 131.000. “Cando empezamos tiñamos unha produción media de 8.000 litros e nunca pensamos alcanzar estas medias”, recoñece Martin.

De feito, o gandeiro tampouco veu que este incremento na produtividade pasase factura aos seus animais. “En termos comparativos, o animal non se resente aínda que incrementásemos a produtividade porque a súa capacidade corporal e aptitudes non produtivas permítenllo. Esta é precisamente una das vantaxes que ten a Fleckvieh, permíteche alcanzar producións de 9.500 litros e que non haxa problemas na saúde do animal”, concreta o gandeiro.

No seu rabaño conta con animais que destacan e exemplifican esas calidades que busca na raza. É o caso, por exemplo, da vaca Bailarina, que acaba de terminar a súa 10ª lactación, cunha media de 10.000 litros por lactación, e encara o seu onceavo parto. É unha das tres únicas vacas da gandaría cruce de Fleckvieh con Holstein Vermella.

Ganderia-Fischer-Vaca-Fleckvieh-Bailarina-

Bailariana é unha das vacas destacadas da gandería pola su produción e lonxevidade.

Xunto a ela tamén destaca Afra, unha vaca Fleckvieh de 2010 con 8 partos e cunha media de 11.700 litros, con 3,6% de graxa e 3,14% de proteína. Aínda que, os seus mellores datos recolléronse na quinta lactación que chegou a 13.970 litros. “Con esta raza debes ter paciencia, sabes que nas primeiras lactacións non van ser representativas, xa que desenvolven o seu potencial na terceira lactación. A espera compensa xa que logo son animais que poden chegar a 10 partos”, valora o gandeiro.

Á hora de seleccionar os touros para o seu rabaño, Martin fíxase tanto na conformación corporal como na cantidade de leite e busca que esta produción supere a media ao redor de 600 quilos. Na súa gandaría busca un rendemento alto dos animais, aínda estando en ecolóxico. Tamén presta atención á condición dos ubres para evitar problemas no muxido.

Alimentación

As vacas saen ao pasto dende o mes de abril a setembro, polo menos 2 horas ao día. Nunha rexión onde os invernos traen importantes nevadas, xa que a granxa localízase a 690 metros de altitude, os días en que as condicións meteorolóxicas non permiten que saian ao pasto, varíase a ración. Na gandaría a ración é a base de silo de herba e millo, que fan nun mesmo silo. A iso súmase un aporte de 2,5 quilos de concentrado para os animais cunha produción de 20 quilos de leite. A partir dos 20 quilos de leite, o aporte chega até os 6 quilos de concentrado e até os 2,2 de proteína, de maneira que para as vacas cunha produción de 50 quilos apórtanlle uns 8,5 quilos de penso.

Ganderia-Fischer-Robot-Butler-comida-penso-Vacas-Fleckvieh--

O sistema de alimentación robotizado funciona 11 veces ó día.

Para a alimentación do gando contan cun dispensador automático de concentrado, un Butler, que funciona 11 veces ao día para motivar ás vacas a comer. “O Butler é o noso mellor traballador e consegue que as vacas se acheguen a comer máis veces”, indica Martin. A ración varía en función dos axustes que semanalmente lle remiten desde a asociación de control leiteiro e dependendo da cantidade de sólidos, de maneira que se nivela o aporte de proteína e penso.

Compra unha parte do alimento concentrado que mestura co ensilado nun proceso semiautomatizado que lle permite ter certo control sobre o aporte. A mestura contén un 25% de millo, 25% de trigo, 50% de cebada ou triticale e á parte engade a proteína, a base de restos de aceite de remolacha e colza, procedentes dunha planta local de produción de aceite.

Producir boa parte da forraxe

A inclinación de boa parte das terras, chegando mesmo ao 50%, fai que barallen sistemas de inxección, que polo momento non son obrigatorios.

A inclinación das terras chega mesmo ao 50% polo que barallan sistemas de inxección para o xurro, que polo momento non son obrigatorios.

A gandaría conta con 51 hectáreas entre propiedades e terreos alugados, na súa maioría próximos á granxa. Teñen 4 hectáreas de millo, 5 dedicadas ao cultivo de cereais, 6 hectáreas para alfalfa e trevo vermello e 12 hectáreas para pasteiros permanentes. Adoitan realizar 4 cortes de herba aínda que este ano, por primeira vez, lograron 5 cortes.

Despois de cada corte realiza un abonado de preto de 18 metros cúbicos por hectárea, xa que en ecolóxico teñen unha limitación anual de 40.000 litros por hectárea.

“A nosa meta é producir toda a forraxe necesaria pola dificultade que supón garantir que o que estás a mercar é realmente ecolóxico e de calidade”, indica o gandeiro. Ese esforzo por producir forraxe convértese en ocasións noutra fonte de ingresos. Así, o ano pasado puido vender os seus excedentes, preto de centenar de bólas de silo, a outras gandarías veciñas.

Ganderia-Fischer-palleira-

Realizan parte do secado da herba nunha palleira, onde contan cun sistema de ventilación e control de humidade.

Unha parte importante da herba seca que necesita almacénaa a granel e realiza o secado no interior da palleira. Dispoñen dun sistema de ventilación ademais de sensores de humidade que axudan a manter controlado todo o proceso.

O silo conta cunha capa do primeiro corte de herba, outro do segundo corte e unha capa de ensilado de millo.

O silo conta cunha capa do primeiro corte de herba, outro do segundo corte e unha capa de ensilado de millo.

Por outra banda, realizan 4 silos de herba e millo e sempre deixan un deles a modo de reserva para o próximo ano. Ademais, reparten en dous silos o mellor corte para contar coa mellor calidade durante todo o ano. “Co sistema de sándwich asegurámonos dispor de herba do primeiro corte, de mellor calidade, durante case todo o ano, xa que cada silo dúranos case 4 meses”, explica o gandeiro.

Ademais das terras de pradeira e cultivo, teñen outras 24 hectáreas de bosque, na súa maioría piñeiro, do que tamén aproveitan para comercializar madeira e abastecer as necesidades da familia, o que supón un ingreso extra.

A recría, fonte de ingresos adicionais

Á marxe da produción de leite ecolóxico que, a día de hoxe sitúase a un prezo medio de 49 céntimos por litro, a recría de animais supón unha fonte importante de ingresos para a gandaría. Adoitan contar cunhas 15 femias para garantir a substitución na granxa e o resto dos animais comercialízanos por distintas vías. Algúns dos animais véndenos como reprodutores en poxa ou por internet mentres que unha parte importante das xovencas termina en explotacións destinadas ao levante de cría. Mentres, os machos cébanos na propia granxa.

Nos primeiros días, os tenreiros permanecen en cubículos individuais e co leite dispoñible. Para garantir a conservación do leite acidifícana cunha dose de 5% de vinagre por litro cun PH de 5,5 nun proceso que realizan cando o leite está a unha temperatura de entre 25 e 30 graos.

Ganderia-Fischer-Estiria-Austria-becerros-raza-Fleckvieh_--

Sacrifican e comercializan os tenreiros na propia granxa cando alcanzan os 18 meses.

Destes cubículos, os tenreiros pasan a unha zona da granxa onde están en grupo e na que teñen acceso directo a un patio exterior. Permanecerán nesta zona ata que teñan 18 meses, idade coa que os sacrifican, cun peso de 250 quilos en canle e que se traduce nun prezo medio de entre 1.700 e 1.900 euros por animal.

Ganderia-Fischer-Austria-Sala-de-despece-e-matadoiro-

Sala de despece e matadeiro da gandería, onde sacrifican os tenreiros.

Na gandaría sacrifican uns 10 tenreiros ao ano e na propia granxa dispoñen dunha sala de sacrificio e despezamento. Da xestión dos residuos desta actividade encárgase unha empresa allea pero a comercialización da carne faise de forma directa ao consumidor na propia granxa.

Así, co leite, a venda da carne e de animais a granxa é o medio de vida para Martin e Erika, así como para o seu fillo Johannes, que acaba de incorporarse á actividade este mesmo ano e asegura a continuidade da gandaría familiar.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información