“Galicia ten potencial para triplicar a súa produción actual de leite”

O presidente de Reny Picot considera que é necesario que as explotacións aposten por transformar en pradeiras "a grande cantidade de terreos que a día de hoxe non están aproveitados" para rebaixar custos e ser competitivos

Francisco Rodriguez Reny Picot1

Francisco Rodríguez no seu despacho

Ten nome que soa a francés pero Reny Picot é a primeira multinacional láctea española e foi nos últimos anos una das industrias que máis aumentou a recollida de leite en Galicia, pasando de 134.000 toneladas en 2012 a 283.000 en 2018. Pero o seu presidente e fundador, Francisco Rodríguez, non se conforma e quere seguir medrando na comunidade que acapara o 40% da produción de leite de toda España.

Partidario de volver á política de cotas lácteas na Unión Europea pero cunha repartición máis xusta, denunciou en numerosas ocasións a marxinación do sector produtor de leite nas negociacións de entrada na CEE con topes á produción fixados moi por baixo da súa capacidade real así como do propio consumo interno, unhas limitacións que provocaron a internacionalización que caracterizou a historia de Industrias Lácteas Asturianas S.A. (ILAS), matriz de Reny Picot.

Cunha dilatada experiencia no sector lácteo, no que entrou sendo moi novo, Paco Rodríguez repasa nesta entrevista para Campo Galego a situación actual da produción de leite e as perspectivas de futuro nun mercado cada vez máis globalizado e competitivo no que Industrias Lácteas Asturianas leva décadas posicionado.

“España necesita producir 3.000 millóns máis de litros de leite por ano para equilibrar a demanda actual do país”

Son vostedes unha das industrias que máis creceu en Galicia nos últimos anos. Cal é o seu obxectivo para os próximos anos en canto a volume de recollida na comunidade galega?
Nós cremos que Galicia ten potencial para crecer, até chegar á altura dese territorio francés chamado Bretaña, que triplica a produción galega. Para iso fará falta acometer sen tardar a conversión da grande cantidade de terreos que ao día de hoxe non están aproveitados en verdadeiros pasteiros, de maneira que, vista desde o aire, sexa Galicia unha gran pradería. España necesita producir tres mil millóns máis de litros de leite por ano para equilibrar a demanda actual do país, sen contar coas posibles exportacións.

Reny Picot leva moitos anos con presenza en Galicia e na actualidade manteñen un acordo coa cooperativa Cobideza, en que consiste?
O acordo con Cobideza, do que estamos moi satisfeitos, dada a seriedade e rectitude que caracterizan a esta cooperativa, leva varios anos funcionando. Durante todo este período, a cooperativa realizou melloras considerables que redundan na calidade do leite e na estabilidade da produción.

Teñen en mente algún proxecto empresarial en Galicia? Actualmente xa concentran soro na planta de recepción de Farelo, en Agolada, podería ampliarse para transformar o leite que recollen nalgún tipo de produto en Galicia?
Desde logo, asistiremos, cos medios oportunos, ao desenvolvemento que no futuro poida darse en Galicia.

“A planta de Navia absorbe leite doutras industrias cando a conxuntura do mercado obriga a desviar parte da produción aos chamados produtos reguladores e tamén unha considerable cantidade de soro de queixarías de todo España”

Industrias Lácteas Asturianas mantén a súa sede en Anleo, onde comezou todo e onde levan o leite que recollen en Galicia. Que volume de leite procesan actualmente en Navia?
Os volumes de leite que procesamos en Anleo son variables, debido a que á recollida directa no campo han de sumarse as subministracións procedentes doutras industrias, sobre todo, cando a conxuntura do mercado obriga a desviar parte da produción aos chamados produtos reguladores. Por outra banda, en Anleo recíbese tamén unha considerable cantidade de soro de queixaría e a nata procedente de distintas factorías do país.

Apostan vostedes desde o principio por produtos de alto valor engadido. O mercado do leite líquido non é rendible?
En España, o leite líquido, o aceite, o azucre e os produtos de grande consumo en xeral ofrecen ao consumidor prezos pouco ou nada remuneradores para o conxunto da cadea de valor. O problema é vello. Pero chegará o momento en que se teña que optar. Está en xogo o mantemento das rendas agrarias.

“A chamada marca branca representa o non vai máis da competencia, dado que o fabricante compítese a si mesmo”

Con todo, vostedes producen leite de marca branca para cadeas de supermercados. Por parte dos produtores e tamén por parte doutras empresas sinálase de forma habitual ao leite de marca branca como responsable da depreciación do leite. Cre que teñen fundamento estas críticas?
A chamada marca branca representa o non vai máis da competencia, dado que o fabricante compítese a si mesmo.

En relación á caída do consumo de lácteos en xeral, é aínda reversible ou xa non?
O mercado dos produtos lácteos, como todos os mercados, sofre oscilacións. Pero as proteínas animais, con permiso dos que apostan polas proteínas vexetais, sempre serán prioritarias. De modo que é posible que uns produtos lácteos substitúan a outros de maneira temporal. O que non indica que en termos globais diminúa o consumo.

“O leite é o principal alicerce da alimentación do home. Non esquezamos que a carne é, primeiro, leite”

Como prevé que evolucione o sector lácteo no seu conxunto nos próximos anos nun mundo tan globalizado?
Seguirá sendo, coma sempre, o principal alicerce da alimentación do home. Non esquezamos que a carne é, primeiro, leite.

ILAS é a primeira multinacional láctea española e apostaron vostedes desde o primeiro momento pola diversificación e a internacionalización, cando ningunha outra láctea española o facía. Por que?
Porque en España tiñamos unha cota leiteira que nos impedía medrar aquí.

“Non hai dúbida de que a falta de cota láctea foi un hándicap que lastrou o crecemento do sector en rexións como Galicia ou Asturias nas últimas décadas”

As cotas asignadas a España no momento de entrada de España na CEE non se axustaron á capacidade real de produción de rexións como Asturias ou Galicia, creo que mesmo vostede advertiu diso a Felipe González no seu momento. Foi iso un hándicap que lastrou o crecemento do sector nas últimas décadas?
Desde logo. Non hai dúbida.

Como bo coñecedor do dereito comunitario, como ve o futuro do sector lácteo no conxunto da UE e en España?
É un problema político. Nalgúns lugares de Europa está en xogo o posible despoboamento do campo, o que representa, desde logo, non soamente un problema social, senón un desequilibrio económico e estratéxico de primeirísima importancia.

“O mercado non o arranxa todo, é necesario establecer sistemas de racionalización a nivel europeo”

Non fai moito nalgunha ocasión vostede pronunciouse a favor de implantar de novo algún tipo de límite á produción na UE. Por que? Inflúe a falta de regulación nos prezos?
Son dos que cren que o mundo lácteo non pode marchar ben se non se establecen, como fan polo xeral os anglosaxóns, os sistemas de racionalización convintes. Iso de que o mercado o arranxa todo é unha maneira de falar, non un xuízo responsable.

Que opinión ten dos contratos lácteos? Cre que están a funcionar? Nunhas semanas debería comezar en teoría a negociación dos próximos contratos do leite coas organizacións de produtores de leite, que desde este ano teñen a obriga de negociar os contratos das súas granxas socias.
Os contratos están ben, porque permiten a ambas as partes saber a que aterse.

“Os gandeiros galegos cobran menos polo leite porque levar ese leite a Barcelona supón 6 céntinos por litro en transporte”

Este verán, na inauguración do curso de verán da Granda afirmaba vostede que non todos os países europeos producen cos mesmos custos e iso crea tensións. Esas diferenzas danse tamén no prezo do leite dentro de España. Por que cre que en Galicia os gandeiros cobran menos polo leite con respecto a outras zonas como podería ser Asturias?
Porque Galicia produce moito máis leite do que consome, o que obriga a transportar o sobrante, co seu custo, a outras rexións afastadas. Entre A Coruña e Barcelona hai 1.100 quilómetros, o que supón 6 céntimos por litro de transporte.

Afirmaba tamén que España non ten as mellores condicións para producir máis barato. Cales son os retos aos que se enfrontan rexións con clara vocación produtiva como Asturias ou Galicia? Teñen capacidade Asturias ou Galicia para producir máis leite do que producen actualmente?
Unha forma de producir máis barato, sen que esta posibilidade se reduza por iso á simple alimentación do gando, é a de substituír pensos por forraxes, ecolóxicos ou non. Despois virán a condición xenética, a dimensión, o manexo, a sanidade, etc., etc. En definitiva, fan falta pradeiras.

Francisco Rodriguez Reny Picot2

Polonia é un dos países europeos que máis aumentou a produción láctea desde o fin das cotas e vostedes teñen presenza alí desde hai anos. É máis barata alí a materia prima e os custos de produción ou xa non?
Polonia é un país de grandes posibilidades leiteiras. O problema son as estacionalidades.

En relación a esa vocación internacional da empresa, coa súa presenza nos Estados Unidos, demostran vostedes que é posible vender produtos lácteos a un xigante produtor de leite como é EEUU. É posible, pois, competir coas grandes compañías agroalimentarias europeas ou americanas? Cal é a clave para iso?
Facer produtos cuxa calidade e prezo sexan comparables cos que en cada lugar sexa mester para competir. Cremos que se trata dunha lei universal.

“É probable que os empresarios chineses entren no sector lácteo como xa entraron noutros”

Tamén teñen presenza en China. Na maioría de países europeos o consumo de lácteos cae, mentres en lugares como China está a aumentar. É un mercado de futuro para o sector lácteo europeo?
China é un país difícil. Producións, costumes e nivel de vida están alí evolucionando. E, claro, dada a inmensidade da poboación, calquera tendencia ao consumo de novos produtos supón volumes moi importantes, aínda que a porcentaxe sobre o consumo global do país sexa baixa.

Xa hai empresas chinesas facendo investimentos no sector lácteo en Galicia, por exemplo a adquisición de Euroserun Ibérica, situada en Monforte de Lemos, por parte da compañía chinesa Yeeper Dairy. Entrarán os chineses neste sector como xa entraron noutros?
O probable é que si. Porque, por que non?

 

Multinacional asturiana con presenza en 3 continentes

Industrias Lácteas Asturianas mantiene su sede en Anleo, en el municipio asturiano de Navia

Industrias Lácteas Asturianas mantén a súa sede en Anleo, no municipio de Navia

Francisco Rodríguez García naceu en Trascastro (antigo concello de Leitariegos, hoxe Cangas de Narcea), Asturias, en 1937. Tomou o relavo da tradición familiar, tras licenciarse en Económicas pola Complutense de Madrid e terminar a súa formación cunha estancia nos Pireneos franceses, ao poñerse á fronte da antiga fábrica de queixos rexentada polo seu tío Joaquín Rodríguez, Mantequerías Rodríguez SA, cunha pequena fábrica de queixos no Escorial e varias tendas en Madrid.

En 1960, con 23 anos, Francisco Rodríguez e Pablo Mayoral (que deixou a sociedade en 1989) poñen 150.000 pesetas cada un para fundar a empresa Reny- Picot SL. Buscan un nome que soe a francés para os seus queixos tipo francés e decídense por instalar a primeira factoría nunha local propiedade do pai de Pablo, que levaba anos pechado e que fora salón de baile na localidade de Anleo, en Navia, e que escollen por ser a única poboación da zona que tiña liña de teléfono.

Con 23 anos Paco Rodríguez empezou a fabricar en Navia, xunto a Pablo Mayoral, queixo Camembert, para o que buscaron un nome que soase a francés

A fábrica de sete traballadores comeza a elaborar queixo Camembert. O propio Paco Rodríguez facía a recollida pola zona cunha moto e un remolque e os queixos que fabricaban viaxaban até Oviedo no teito do Alsa e desde alí un mozo de estación facturábaos no tren express para Madrid.

Experto en dereito comunitario de temas agrarios, doutor Honoris Causa pola Universidade de Oviedo, Francisco Rodríguez foi presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) e escribiu diversos libros sobre desenvolvemento e sustentabilidade da economía asturiana.

Agora está arroupado polos seus dous fillos, Rocío e Juan, xa integrados plenamente na dirección da compañía que el levou a converterse, co paso do tempo, nunha referencia internacional con presenza en distintos países de Europa, América e Asia.

O 50% da facturación de Reny Picot procede das súas vendas no estranxeiro

ILAS ten hoxe presencia en tres continentes e posúe fábricas en España (en Madrid, Zamora e Asturias), México, EEUU, Francia e Polonia e ten presenza comercial en China e Portugal, unha expansión internacional que iniciou hai 40 anos instalando en México unha planta de soro, transformada posteriormente en fábrica de queixos, en Chihuahua, a 300 quilómetros da fronteira sur de EEUU.

Reny Picot recolle máis de 300 millóns de litros de leite (a maior parte en Galicia) e factura 700 millóns de euros, a metade grazas ás vendas fóra de España, tras diversificar en produtos de alto valor engadido. A súa ampla gama de queixos e a súa manteiga seguen sendo os seus produtos máis recoñecidos, aos que se sumaron os leites infantís, postres, salsas, produtos dietéticos ou para a industria farmacéutica e leite en po. A venda de leite líquido só supón, sen embargo, o 10% da facturación do grupo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información