Galicia ten o menor índice de España de tuberculose en gando vacún

A incidencia desta enfermidade do gando bovino é en Galicia do 0,08%, o máis baixo de toda a Península, grazas ás campañas de erradicación desta enfermidade. En comunidades do sur de España está repuntando esta zoonose afectando a máis do 17% da cabana en Andalucía

Galicia ten o menor índice de España de tuberculose en gando vacún

A cabana gandeira galega é das máis saneadas de España

Galicia é a Comunidade líder en España na erradicación da tuberculose bovina, unha enfermidade que no 2015 afectou ao soamente 0,08 da cabana de vacún galega, mentres que o conxunto do España situouse no 2,81%, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente.

A tendencia á baixa en Galicia -pasou do 0,11% en 2014 ao 0,08 en 2015- contrasta coa evolución no resto de España, onde a incidencia desta enfermidade multiplicouse nos últimos anos, pasando do 1,39% ao 1,72% de 2013 a 2014 e ao 2,81º% en 2015. Isto compromete a partir de 2018 as axudas da Unión Europea -62,7 millóns en 2016- para a erradicación de enfermidades animais, á vez que supón un lastre comercial para a exportación de carne de vacún.

Por encima desta taxa de prevalencia media están sobre todo Andalucía, que a incrementa ao 17,24%, fronte ao 11,51% de 2014;  Estremadura, que pasou do 4,62% ao 12,23% dun ano a outro; Castela-A Mancha (do 7,21% ao 7,63%); Madrid (do 3,55% ao 3,86%), mentres que A Rioxa iguala a taxa do 2,81%, tras elevala do 0,72% en 2014.

O resto de CC.AA. están por baixo desa media, aínda que algunhas tamén empeoran a súa situación en relación a 2014, caso de Aragón (0,81%); Asturias (0,28%), Baleares (0,60%), Cantabria (1,38%);  Cataluña (0,32%), e Murcia (1,66%).

“A tuberculose bovina ha aumentado no Sur de España, Reino Unido e parte de Irlanda”

Canarias rexistrou unha taxa do 0,0% e tamén melloraron a súa situación Castela e León, ao pasar do 2,2% ao 1,93 de taxa de prevalencia; Galicia, do 0,11% a só o 0,08%; a Comunidade Foral de Navarra, do 0,67% ao 0,50%; País Vasco, do 0,25% ao 0,16% e Comunidade Valenciana, do 3,06% ao 2,73%.

O obxectivo do Ministerio é situar a prevalencia media da enfermidade en España por baixo do 2% en 2020, do 1% en 2025 e e inferior  0.1% en 2030.

Xunto ao Sur de España, outras zonas “quentes” cun incremento sostido dos casos de tuberculose bovina detectados desde 2014), son o Reino Unido e parte de Irlanda. De feito España, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido e Austria son os únicos países da UE que teñen na actualidade programas de erradicación de tuberculoses aprobados e cofinanciados pola Unión Europea.

Incidencia da tuberculose bovina por animais e comercas en 2013: 

tuberculose_rabano

Máis de 830.000 animais controlados en Galicia e só casos 28 positivos

A situación de privilexio de Galicia na loita contra a tuberculose bovina débese, en gran parte, aos estritos programas de erradicación desta enfermidade postos en marcha hai décadas.

En Galicia, segundo datos facilitados pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, contrólanse cada ano unha media de 830.000 animais nas campañas de saneamento gandeiro. O número de explotacións positivas é cada vez máis reducido, situándose en 28 no ano 2015 e neste ano en 15 ata o 1 de setembro, sobre un total dunhas 35.000 ganderías de bovino que hai na Comunidade.

A este respecto, unha crítica recorrente por parte das organizacións agrarias é a dos faltos positivos: animais que na explotación dan positivo nas probas pero que no control realizado no matadoiro non se considera que teñan tuberculose, debido a diferentes motivos como que os animais poidan ter a enfermidade aínda que non se observen signos visibles, porque os animais, dependendo da súa idade, resistencia ou outros factores son capaces mesmo de eliminar o xerme ou encapsulalo.

“O gandeiro en xeral comprende que é prioritario erradicar a enfermidade”

En todo caso, a postura da Administración é primar a erradicación da tuberculose, optando por medidas drásticas como o sacrificio das vacas infectadas e mesmo de todas as da granxa, cando se supera unha determinada porcentaxe de afectación, con compensacións para os gandeiros.

“É preferible sacrificar un falso positivo a que, por rebaixar o alto nivel que temos en Galicia na loita contra a tuberculose bovina, se nos cole un animal positivo que propague a enfermidade”, asegura un veterinario dunha Ads. “O gandeiro en xeral compréndeo e comparte esta filosofía, máxime cando en Galicia o vacún de carne e de leite teñen unha importancia económica moi grande”, engade.

En Galicia a fauna silvestre non é considerada causa de infección de tuberculose bovina

Unha das reivindicacións do sector gandeiro, sobre todo no sur de España, é a necesidade de plan de vixilancia da fauna silvestre ao considerala como un reservorio de tuberculose que acaba transmitindo ao gando.

Sen embargo, tal como explican desde a Consellería do Medio Rural, en Galicia a situación é á inversa: “en Andalucía ou Estremadura o gando en extensivo convive con cervos e xabaríns, pero en Galicia é o gando vacún o que contaxia de tuberculose á fauna salvaxe”. Neste sentido, e co obxectivo desenvolveuse un plan de vixilancia do estado sanitario da fauna salvaxe galega e constatouse que “só un 2% das máis de 2.000 mostras recollidas indican que o xabaril ten tuberculose, ampliándose este dato ao 2,5% naquelas zonas onde o gando vacún vive en réxime extensivo”. Precisamente, esta porcentaxe, o 2%, contrasta co 52% detectado en fauna salvaxe de determinadas zonas do sur da Península.

“En Galicia a fauna silvestre non é a causa de infección de tuberculose en bovinos”

“Por tanto, en Galicia a fauna silvestre non é considerada causa de infección de Tuberculose ao gando bovino, ao contrario, é o gando bovino o causante da infección no escaso e puntual número de xabarís diagnosticados positivos”, subliñan desde da Consellería do Medio Rural.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información