Galicia reduce un 55% as importacións de leite e nata sen concentrar

Os datos de comercio exterior do 2016 revelan que a comunidade mantén conxeladas as súas exportacións lácteas, unha situación similar á do resto de España

Galicia reduce un 55% as importacións de leite e nata sen concentrar

Control de gandeiros sobre unha cisterna procedente de Portugal, o pasado ano en Monforte. / Arquivo.

Os últimos datos de comercio exterior, correspondentes ó ano 2016, amosan que Galicia reduciu un 55% as súas importacións de leite e nata sen concentrar en relación ó 2015. Foron 75.000 as toneladas de produto que entraron na comunidade, polas 171.000 do ano anterior.

A dispoñibilidade de materia prima no campo a baixos prezos, durante moitos meses mesmo por baixo do 20 céntimos, explica en boa medida ese cambio de tendencia, segundo as valoracións do sector. En produtos de maior valor engadido ou elaborados, como lactosueros, manteiga e queixos, as cifras de importacións e exportacións mantéñense similares a pasados exercicios.

O dato negativo do último ano é que Galicia mantén conxelado o seu volume de exportacións en leite equivalente, unha situación similar á do resto de España. A balanza comercial mellorou pola caída das importacións de leite e nata sen concentrar, pero en produtos elaborados ou de maior valor engadido mantéñense cifras de importacións similares a pasados exercicios.

Os queixos importados, que representan un 45% das compras de lácteos ó exterior, aumentan a súa presenza en España

A diferenza entre compras e vendas ó exterior, segundo os últimos datos gubernamentais, ronda as 500.000 toneladas de leite equivalente ó ano.

Queixos
Un dos retos que enfronta o sector lácteo galego e español é o de facerse con parte do mercado que copan os queixos importados, que representan o 45% das importacións en leite equivalente. Ese obxectivo continúa sen rexistrar avances significativos. España importou no último ano 267.000 toneladas de queixos, un 4% máis que o ano anterior. A boa noticia é que as exportacións medran un 8%, acadando as 88.000 toneladas.

En Galicia, impórtanse case o dobre de queixos (2.079 toneladas) dos que se exportan (1.249 toneladas), se ben a diferenza reduciuse no último ano, tanto por unha lixeira baixada das importacións como pola suba das exportacións, que no 2015 foran de 1.065 toneladas.

O sector lácteo agarda que o Ministerio de Agricultura impulse á maior brevidade o decreto que obrigará á identificación da orixe de produtos lácteos elaborados con leite importado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información