Galicia perdeu un 10% das granxas desde o fin da cota láctea

A Consellería do Medio Rural e as organizacións agrarias enzárzanse nun cruce de valoracións ó fío dos últimos datos sobre peche de explotacións e balances do 2016

Galicia perdeu un 10% das granxas desde o fin da cota láctea

Imaxe dunha reunión da Consellería coas organizacións agrarias. / Arquivo.

Hai unha realidade sobre o sector lácteo galego na que hai consenso no conxunto dos axentes, tanto na Administración como nas cooperativas e nas organizacións agrarias. Tódalas partes coinciden en que as granxas galegas fixeron un gran esforzo de modernización nas últimas décadas, ata o punto de que as explotacións da comunidade pouco teñen que envexarlle en instalacións, equipos e manexo ás do resto de Europa. As interpretacións sobre o sector a partir de aí son como o día e a noite.

Os balances particulares que cada entidade fai do 2016 veñen de xerar un cruce de declaracións e de notas de prensa entre a Consellería do Medio Rural e as organizacións agrarias.

As organizacións agrarias aseguran que hai granxas que non pechan porque non poden, dadas as altas débedas pendentes de pago

Os números sobre peche de explotacións lácteas semellan ter pouco misterio. O goteo de redución de granxas é constante e progresivo nos últimos anos. O fin da cota, en marzo do 2015, abría un periodo de libre mercado no que en teoría as granxas terían libertade para medrar e dimensionarse; pero esas expectativas fallaron. As cotizacións do leite caíron, parte das explotacións tiveron e teñen problemas para vender o leite a prezos de mercado e o peche de ganderías proseguiu.

Desde o fin das cotas, Galicia perdeu un 10% das súas explotacións lácteas, pasando dunhas 9.530 a 8.550. As organizacións agrarias interpretan que a crise de prezos está detrás do peche das granxas e aseguran que mesmo hai explotacións que non pechan porque non poden, dadas as altas débedas pendentes de pago.

Punto de vista da Consellería
Onde as organizacións agrarias ven negro, a Consellería ve branco. Medio Rural acusa de “catastrofismo” ás organizacións agrarias e fala de que a redución de explotacións está provocada en boa medida polo asociacionismo e fusión de granxas. “O 24,2% dos gandeiros galegos xa están unidos a través de distintas fórmulas (sociedades limitadas, sociedades civís, Sat, etc.). Destacan especialmente as sociedades civís, con 1.585 socios e que producen o 32% do leite galego”, valora a Xunta en nota de prensa.

“O 24% dos gandeiros xa está unidos a través de fórmulas asociativas (SC, Sat, etc.). As granxas que desaparecen son pequenas e sen remuda xeneracional” (Medio Rural)

Desde a Administración inciden en que a maioría das explotacións máis dimensionadas, por riba de 400.000 quilos de cota, están xestionadas por persoas mozas, en tanto as granxas de menos de 200.000 quilos de cota están en mans de persoas maiores e con escasas perspectivas de relevo xeneracional, segundo o entender da Consellería. “Son estas as granxas que están desaparecendo por falta de remuda xeneracional”, sinala Medio Rural.

Valoracións das organizacións agrarias
Esas valoracións son cuestionadas polas organizacións agrarias. O sector produtor atribúe a gran maioría de peches de granxas á crise e cuestiona os argumentos da Xunta. Unións Agrarias sostén que gran parte das sociedades gandeiras son familiares, non derivadas da fusión de explotacións.

“Que é mellor, un rural galego con 3.000 macro-granxas ou con 10.000 explotacións, tendo en conta o impacto de cada gandeiro no seu entorno?” (SLG)

“A práctica totalidade das sociedades civís son sociedades entre o home a muller, ou entre pai e fillo. A propia Xunta obrigaba a constituír a sociedade civil para acceder a axudas” -lembra Óscar Pose, de Unións Agrarias.- “É certo que algunha fusión de granxas houbo, pero moi escasas”, conclúe.

O problema de fondo, desde a perspectiva do Sindicato Labrego Galego (SLG), é de modelo. En tanto a Xunta considera lóxico o peche das pequenas explotacións, sen relevo xeneracional, o Sindicato Labrego, ante estes razonamentos, sempre fai a mesma pregunta: “Que é mellor para Galicia, un rural con 3.000 macro-granxas ou un rural con 10.000 explotacións, tendo en conta o impacto que ten cada gandeiro no seu entorno, tanto a nivel social como económico e de xestión do territorio?”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información