Galicia participa nun proxecto para etiquetar o leite respectuoso co medio

Galicia participa nun proxecto para etiquetar o leite respectuoso co medio

A Consellería do Medio Rural participará a través do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no proxecto europeo Dairy for future que busca establecer un etiquetado específico do leite que procede de granxas con prácticas eficientes dende o punto de vista medioambiental.

O proxecto, baixo o título Dairy for future foi aprobado polo comité de seguimento de Proxectos Interreg da convocatoria Interrreg da Rexión Atlántica e ten catro anos de duración. Conta cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros e nel participan, xunto ao CIAM e Ingacal, prestixiosos centros de investigación, entidades de asesoramento e universidades doutras nove rexións do Arco Atlántico que abranguen dende Escocia ate as Illas Azores. Contará cunha rede de 100 granxas piloto distribuídas polas dez rexións que participan no proxecto e dez destas explotacións estarán en Galicia.

As rexións do arco atlántico europeo producen máis do 20% do leite da Unión Europea e é por iso que se pretende dotar aos diferentes actores do sector: produtores, industria, distribución e consumidores, de ferramentas de análise de fácil comprensión e execución que relacionen a eficiencia produtiva e económica coa preservación do medio ambiente. Por iso, chegar a establecer un etiquetado que tanto en granxas como en produtos identifique aquelas prácticas mais eficientes será o obxectivo final deste proxecto.

Entidades participantes

Os centros galegos participan neste proxecto interrexional en colaboración con outros moitos centros como o Institut de l´Elevage (Bretaña), INRA (Francia), Teagasc (República de Irlanda); College of Agriculture, Food and Rural Enterprise (Irlanda do Norte), AFBI Hillsborough (Irlanda do Norte), Scotland’s Rural College (Escocia), Agriculture and Horticulture Development Board (Reino Unido), NEIKER (País Vasco), UTAD, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Norte de Portugal) e o Instituto Superior de Agronomia – Universidade de Lisboa (Lisboa, Val do Teixo e Rexión de Azores).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información