“Galicia necesita xa un plan estratéxico para o seu sector lácteo”

Entrevista a Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela especializado en economía agraria. Demanda que o goberno da Xunta acorde con sector un plan estratéxico para o sector lácteo galego

“Galicia necesita xa un plan estratéxico para o seu sector lácteo”

Edelmiro López Iglesias

Edelmiro López Iglesias é un gran experto no estudo do campo galego. Profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, dirixiu entre 1999 e 2005 o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Durante o Goberno Bipartito (2005-2009) ocupou o cargo de Director Xeral de Desenvolvemento Rural na Consellería do Medio Rural, asumindo tamén as responsabilidades de Director Xeral da AGADER e do FOGGA.

Fala da situación actual e das estratexias de futuro para o lácteo galego, un sector que move preto de 800 millóns de euros, arredor do 40% do conxunto do Estado, pero cunha industria láctea que só supón o 10% do total español en termos de valor engadido bruto.

Os prezos do leite na Unión Europea levan arredor dun ano e medio de caída e parece que as perspectivas de recuperación son para finais de ano ¿Prevíase esta situación por parte das autoridades da Comisión Europea que decidiron suprimir as cotas lácteas?
A orixe da situación que estamos vivindo débese, máis que á Unión Europea, ás oscilacións do mercado mundial de produtos lácteos. É dicir, dende mediados do ano 2014, un ano antes de que se suprimisen as cotas na UE, xa os mercados internacionais amosaban unha tendencia á baixa, e a eliminación das cotas en abril de 2015 colle ao sector nesa tendencia descendente.

Partindo disto, o que indican os datos é que a eliminación das cotas aínda alimentou máis a expansión da produción na Unión Europea. E nun contexto de mercados mundiais xa deprimidos, acentuou máis o problema.

A baixada de prezos que están vivindo os gandeiros é un problema máis global de desregulación dos mercados mundiais de produtos lácteos, e a supresión das cotas na Unión Europea contribuíu a acentualo.

¿Pódese concluír que a Comisión Europea fallou totalmente nas súas previsións?
Todas as proxeccións e estudos previos encargados pola Comisión para nada prevían este escenario. Lémbrome das primeiras análises das institucións europeas varios anos antes da supresión das cotas e as proxeccións apuntaban a incrementos da produción de leite na UE de arredor do 5% e en ningún caso caso chegaba ao 10%. ¿Pero que pasou realmente? Nas catro campañas previas ao 2015 foise aumentando as cotas e a produción na UE medrou máis dun 5%, e eliminadas as cotas en abril do ano pasado xa levamos algo máis dun ano cun incremento forte da produción.

“O problema de fondo é que a Comisión Europea se nega a regular o mercado lácteo”

Creo que, sobre todo, o que non estaba previsto era o incremento brutal da produción que están levando a cabo algúns países, principalmente en Irlanda e Holanda. Aínda que é certo que o Goberno irlandés xa falaba hai uns anos de que o seu plan estratéxico era aumentar a produción láctea nun 50% ao longo das próximas campañas.

A isto temos que engadir que a Comisión Europea suprimiu os mecanismos de regulación dos mercados lácteos que había e non se dotou duns novos, confiando todo á autorregulación entre gandeiros e industrias e limitándose a pequenas medidas de dar liquidez ás explotacións ou de retirar leite do mercado mediante a intervención.

A pasada semana o Comisario Europeo de Agricultura, Phil Hogan, anunciou o terceiro paquete de medidas para atallar a crise de prezos do sector lácteo, con 150 millóns para fomentar unha redución voluntaria e 350 millóns a repartir entre os distintos Estados para medidas de apoio ao sector. ¿Van estas medidas na dirección correcta para axudar aos gandeiros fronte á caída de prezos do leite?
Estamos ante o terceiro paquete de medidas que a Comisión adopta despois da eliminación das cotas lácteas para facer fronte aos problemas que están vivindo os produtores lácteos na Unión Europea. Cando un mira en conxunto as medidas que se tomaron a miña impresión global é que case ningunha merecería unha valoración negativa, aínda que con matices.

Pero creo que estas medidas teñen un problema de perspectiva, pois concíbense como pequenas medidas para facer fronte ao que consideran un problema conxuntural, cando creo que o problema é máis de fondo, máis estrutural, que é o de que mecanismos se vai dotar a Unión Europea para regular mínimamente os seus mercados lácteos e manter unha mínima estabilidade de prezos para os gandeiros.

Así, no paquete de axudas aprobado a semana pasada hai unha serie de medidas que veñen a ser unha repetición calcada do primeiro paquete que adoptou a Comisión en setembro de 2015. É dicir, seguir retirando excedentes do mercado a través da intervención pública, axudas ao almacenamento privado…etc, pero sen tocar o prezo de intervención, de 0,20 euros por litro, o que non cambia as cousas para moitos gandeiros que seguen cobrando a prezo de intervención.

Por outro lado, volve incluír unha nova axuda de 350 millóns de euros que se transfiren aos Estados membros para facilitar liquidez ás explotacións. Trátase dun calco moi parecido do paquete de 450 millóns que se aprobara en setembro de 2015. Está ben pero non é máis que un pequeno balón de oxíxeno.

“As novas medidas da Comisión Europea poden incentivar o abandono nas rexións produtoras con máis problemas”

A novidade está en dúas medidas, sobre todo na aprobación a nivel europeo dunha axuda de 150 millóns para incentivar a redución voluntaria da produción. Esta medida demostra que a Comisión Europea vai cambiando sobre a marcha a medida que as circunstancias a obrigan, porque en marzo deste ano, cando autorizou esta medida para que a puxeran en marcha os estados membros, rexeitaba implantala a nivel da Unión Europea.

O problema é que esta medida pode contribuír a reducir algo a oferta, pero ten un problema básico xa que pode estimular o abandono da produción daquelas explotacións con maiores problemas e nas zonas con maior debilidade, caso de Galicia, ao mesmo tempo que a produción en Holanda, Irlanda, Alemaña ou Dinamarca e nas grandes explotacións sigue aumentando.

E a segunda medida novidosa é o desacoplamento das axudas do vacún de leite. É dicir, que en 2017 se podan pagar estas axudas aínda que o gandeiro se desfaga de todas as vacas. Vai na mesma liña de facilitar o abandono, sobre todo nas zonas con maior debilidade.

No caso de Galicia e do Estado Español, ¿Poderíase dicir que a supresión das cotas puxo máis en evidencia as debilidades do sector lácteo galego e español?
A crise de prezos que está vivindo o sector débese a que por un lado acelerouse o incremento da produción tanto na Unión Europea como noutras zonas produtoras, e ao mesmo tempo caeu a demanda mundial, debido sobre todo á contracción das importacións de China.

Pero nos últimos catro meses as importacións de China están medrando a forte ritmo, sobre todo as de produtos lácteos da Unión Europea, que pasou de ser a vítima ao verdugo fronte a outros competidores como Nova Zelanda ou Estados Unidos. O desequilibrio no mercado lácteo mundial neste momento non é tanto por falta de demanda, que está volvendo a medrar, senón polo problema de sobreproducción na Unión Europea. Creo que a nivel mundial deberían presionar á Comisión Europea para que reducise a súa produción.

Gustaríame que a nivel europeo se recuperen mecanismos públicos de estabilización do mercado, non para manter prezos artificiais por decreto, senón que, dada a volatilidade dos prezos nos mercados, para evitar as montañas rusas nos prezos, que terán efectos negativos en todo o sector lácteo europeo.

¿Por que non decide a Comisión Europea medidas máis contundentes de carácter de redución obrigatoria da produción, sobre todo nos países que máis a incrementaron?
Por unha parte, porque na Comisión Europea impera un fundamentalismo neoliberal que defende que os mercados se deben autorregular sen intervención pública.

E logo creo que, remitíndome aos feitos, os maiores produtores e exportadores de produtos lácteos na Unión Europea cren que a río revolto ganancia de pescadores. É dicir, que no medio deste caos eles creen que se van facer co sector lácteo europeo e son os que están bloqueando que a Comisión adopte medidas máis contundentes de regulación dos mercados. Así, cando se ven as propostas de Francia, que van nun sentido máis avanzado, quen as bloquean son Irlanda, Holanda, Reino Unido, Dinamarca e Alemaña, que son precisamente os que están gañando máis produción láctea.

“Irlanda, Holanda ou Alemaña frean á Comisión para que interveña porque cren que sairán gañando coa crise láctea”

Isto a Galicia colócanos nunha situación complicada porque na UE España ten pouca capacidade de decisión, aínda que si creo que podería facer moito máis buscando alianzas con outros países.

O problema é que hai unha opción dos maiores grupos lácteos europeos e dos grandes produtores que teñen tomada a decisión de que eles poden aguantar este período de moita inestabilidade mentres caen as explotacións e as rexións produtoras máis febles, e eles acabarán copando o mercado.

Eses países e os seus produtores lácteos teñen unha estratexia, e o que boto de menos é que en Galicia tamén a teñamos.

EVOLUCION_PRODUCCION_LEITE_UE

Fonte: Comisión Europea

¿E que podemos facer en Galicia e en España para defender o noso sector lácteo neste contexto?
É certo que por parte do Goberno da Xunta anunciouse a creación dun grupo de traballo para elaborar un Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo, houbo un par de reunións para intercambiar impresións, pero polo que sei non se elaborou un plan a medio e longo prazo. Sendo pragmáticos e realistas, penso que en Galicia podemos actuar sobre tres campos para fortalecer a situación dos produtores lácteos galegos.

En primeiro lugar, é necesaria unha actuación máis contundente e valente para resolver o problema da base territorial das explotacións gandeiras, porque necesitamos que sexan quen de producir o leite a menor custo mediante o uso de máis forraxes propias e de calidade na alimentación do gando, para que lles quede maior marxe ao final do mes. E iso depende de medidas que non están en mans nin de Bruxelas nin de Madrid, senón do goberno galego. Os primeiros pasos que se deron co Banco de Terras o actual goberno da Xunta paralizounos e sen poñer en marcha unha alternativa.

“A Xunta debería intervir xa para aumentar a base territorial das explotacións”

Dentro dese primeiro apartado, tamén o goberno da Xunta debería reorientar por completo os plans de mellora das explotacións lácteas. É dicir, deberíase deixar de facilitar os investimentos en maquinaria e en instalacións e dirixir as axudas a ganderías máis ligadas á terra e menos dependentes dos insumos externos de pensos, o que nos permitiría tamén diferenciar máis o leite producido en Galicia. Deberíase mellorar tamén a formación dos gandeiros como produtores agrícolas de alimentos para o gando.

Tamén defendes que é imprescindible actuar sobre a industria láctea galega….
É o segundo piar sobre o que si pode actuar o Goberno da Xunta. A Galicia estalle afectando máis esta crise porque somos unha potencia produtora pero somos un anano en termos industriais. É dicir, de cada 100 litros de leite que producimos, 30 saen directamente en cisternas para industrializalo noutras partes de España (é o caso de Reny Picot, Danone, Pascual…etc), e dos 70 litros que se transforman en Galicia, o 80% envásanse en brik, e cada vez máis para segundas marcas e marcas brancas da distribución a baixo prezo. Só elaboramos un pouco de queixo, algo de iogur e de leite en po.

“Se o goberno da Xunta se implica, Lactalis pode converterse na Citroen do sector lácteo galego”

Neste sentido, necesitamos reforzar a pata industrial para transformar en Galicia todo o leite que producimos e, sobre todo, diversificar os produtos elaborados para aumentar máis o peso de queixos, iogures e postres lácteos. Do contrario, estamos condenados a converternos, como moito, nunha zona de abastecemento de leite a baixo prezo e con moitos produtores con cada vez máis problemas para vender o leite.

Á Xunta de Galicia temos que esixirlle un plan estratéxico no que se marque como obxectivo conseguir atraer empresas e de certo tamaño que transformen o leite en Galicia e con produtos de máis valor engadido.

¿Isto non se vería dificultado polo feito de que a maioría da industria láctea galega é de capital foráneo?
Temos que traballar coa realidade que temos. Neste sentido, creo que é fundamental fidelizar e vincular a Galicia a Lactalis. Esta multinacional francesa é a maior recolledora de leite galega e pódese acabar convertendo na Citroën galega do leite ou nun dos múltiples exemplos que tivemos de industrias que se aproveitaron dos nosos recursos e logo marcharon. A Xunta de Galicia si actuou para fidelizar a Citroen en Galicia e que cree emprego e riqueza no país, pois o mesmo debería facer o Goberno galego con Lactalis.

E xunto a iso hai outros actores a potenciar. En concreto, creo que sería importante fomentar alianzas entre Central Lechera Asturiana e a cooperativa portuguesa Lactogal, propietaria de Leite Celta, para proxectos industriais en Galicia. E paralelamente a Xunta de Galicia debería favorecer a implicación dos gandeiros na transformación industrial da súa produción en produtos de valor engadido. Ben sexa a través de iniciativas máis pequenas das súas cooperativas, ou facilitando que entren como Organizacións de Produtores Lácteos ou como cooperativas no accionariado das industrias que están traballando en Galicia, para poder así ter capacidade de decisión. Así, creo que pagaría a pena intentar que grupos organizados de gandeiros galegos entren no accionariado de Central Lechera Asturiana.

Por último, un terceiro apartado no que o Goberno galego en colaboración co goberno español podería traballar é na organización da cadea de valor.

Neste sentido, ¿Como valoras os resultados do Acordo Lácteo?
Creo sinceramente que pouco se pode avanzar simplemente mediante a publicación de decretos no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial do Estado, se non hai compromisos reais dos axentes implicados.

O Paquete Lácteo na Unión Europea aprobouse no 2012, o primeiro decreto en España é do mesmo ano e catro anos despois non houbo cambios substanciais no que son as relacións de forza entre produtores, industria e distribución.

Creo que para que o paquete lácteo funcione necesítase unha industria láctea máis forte, con produtos máis diversificados e de máis valor engadido, para ofrecerlle mellores condicións aos gandeiros. Ademais, creo que se o Ministerio apreta a unha industria láctea feble que só se dedica ao envasado pódese provocar que acabe saíndo do mercado.

“A actuación do Goberno no Acordo Lácteo é claramente favorable á distribución”

Pola contra, onde máis presión debería facer o Goberno é na distribución, algo que non está a facer. Actualmente, é escandalosa a actuación da Comisión Nacional da Competencia, dependente do Goberno, en beneficio da distribución e en contra da industria e dos produtores. É dicir, pode haber unha gran cadea de distribución que se faga co 70% do mercado dunha Comunidade Autónoma e a Comisión Nacional da Competencia di que non pasa nada, pero si sanciona a organizacións de produtores se se reúnen para negociar o prezo ou ás industrias se colaboran para negociar a fabricación de leite de marca branca coa distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información