Galicia mantivo estable o seu volume de produción de leite no 2016

As entregas medraron no conxunto de España en 93.000 toneladas, un 1,4% en relación ó pasado exercicio. A baixada en Europa das cantidades recollidas nos últimos meses do ano favoreceron a recuperación de prezos

Galicia mantivo estable o seu volume de produción de leite no 2016

As entregas baixaron en especial no último trimestre do ano.

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) vén de pechar as estatísticas lácteas do 2016 co informe correspondente ó mes de decembro. Os números revelan que a produción láctea mantívose estable en Galicia no último ano, cunhas entregas totais de 2,6 millóns de toneladas, un 37,6 % do total estatal. En España, as entregas medraron en 93.000 toneladas, un 1,4%, ata aproximarse ós 6,9 millóns de toneladas.

A produción en Galicia, zona na que se concentraron as principais dificultades de comercialización do leite durante a crise, repetiu cifras similares ó 2015. Houbo un aumento na estatística de 13.000 toneladas na produción global do 2016, se ben hai que ter en conta que en setembro do 2015 deixaron de entregarse na comunidade máis de 16.000 toneladas de leite a raíz da folga de entregas, polo que as cifras reais do 2016 son na realidade lixeiramente inferiores ás do 2015.

A tendencia á redución da produción notouse en especial no último trimestre do ano, tanto a nivel de España como de Galicia, onde a baixada foi do entorno do 2,5%. Esa redución das entregas, fomentada en toda a UE por un plan europeo, favoreceu o aumento dos prezos medios do leite nos últimos meses do ano.

Prezos

As cotizacións medias no campo pecharon o ano en Galicia en 29,8 céntimos (+ 0,1 en relación a novembro), en tanto no conxunto de España repetíronse os valores de novembro (31,3 céntimos). Galicia segue a ser a comunidade cos prezos máis baixos a nivel de toda España. A media ponderada do resto de comunidades autónomas sitúase uns 2,5 céntimos por riba do prezo galego.

Está por ver como evolucionan os prezos no 2016. Os valores dos produtos industriais seguen en bo nivel, cunha situación récord no caso da manteiga, pero as cotizacións spot das cisternas de leite están a baixar en Europa. Esa situación tamén é apreciada por operadores galegos, que falan dunha baixada de prezos nas cisternas e dunha menor demanda.

A finalización da parte principal do plan europeo para reducir as entregas de leite probablemente está a xerar nos primeiros meses do ano un aumento da produción en relación ós meses precedentes, unha situación para a que aínda non hai estatísticas oficiais.

Explotacións
En canto ó número de explotacións, durante o último ano pecharon arredor de 1.000 en toda España, das que 500 corresponden a Galicia. No conxunto do Estado quedan na actualidade unhas 15.300 granxas de leite, das que 8.500 están na comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información