“Galicia foi das primeiras rexións de Europa en especializarse en producir leite”

Repasamos co historiador Telmo Otero como se consolidou en Galicia o sector lácteo e abordamos algúns dos feitos máis destacados como a introdución do gando frisón e algunhas das consecuencias que se arrastran hoxe deste proceso de modernización agraria

“Galicia foi das primeiras rexións de Europa en especializarse en producir leite”

O investigador Telmo Otero está a traballar sobre a evolución do sector lácteo galego.

O investigador Telmo Otero, do grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela está a desenvolver unha investigación sobre a orixe e a consolidación do sector lácteo galego. Un traballo polo que xa recibiu o Premio García Calvo 2018, 50 aniversario de Feiraco. Abordamos con el algunhas das claves para comprender a evolución e especialización láctea de Galicia.

-Hoxe en día Galicia non se entende sen o sector lácteo pero, ¿cando comezou a consolidarse esta especialización láctea?
Comezou nos anos 60 cando o estado franquista comezou a traer continuadamente gando frisón e difundilo pola rexión galega, ó tempo que tamén se impulsaban fórmulas de alimentación adaptadas a esta nova raza cos cultivos de millo forraxeiro e a roturacións de terreos para pastos. O maior auxe darase nos anos 70 e 80, cando este proceso se fai máis intenso e xa nos acercamos á produción láctea tal como a coñecemos hoxe.

-Como foi este proceso?
O proceso parte da iniciativa estatal, que a través dos distintos organismos agrarios a nivel local do momento -as Cámaras Agrarias, o Servicio de Extensión Agraria, as Hermandades Sindicais de Labradores y Ganaderos-, instaba a solicitar gando frisón, que era concedido de forma subvencionada, con moi boas condicións. Por cada cabeza que o estado cedía a un particular, este tíñalle que devolver a primeira cría femia ós nove meses, unha vez criada, e que despois sería cedida a outro particular que tería que facer o mesmo. Desta forma, o estado aumentaba continuamente o número de cabezas de gando frisón que podía distribuír, tendo ademais, con este método, controlada a ascendencia e os resultados produtivos.

“Por cada vaca frisoa que o Estado cedía a un particular, o gandeiro tíñalle que devolver a primeira cría femia ós nove meses”

Boa parte das primeiras cabezas serían sempre adquiridas por quen tiña máis conexións coas esferas políticas, entraban dentro das dinámicas clientelares, pero pouco a pouco tamén se irían distribuíndo polo conxunto das casas das parroquias. Tamén existían gandeiros interesados en experimentar e que levaron a iniciativa. Dende principios dos 60 comézase a estender xa a inseminación artificial, que a partir de sementais selectos estaba transmitindo boas aptitudes leiteiras a crías, aínda que fosen de gando rubio.

Igualmente eran bonificadas as plantacións de millo forraxeiro e o mantemento de prados de boas calidades, subvencionábase a construción de silos para a herba e tamén de fosas de xurro. Outra cuestión na que se incidiu moito foi na da sanidade coas primeiras campañas de saneamento.

Na provincia da Coruña mesmo se puxo en marcha un plan específico chamado Plan de Expansión Agraria de La Coruña que estaba destinado a subvencionar todas estas cuestións de mellora, non sendo casualidade que no interior da Coruña estea un dos focos de produción láctea de Galicia.

-Parece que se tería producido unha posta en valor do leite moi temperá pero logo a especialización láctea chegou de xeito tardío, ¿que ocorreu para que non se producise un desenvolvemento parello?
Dende inicios do século.XX a produción de leite xa está presente e o seu consumo comezase a difundir e masificar como un alimento diario. Xa había leiteiras e industrias transformadoras, os técnicos agrarios traballaban para que o gando producise máis leite e xa había algunha frisoa daquelas en Galicia. Porén, Galicia non podería dedicarse só a producir leite, de forma especializada, aínda que houbese moita maior demanda posto que ata ben entrados os anos 60 as lóxicas das casas requirían que o gando proporcionase tanto forza de traballo como carne, que era o que máis se destinaba ó mercado. Como é sabido, traballo, carne e leite son as tres aptitudes que a rubia galega posúe de forma natural. Ata os anos 60 non tería sentido que se adquirisen frisoas masivamente porque despois esa raza non se prestaría a traballar a terra ou cebar terneiros. Tampouco sería posible alimentalas.

“Ata os anos 60 non tería sentido que se ter frisoas porque non se prestaban para traballar a terra ou cebar terneiros”

-Que fai entón que si sexa posible a partir dos anos 60?
Por un lado, a difusión dos tractores que farían que non se necesitase máis o gando para traballar as terras. Por outro, as melloras na capacidade alimenticia: millo forraxeiro, silos… e, sobre todo, unha maior demanda do mercado. Os labregos ven que eles poderían fornecer esa demanda e obter beneficios monetarios, incluso máis que coa carne. Polo tanto, o feito de que aparecese esta nova posibilidade de mercado fai que tampouco necesitasen que o gando producise becerris, É a conxunción destes elementos o que explica a transformación cara unha exclusiva especialización de leite só a partir dese momento.

-Que freou esta especialización láctea?
A dinámica que se viña dando dende principios do século XX veríase truncada na época da posguerra, momento no que diminuiría tanto a capacidade de producir alimentos gandeiros como a demanda dos mesmos. Igualmente, o estado franquista non tiña a capacidade de levar a cabo as iniciativas que impulsaría despois de cara a produción de leite, nin de importar gando especializado, e aínda menos, tiñan posibilidade as casas de poder manter razas máis esixentes por iso, máis que nunca, as casas necesitarían do gando rubio nese momento.

Nestes anos instauraríase na memoria colectiva o imaxinario da miseria do rural galego -como efectivamente sucedera- pero que tralo reinicio dos anos sesenta, borraría a traxectoria de mellora gandeira e agraria das décadas previas. É dicir, que antes dos anos 60 a gandería galega xa se transformaba, e transformábana os labregos que a practicaban, non é a miseria que habitualmente se asume que habería antes dos procesos dos anos sesenta.

-Un dos momentos claves para a evolución da produción de leite foron as importacións de vacas frisoas nos anos 60,  ¿por que se optou por esa raza?
Inicialmente pensouse nunha raza inglesa moi parecida á Rubia Galega que se chamaba South Devon pero despois decidiuse apostar polas frisoas xa que resultaba un gando que cumpría as expectativas das autoridades franquistas de cara onde se debería dirixir a agricultura galega tanto para dar pé a transformacións propiamente agrarias como no plano da produción de máis leite.

-Non se chegaron a barallar outras alternativas?
Si, houbo outras razas importadas, e todas eran traídas de acordo a criterios produtivos e de capacidade de adaptación. Xa citamos a South Devon, coa que se cruzou a rubia galega nos primeiros postos de inseminación artificial, pero tamén tivo moita presencia a suíza Pardo Alpina de cor parda ou grisáceo, a medio camiño nas súas aptitudes entre esta última e a frisona, e mesmo a Charolesa de Francia pero cunha moi reducida presencia. Acabaría triunfando a frisoa, por esta conxunción de factores modernización-capitalización-mercado.

-¿A que se debeu que se centrasen tanto as ganderías na produción de leite e se deixase de lado a de carne, que era ata o momento o motor da gandería?
A produción de carne non se deixou de lado xa que o estado seguía necesitando carne. O equivalente ideal ás novas explotacións de leite, pero no ámbito da produción de carne eran as naves cebadeiros de “Acción Concertada” que nos anos 60 comezaron a difundirse. Estas permitirían non só suplir a carne que se deixaba de obter nas casas, senón que aínda proporcionarían unha produción moito máis elevada por métodos intensivos en base a pensos, chegando a estes cebadeiros os tenreiros para a súa recría, moitos das cales virían precisamente das granxas de leite.

As autoridades de época franquista continuarían a mellora produtiva do gando rubio cos mesmos métodos que empregaban para as outras razas; é dicir, mantendo o control de descendentes e seleccionando os que posúen mellores cualidades como sementais selectos para Inseminación Artificial.

“As zonas nas que daquela puxeron máis empeño en potenciar a gandeiría de leite son nas que hoxe se atopa o forte da produción”

-Ó longo desta evolución do sector lácteo,¿ apúntanse factores que motivaran o actual mapa leiteiro galego?
Si, efectivamente. As autoridades franquistas visualizaban un ideal produtivo gandeiro no que debían dedicarse á gandeiría de leite aquelas zonas que fosen máis húmidas e que lles permitiría ter pasto abundante ó longo do ano ou que permitisen poñer en marcha as accións de concentración parcelaria e cultivar extensións de millo forraxeiro.

As zonas nas que naquela época puxeron máis empeño en potenciar a gandeiría de leite son nas que hoxe se encontra o forte da produción: o interior da Coruña, o norte de Pontevedra e o interior de Lugo. Naquelas zonas máis agrestes ou nas que a adaptación do gando de leite fose máis complicada, por exemplo a montaña de Lugo, manteríase a produción de carne e o gando rubio.

-Galicia é a primeira potencia leiteira de España, tanto en número de explotacións como pola súa produción, pero unha das eivas que se lle recoñece é carecer dunhas estruturas solventes. ¿A que se debe esta debilidade?
Os economistas que estudan o mundo rural galego levan sinalando dende hai máis de 30 anos que unha das deficiencias das explotacións de leite ven da súa dependencia do penso á hora de alimentar o gando. O feito de ter que comprar o penso encarece os custos finais de producir o leite. O motivo de ter que basear a alimentación dos animais tanto no penso é que as explotacións non teñen suficientes terras nas que cultivar para alimentar o gando.

A solución a isto é adquirir novas terras onde cultivar máis, para non ter que recorrer ós pensos, pero como a maioría de explotacións se encontraron na mesma situación, naquelas comarcas onde moitas explotacións necesitan aumentar a superficie cultivable, o prezo creceu considerablemente, converténdose nun problema aumentar a superficie e, polo tanto, obter alimentos localmente.

As iniciativas para facilitar o movemento de terras e regular os prezos, como os intentos do Banco de Terras nalgunhas comarcas, xogarían sempre a favor de mellorar a situación das ganderías.

“Nos anos 60 puxeron en marcha a modernización agraria sen importarlle o que sucedese no medio rural, nin ós labregos nin á terra”

-¿Arrástranse a día de hoxe consecuencias derivadas desas primeiras xestións da produción láctea?
Non é só que se arrastren senón que é o que explica a agricultura que temos hoxe en día e todo o que sucede no rural, para ben ou para mal. Dende o meu punto de vista, se hoxe pensamos en xeral naquilo que consideramos que non favorece ó rural ou á gandaría de leite -os prezos do leite, o peche das explotacións, o despoboamento, ou en termos máis xerais os incendios, os ataques de animais salvaxes….- non podemos entender a que se deben estes fenómenos, nin moito menos poñerlle solucións máis alá de parches momentáneos, sen facerse preguntas e buscar explicacións nos procesos que deron lugar a estes fenómenos. Para isto é preciso coñecer as implicacións das transformacións agrarias que deron pé ó que temos agora.

“As granxas pasaron a ter que producir máis para obter beneficios que reinvertir e seguir producindo. Só facendo iso poderían sobrevivir”

Os organismos agrarios franquistas puxeron en marcha un modelo agrogandeiro baseado na gandaría de leite e na adquisición de novas tecnoloxías no mercado que permitisen obter unha alta produción destinada a ser vendida tamén no mercado. Isto é o que se chama a capitalización. As ganderías pasaban a depender do mercado tanto para adquirir os bens que lle permitisen funcionar como para vender a produción que obteñen. E o seu futuro pasa estar supeditado á obtención de beneficios. Entón, no marco competitivo que supón o mercado, a obtención de beneficios implicaba inversións en diversas tecnoloxías que permitisen aumentar a produción e reducir os custos de obter esa produción. Estas tecnoloxías van dende o tractor, os pensos, as novas formas de cultivo…. O caso é que as granxas pasaron a ter que producir máis para obter máis beneficios que reinvertir e continuar producindo. E só facendo isto poderían sobrevivir.

“Os fenómenos que vemos hoxe enlazan co desenvolvemento dese modelo agrogandeiro posto en marcha daquelas”

En Galicia, este desafío modernizador e produtivo logrouse xa que somos unha das primeiras rexións produtoras de leite de Europa. As explotacións galegas asumiron a modernización, que o estado impulsaba, e acadaron unha produción crecente destinada ó mercado. No transcurso deste proceso e dende aqueles anos 60, moitas ganderías non puideron afrontar esta dinámica de ter que realizar inversións para reducir os custos. E como a dependecia de cara o futuro baséase exclusivamente na obtención de beneficios, tiveron que acabar pechando. Mentres tanto, as que sí o logran vanse reforzando, pero non deixan de seguir competindo con outras doutras zonas. Este é un proceso que se fai máis intenso co tempo e segundo nos acercamos a día de hoxe.

É certo que as gandarías de leite producen cada vez máis, pero fano moitas menos explotacións, e polo camiño foron cerrando moitas máis cos efectos derivados de perda de poboación no rural, abandono da xestión do territorio, o que favorece os incendios, a imposibilidade de controlar os animais salvaxes… Os fenómenos que estamos vendo a día de hoxe enlazan directamente co desenvolvemento ó longo do tempo dese modelo agrogandeiro, posto en marcha naquela época no que se primaba, ante todo, acadar os obxectivos produtivos dos alimentos gandeiros e no que aínda non se tiñan presentes as posibles consecuencias disto ou non interesaba velas.

“Vai seguir o peche e concentración da produción das granxas e o abandono de espazos produtivos e núcleos poboacionais”

-O seu traballo é unha análise non só do pasado e o presente senón tamén de cara ó futuro, como se presenta o futuro do rural galego?
A dinámica que está presente hoxe vai continuar nos anos posteriores e seguiremos vendo un continuo peche de explotacións parello á concentración da produción noutras. O abandono de espazos produtivos e núcleos poboacionais farase máis notorio e serán moito maiores as consecuencias de que se deixen de xestionar amplos territorios, nos que aumentará a maleza e a fauna salvaxe que afecta agora ás explotacións, e volveranse moito máis propicios a que os lumes se estendan por eles.

A realidade é que nos anos 60 as autoridades agrarias e políticas puxeron en marcha tódalas medidas para conseguir o que daquelas se chamou “modernización agraria” e non lle importaba o que puidese suceder no medio rural, nin ós labregos, nin á terra ou ó medioambiente. Só lle interesaba o benestar e o futuro das granxas e das persoas que vivían nelas na medida en que puidesen producir para abastecer ó resto da sociedade.

-Seguimos asentados nesa mesma dinámica?
Dende aquel momento ata agora, ós gobernos e tamén ás sociedades, seguiron sen importarlle o papel da agricultura nin o que pasase co mundo rural, máis que para producir alimentos. Mentres o conxunto da sociedade siga atopando alimentos no supermercado non lle importa o que puidese haber detrás. Porén, daquí a uns poucos anos atrás, estamos vendo, como sociedade, no rural galego cousas que non nos gustan e empezámonos a preocupar por ese abandono do rural.

Sería un obxectivo moi loable, xa falando só en canto ó leite, frear o peche de explotacións. Para iso, medidas como o Banco de Terras axudarían moito. Mais é certo que, o panorama complícase no novo marco no que desapareceron as cotas lácteas. Sen elas, as granxas galegas, nun contexto económico liberalizado, para abastecer o mercado español, que é o principal destino do leite galego, pasan a competir directamente coas doutras rexións europeas, e a tendencia é que o mercado se abasteza coas máis baratas. É neste marco no que se comeza a falar desa “competitividade” que necesitan acadar as explotacións, e só sobrevivirán as que logren producir a menos custos: isto é as que teñan máis cabana gandeira, as que invertiron máis en tecnoloxías… recrudecéndose os procesos de concentración da produción láctea en poucas explotacións; e isto tamén pasará no caso da carne, do viño ou da pataca.

“Chegará un punto no que non sexa posible soportar o modelo de produción de alimentos que temos”

É unha situación que semella sobrepasar á política – o cal non a exculpa porque se interesa pódense levar a cabo medidas para frear esta dinámica- máis parece que para o goberno galego non resulta especialmente incómodo a transformación dos espazos rurais vacíos en zonas turísticas. Ou mellor dito, o turismo converteuse nunha salvagarda dos efectos das dinámicas que levaron ó rural a esta situación. Máis non é só iso. É tamén unha cuestión social. As propias familias con explotacións prefiren que os fillos se dediquen a outras actividades e só teñen garantido o relevo xeracional as granxas de maior tamaño ou próximas a núcleos urbanos. Tal como é a situación a día de hoxe é moi difícil para os mozos asentarse no rural, aínda que reciba subvencións polo que faga alí, se sabe que vai estar alí só. Esta é a realidade, negala é ou non comprender, ou non querer asumila.

-Cambiará esta situación?
Dende o meu punto de vista, isto cambiará, pero é posible que ocorra porque non quede máis remedio. Cambiará porque simplemente, tanto en Galicia como en todo o mundo, chegará un punto no que non sexa posible soportar o modelo de produción de alimentos que temos, nin o modelo de desenvolvemento das sociedades que está presente a día de hoxe. E xa estamos vendo como isto está ocorrendo.

Podemos empezar a ver como organismos de primeiro nivel mundial están cambiando xa cara unha agricultura sostible; igualmente a poboación está empezando a asumir a necesidade de consumir produtos obtidos de forma máis natural. Todo son mostras de que ese cambio está comezando a darse.

Os estados acabarán asumindo a prioridade de manter un rural con poboación e no que se realicen actividades produtivas, e igualmente a sociedade será consciente da necesidade de consumir produtos naturais producidos localmente, uns valores que deberán inculcarse xa a nivel educativo ós cativos. Porque, esa é a única vía de manter un rural vivo e sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información