A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Galega 100%: a marca que garante o mellor leite de Galicia

Unhas 5.000 ganderías galegas están certificadas por Galega 100%, unha marca que non só garante a orixe galega do leite e dos produtos lácteos, senón que esixe uns requisitos de sanidade superiores ao que establece a normativa europea. Explicamos en que consisten estas garantías para os consumidores

Que é “Galega 100%”?

Galega 100% é o único selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior; un selo que garante a trazabilidade do leite dende a gandería ata a casa.

Este distintivo de calidade e de orixe, creado pola Xunta de Galicia no ano 2010, garante que o leite procede unicamente de granxas galegas incluídas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. A día de hoxe son máis de 4.500 as ganderías galegas que cumpren estes requisitos de calidade excepcionais e superiores ao que esixe a normativa europea, xa de por si a lexislación máis esixente a nivel internacional.

Así, ademais da calidade hixiénico-sanitaria, outras esixencias para que o leite dunha gandería poda formar parte do selo “Galega 100%” son:

1) Estar en posesión da carta verde e, polo tanto, non poderá ser obxecto de retirada de cualificación por tuberculose (TR) ou brucelose (BR).

2) Dispor dun historial de cumprimento acreditado dos parámetros de calidade no leite.

3) Non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza.

Só poderán usar “Galega 100%” os operadores ou industrias lácteas autorizados polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), única entidade certificadora da marca.

Un leite procedente dunha cabana gandeira líder en España en garantías sanitarias

Unha das mellores garantías da calidade do leite “Galega 100%” é o alto status sanitario da cabana gandeira galega, tanto a nivel nacional como internacional.

Así, o pasado mes de outubro Galicia foi declarada oficialmente como rexión indemne de Brucelose bovina, unha catalogación lograda despois de anos de traballo e de estritas medidas de control. O mesmo sucede coa perineumonía contaxiosa e coa leucose bovina, das que Galicia foi declarada como zona libre.

Pero a alta cualificación sanitaria das ganderías galegas non se detén aí e o sector márcase novos retos. Así, a Consellería do Medio Rural vén de solicitar á Unión Europea a declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina, tras seis anos sen practicamente casos confirmados. E a intención
da Xunta é que o resto das provincias galegas se sumen pronto a esta certificación.

De feito, hoxe en día, e tras os esforzos de gandeiros e veterinarios durante 25 anos, a comunidade ten o índice máis baixo de España en tuberculose bovina, só o 0,08%. Se a tendencia decrecente prosegue, Galicia podería declararse territorio libre de tuberculose antes do 2020.

A cabana gandeira galega é a máis saneada de España

A estratexia da Consellería do Medio Rural de implicar a todo o sector para mellorar a cualificación sanitaria da cabana gandeira galega, vai acompañada de estímulos ás ganderías que o están a facer mellor.

Así, dende hai dous anos o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convoca os premios Exceleite, que distinguen ás ganderías de vacún de leite con mellores resultados hixiénico-sanitarios do leite, a partir das analíticas realizadas polo Ligal.

Ademais, a estratexia de promoción de “Galega 100%” acompáñase de actos informativos e reparto de produtos lácteos certificados con este selo nos principais eventos deportivos de Galicia, como partidos de baloncesto, de fútbol, en carreiras populares ou mediante o patrocinio do Campionato Galego de Voleibol.

A produción de leite, un sector clave para a economía do rural galego

Galicia ten unha clara vocación como produtora de leite, xa que é a primeira produtora de España, co 55% das ganderías e o 40% da produción, e a novena rexión produtora de toda a Unión Europea.

O sector lácteo galego é estratéxico para a economía galega: representa un 2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, similar ao sector pesqueiro ou ao conxunto da cadea da madeira, e é o alicerce da economía en numerosos concellos, principalmente nas provincias da Coruña e Lugo.

Galega 100% patrocina actos deportivos para promocionar o consumo de leite amparado por este selo de orixe e calidade

Galega 100% patrocina actos deportivos para promocionar o consumo de leite amparado por este selo de orixe e calidade

Axudas e compromiso do Goberno galego con este sector

A importancia do sector lácteo para a economía do rural galego reflíctese tamén nas axudas que ten recibido e na súa atracción para a mocidade que se incorpora ao agro. Así, das 466 axudas de incorporación aprobadas pola Consellería do Medio Rural no ano 2017 para toda Galicia, o 32% foron no sector lácteo, seguido polo vacún de carne, co 26% das axudas concedidas. E no caso de axudas a pequenas explotacións, o lácteo foi de lonxe o sector máis beneficiado, co 71% dos expedientes aprobados.

Ademais, o sector lácteo recibiu boa parte dos 2.600 millóns de euros que a Política Agraria Común (PAC) inxectou no agro galego nos últimos dez anos. Só para a presente campaña, prevese que reparta en Galicia uns 190 millóns de euros entre 33.000 beneficiarios, boa parte deles ganderías de vacún de leite.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información