GAEC Fioleau: Unha gandaría francesa que aumentou a rendibilidade pasándose a pastoreo

Situada na rexión francesa da Vendée, esta gandaría de vacún de leite logrou incrementar a rendibilidade pasando dun modelo estabulado intensivo a pastoreo. “Aquí o que nos importa é que brille a nosa conta”, destaca Luís Marie Fioleau

GAEC Fioleau: Unha gandaría francesa que aumentou a rendibilidade pasándose a pastoreo

Elliot, Louis Marie e Sylvain

GAEC Fioleau é unha gandaría de vacún de leite en pastoreo situada na rexión da Vendée, no Oeste de Francia. Conta cunha base territorial de 150 hectáreas situadas preto da explotación e cun rabaño de 180 vacas Holstein, das que 100 están en muxido, cunha produción media anual de 7.500 litros por vaca.

Visitamos esta granxa nunha viaxe de estudos organizado este ano polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa para o seu alumnado.

Do mesmo xeito que outras moitas gandarías de Francia, GAEC Fioleau benefíciase da decisión da Administración pública de intervir claramente sobre o mercado da terra agrícola, que evita especulación cos prezos e que non se dedique a usos forestais ou urbanísticos. Así, o prezo medio de compra da hectárea concentrada nesta rexión rolda os 2.000 euros e o aluguer oscila entre os 150 e os 200 euros, facilitando que as explotacións gandeiras teñan moita base territorial e nun radio próximo a un prezo moi competitivo. Isto tamén lles beneficia claramente na percepción de axudas da PAC.

Actualmente en GAEC Fioleau traballan a tempo completo 5 persoas socias, cun salario medio mensual de 2.000 euros: os irmaus Laurent e Louis Marie Fioleau; Silvye, a esposa deste último; o seu fillo Sylvain, de 27 anos; e Anne, de 21 anos, noiva de Sylvain. Ademais, contan con Elliot, un estudante en prácticas, unha modalidade de formación recoñecida polas autoridades educativas francesas.

Os irmáns Laurent e Louis Marie Fioleau incorporáronse á gandaría dos seus pais no ano 1987. Era a época en que a modernización no sector pasaba por abandonar o pastoreo e pasarse a un sistema de estabulación intensiva en base a ensilados. E eles sumáronse ao carro: Contaban con 60 vacas en muxido e unha base territorial de 80 hectáreas, das que 35 dedicábanse a millo forraxeiro, 30 ao cultivo de trigo -boa parte das gandarías francesas cultivan cereal como unha fonte de ingresos complementaria- e 15 hectáreas para pradaría permanente.

“A produción era intensiva, con moito traballo, bastante concentrado -máis de 200 gramos por litro de leite- e pouca marxe de beneficio para nós. Ata que a comezos dos anos 90 houbo nesta rexión unha forte seca que fixo caer en picado a rendibilidade do millo forraxeiro, o que nos disparou aínda máis os gastos de alimentación. Foi entón cando decidimos volver ao pastoreo, para producir leite a baixo custo”, explica Luís Marie.

Para iso visitaron gandarías en Francia e Irlanda para ver como podían adaptar a alimentación en base a pasto e herba á súa situación particular e no ano 1996 as vacas desta granxa comezaron a volver a pacer. Optaron por un sistema mixto no que seguen cultivando millo forraxeiro, pero menos, para alimentar á cabana nas épocas nas que non hai pasto.

Así, a día de hoxe das 150 hectáreas de base territorial coas que contan 128 destínanas a pradaría permanente, 16 ha millo forraxeiro e outras 16 ao cultivo de trigo.

“Mesmo cos prezos baixos de 2016 seguimos gañando diñeiro”

Os datos económicos da explotación -pagan uns 4.000 euros ao ano por un servizo de xestión independente- avalan que no seu caso lles resultou rendible este cambio.

Así, os ingresos por venda de leite de GAEC Fioleau atópanse nunha media de 301 euros por tonelada de leite, fronte aos 306 de media da rexión, -datos desta primavera- e uns ingresos por venda de tenreiros e de vacas de 48 euros, fronte aos 45 da media do departamento.

Porén, os seus gastos son menores, o que incrementa a súa rendibilidade. En concreto, teñen uns gastos de forraxe por tonelada de leite de 14 euros; de 50 euros de concentrado -empregan de media 100 gramos de penso por litro de leite- e de 3 euros de gastos veterinarios. A media na Vendée é de 34, 94 e 11 euros, respectivamente.

“É dicir, os nosos gastos totais por tonelada de leite son de 98 euros mentres a media rexional é de 178 euros. Desta forma, a nosa marxe é de 251 euros fronte aos 173 de media da Vendée, unha diferenza de 78 euros por cada 1.000 litros de leite, que compensa dabondo o feito de que teñamos menos produción que a media (7.500 litros por vaca fronte a 9.500)”, explica Louis Marie.

 “Nestes momentos aos mozos resúltalles moi caro incorporarse a unha granxa de vacún de leite polo sistema estabulado en intensivo”

En canto ao pastoreo, de decembro a xaneiro as vacas permanecen estabuladas para non estragar as pradarías e durante ese período reciben unha ración a base de silo de herba e silo de millo, 2,5 quilos de torta de colza e 1,5 kg de fariña de millo. A partir de febreiro comezan a saír gradualmente ao pasto, que se prolongará até novembro, suplementando con entre 7 e 8 quilos de silo de millo e fariña de colza.

“Un bo sistema de pastoreo permite mellorar os ingresos do gandeiro, tes calidade de vida e para os mozos que se queiran incorporar ao sector, supón moitos menos gastos, un auténtico obstáculo neste momento, porque na Vendée o custo por praza de vaca en estabulado intensivo está en 6.000 euros mentres que en pastoreo baixa a 1.000 euros”, destaca Louis Marie.

GAEC Fioleau en imaxes:

Nave de recría das becerras

Sylvain: O último en incorporarse

Precisamente, o seu fillo, Sylvain decidiu dar o paso de incorporarse no ano 2017. Hai que lembrar que en Francia, a diferenza de en España, as explotacións non se transmiten gratis de pais a fillos, senón que son sociedades empresariais nas que os socios -os pais, normalmente- venden aos seus fillos ou a outras persoas a súa participación na granxa.

No caso deste mozo de 27 anos formouse durante 4 anos cursando un ciclo formativo de grao superior en gandaría, posteriormente realizou unha estancia formativa en granxas do macizo central francés e noutras explotacións, compaxinando todo isto co seu traballo como asalariado durante 7 anos na explotación familiar, cun salario de 1.450 euros ao mes.

“Pensaba incorporarme ao acabar os estudos pero aínda non me sentía o suficientemente maduro, polo que preferín tomarme un tempo para seguir formándome e viaxando para ver e traballar noutras granxas”, asegura.

 O obxectivo de Sylvain é incorporar un socio á gandaría

O custo da súa instalación, é dicir, a achega de capital que tivo que realizar para ser socio de GAEC Fioleau en 2017 ascendeu a 62.000 euros, para o que obtivo un préstamo bancario a devolver en 10 anos e ao 1% de xuro. A axuda de incorporación no seu caso foi de 14.000 euros, inferior á media en España.

O proxecto de vida de Sylvain pasa por seguir na gandaría e este ano construíu unha vivenda preto da explotación para desenvolver aquí o seu proxecto de vida xunto á súa compañeira.

Está convencido de que o pastoreo é rendible para a súa gandaría e permítelle ter calidade de vida. Como proxecto de futuro non descarta pasarse a estar certificados en ecolóxico así como incorporar 1 ou 2 socios á explotación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información