A futura reducción da PAC abre a porta a eliminar ós perceptores xubilados

Un 21% dos beneficiarios das axudas en Galicia ten máis de 65 anos, unha porcentaxe que sobe ó 38% no conxunto de España. Unións Agrarias demanda que os apoios vaian ós agricultores activos, con criterios de reparto únicos a nivel estatal

A futura reducción da PAC abre a porta a eliminar ós perceptores xubilados

O sector agrario pide que as axudas da PAC vaian ós agricultores activos.

A Política Agraria Común (PAC) 2021-2027 terá menos cartos para apoiar a agricultores e gandeiros. En canto se reducirá o presuposto comunitario orientado ó agro é aínda unha cuestión en negociación, pero a baixada dáse por feita. Ante ese panorama, en España todo apunta a que se tomarán decisións políticas para orientar as axudas cara os agricultores activos, eliminando ós perceptores da PAC xubilados.

A baixada da PAC para o periodo 2021-2027, segundo as estimacións de Unións Agrarias, será dun 10,61% en prezos correntes (sen ter en conta a inflación), cunha baixada dos pagos directos dun 7,30% e dun 20,86% nos fondos Feader, orientados en parte ós programas de desenvolvemento rural. Se se teñen en conta os prezos constantes (co IPC), a baixada no 2027 dos fondos da PAC será dun 17,97%, cunha caída dun 14,9% nos pagos directos e dun 27,2% nos fondos Feader.

“As comunidades con maior número de agricultores xubilados queren facer un ‘corralito autonómico’ coas axudas da PAC. A Galicia non lle interesa” (Roberto García)

Este escenario aínda está a debate en Europa e desde Unións agardan que a baixada final sexa menor. “Francia non está de acordo con esa baixada e a esperanza que nos queda é que dea a batalla”, valora o secretario xeral de Unións, Roberto García.

En calquera caso, a reducción dos fondos da PAC dáse como segura, o que abrirá as portas a unha reorientación das axudas a nivel español. A previsión apunta a que en España decidirase deixar fóra da PAC ós agricultores xubilados, que representan na actualidade un 38,8% dos perceptores das axudas e un 26,3% do presuposto, segundo as estimacións de Unións Agrarias. No caso galego, son un 21% de perceptores e un 6,5% do presuposto.

Debate entre comunidades
De darse o paso de limitar a PAC só ós agricultores activos, a cuestión clave será como se redirixirán os fondos que queden libres. “As comunidades con maior peso de agricultores xubilados, como Andalucía, din que poden aceptar o debate de eliminalos da PAC, pero sempre que eses fondos que se liberen se redistribúan a nivel de Andalucía” -explica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.- “Falando claro, é un nacionalismo insolidario. Prefiren que eses cartos vaian para a duquesa de Alba en lugar de para un pequeno agricultor de Extremadura ou Galicia”.

A postura andaluza atopará previsiblemente outras comunidades aliadas, como Aragón ou Castilla La Mancha, en tanto Galicia quedaría como unha das grandes perxudicadas dos posibles ‘corralitos autonómicos’, pois só ten un 6,5% dos fondos da PAC comprometidos en profesionais xubilados, segundo as estimacións de Unións Agrarias. “A diferencia débese a que é máis fácil que un agricultor xubilado de Castilla manteña en apariencia a actividade, contratando todos os traballos con empresas de servizos, que no caso galego, onde habería que manter unha gandería e é precisa a man de obra propia”, explican desde Unións.

Roberto García.

Roberto García.

Desde a organización agraria botan en falta movementos políticos en Galicia sobre a futura PAC. “Temos que evitar os ‘corralitos autonómicos’, é dicir, é necesario que os fondos que queden liberados vaian a unha bolsa común a nivel de España e se repartan con criterios sociais e económicos”, defende Roberto García, que valora como posible unha alianza de Galicia coas comunidades do resto da Cornisa Cantábrica e con outras do Levante.

“O problema -sinala García- é que por agora a Xunta non fixo ningún movemento e a día de hoxe non existe un só documento no que saibamos que é o que defende Galicia. Se a Xunta non fai o traballo, alomenos a oposición si debería facelo”, cuestiona.

Grandes propietarios
Outra cuestión que se demanda desde Unións é a eliminación da PAC dos grandes propietarios latifundistas “Un 6,5% dos beneficiarios da PAC en España son sociedades xurídicas, que cobran case o 30% dos fondos dirixidos en teoría ós agricultores e gandeiros, cando algunhas delas limítanse a manter coutos de caza nos terreos supostamente agrarios” – critica o secretario xeral de Unións.- “É necesario que as axudas da PAC se liguen á creación de emprego”, valora.

Comparando a situación noutros países coa española, Roberto García destaca o abultado número de perceptores da PAC que hai en España, arredor de 800.000, fronte ós 321.000 de Alemania ou ós 340.000 de Francia. “Outros países xa dirixen ós apoios ós agricultores activos, pero en España continuamos pagando a xubilados e latifundistas” -critica.- “As pagas dos xubilados teñense que arranxar cos presupostos do Estado, non cos da PAC”, defende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información