O cooperativismo galego segue a dar pasos para reducir o minifundio no que se movía. O primeiro gran movemento fixérono as cooperativas que se fusionaron en torno a Clun (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto) e hoxe culminou un segundo proceso baixo o paraugas da cooperativa de segundo grao Aira, que se transforma nunha cooperativa de primeiro grao.
En Aira quedarán integradas as cooperativas Agris, Coelplan (Becerreá), Cogasar (Sarria), Icos (Chantada-Silleda) e a propia Aira (Taboada). A fusión pechouse hoxe na asemblea xeral de Aira, logo de que as respectivas asembleas de cada unha das cooperativas desen a súa aprobación maioritaria á integración. A única baixa foi a de Leira (Paradela), que rexeitou participar no proceso por unha ampla maioría de votos, que rondaron o 80%.
Desde Aira, o seu director xeral, Daniel Ferreiro, destaca o apoio á fusión case unánime na maioría das cooperativas que se integran, coa salvedade de Leira, que fora a última en incorporarse ó proceso. “O resto de cooperativas levabamos alomenos 6 meses de traballo conxunto para preparar a integración e en todas había un bo coñecemento do proxecto” -salienta Ferreiro-. “Quizais en Leira faltou ese tempo de traballo conxunto, pero tampouco estiven na súa asemblea e non podo valoralo”, matiza.
En canto ás outras dúas cooperativas que eran socias da cooperativa de segundo grao Aira, Lemos e Coafor (Forcarei), que xa estaban á marxe do proceso, deberán agora decidir se continúan como socias de Aira, unha vez que se formalizou a súa transformación nunha cooperativa de primeiro grao.
Inicio da actividade
As perspectivas das cooperativas fusionadas pasan por comezar a funcionar como unha única entidade a partir do 1 de xaneiro do 2018. Ata entón, terán que ir preparando a integración e os sistemas de traballo en conxunto. O obxectivo é ambicioso, pois hai que unificar servizos e coordinar 13 centros de traballo con arredor de 200 empregados.
Aira, que naceu hai unha década para fabricar pensos en conxunto, convírtese coa integración nunha cooperativa que aposta pola industrialización e comercialización conxunta do leite. A consolidación de Dairylac, a industria láctea de Melide na que ostenta unha participación maioritaria, constitúe o seu gran reto.