Forraxes e recría en común: a explotación do futuro

Forraxes e recría en común: a explotación do futuro

O centro de recría de Ganxabar dispón de varias naves e dun espazo exterior para as becerras.

No concello de Mazaricos, nunha das comarcas con maior cabana de vacas de leite de Galicia, atópase a CUMA de Xallas e Barcala, unha iniciativa pioneira en Galicia e mesmo a nivel estatal que demostra como a organización dos gandeiros serve para aumentar a rendibilidade das súa explotacións e mellorar a súa calidade de vida.

A iniciativa de 8 socios comezou no ano 2002 como unha CUMA para compartir maquinaria e foise ampliando coa recría de xovencas (GANXABAR)e logo coa produción tamén en común de forraxes (FORXABAR). A día de hoxe conseguen producir forraxe para máis de 2.700 cabezas de gando vacún, das que máis de 1.300 son vacas en muxidura, e autoabaste aos socios de xovencas para as súas explotacións. Crearon ademáis 9 postos de traballo que axudan a que a xente nova quede a vivir no campo.

A cota dos 8 socios de Gandeiros de Xallas e Barcala supera os 8,8 millóns de quilos e a media de produción está 34 litros diarios, 38 nas explotacións asociadas que realizan tres muxidos diarios.

Un dos promotores desta iniciativa e presidente da CUMA é Xoán Ramos, nado na aldea de Grille, no concello de Mazaricos, e que coma tantos galegos e galegas marcharon da aldea en busca dun futuro mellor. Recoñece que “traballaba en Telefónica, no departamento de Márketing, pero non me motivaba o traballo”. No ano 2000 ofrecéronlle a posibilidade de xestionar a cooperativa de Grille -GRILLE S. Coop. Galega, adicada dende 1.968 a produción de leite- e confesa que “non o dubidei porque aquí ves e palpas directamente o produto do traballo: forraxes, leite, animais,…. e a relación cas persoas é máis natural”.

A partir de aí comeza un traballo incesante por modernizar explotacións, diminuír os custos de produción e mellorar a calidade de vida dos socios. Así, no ano 2002 nace a CUMA de Xallas e Barcala para reducir os gastos en maquinaria agrícola. A día de hoxe conta con tres tractores, cisterna, arados, rotativa, unha colleitadora, dous carros mesturadores, remolque para transporte de comida, dúas palas telescópicas, dúas sementadoras e outra maquinaria pequena. O investimento inicial rondou o millón de euros tendo en conta unha nave para gardar a maquinaria.

Un centro de recría de xovencas permítelles ser autosuficientes e medrar sen recorreren á compra de recría

Un paso máis sería a recría en común das xovencas, que bota andar en outubro de 2006, coa mesma filosofía de reducir custos e mellorar a xenética da súa cabana gandeira.

GANXABAR (Gandeiros de Xallas e Barcala S. Coop. Galega), que é como se chama a cooperativa que constituíron, está situada tamén no lugar de Grille, pertence á parroquia mazaricá de San Cosme, e conta a día de hoxe con máis de 1.100 xovencas, das que un pouco máis da metade son becerras de menos de 12 meses. As instalacións, 6.500 metros construídos nos que investiron máis de 1,5 millóns de euros, estanse quedando pequenas polo que xa teñen prevista unha terceira ampliación.

Como funciona o centro de recría en común?

Os socios de GANXABAR comprométense a realizar toda a recría das súas explotacións no centro. As xatas entran con 15-20 días e nada máis chegar son pesadas e pónselles un crotal identificativo da explotación. Tamén se lles toma unha mostra de cartílago para detectar posibles doenzas. No centro van rotando en lotes de idade por diferentes estancias até que retornan ás explotacións de onde proceden sobre 15 días antes do parto.

Unha xovenca preñada de 8 meses sáelles entre 1.600 e 1.700 euros”

Como se financia o centro? Os socios fan un pago mensual por cada xovenca e día, que na actualidade está en 2,40 €, IVE incluído, e no que se inclúen todos os gastos (alimentación, man de obra, insumos, amortizacións…etc). O seme págase a parte.

Para facer un cálculo, unha xovenca que pare aos 23,1 meses -media de idade que teñen nos partos- sae entre 1.600 – 1.700 € dependendo das inseminacións.

Para Xoán Ramos, “hai moitas vantaxes en ter una sociedade para recriar xovencas: maior profesionalización da actividade, aforro de custos, libera traballo e espazo na explotación e é e máis fácil mellorar xenéticamente”. Ademais, a taxa de mortaldade tamén é menor.

Cultivan máis de 600 hectáreas

O seguinte paso foi producir as súas forraxes tamén en común. Así, en novembro de 2008 comeza a funcionar Forraxes de Xallas e Barcala (FORXABAR), ao lado do centro de recría de xovencas.

Na actualidade, e tras unha ampliación, FORXABAR conta con dous silos de 28x75x4 metros, 3 de 14x75x4 metros e varios de menor tamaño. Este ano foi un ano excepcional na colleita de millo, o que lles permitiu producir 19.000 toneladas de silo de millo, 1.000 toneladas de graúme (grao de millo moído), e 7.000 toneladas de silo de Ray Grass.

En total cultivan máis de 600 hectáreas, 370 arrendadas e o resto en propiedade dos 8 socios. Delas, máis de 500 son para cultivo de millo, rotando un terzo con pradeira, e o resto, unhas 150 hectáreas, para pradeira permanente de Ray Gras Inglés.

Como funciona o centro de forraxes en común?

Unha vez recollido o millo ou a herba, pésase cada remolque nunha báscula á súa chegada a FORXABAR e rexístrase a parcela de onde ven para coñecer o seu rendemento. Quítaselle tamén unha análise para saber o seu valor nutricional (almidón, materia seca, proteínas…. )

Isto permite facer unha valoración económica do forraxe que aporta cada socio, tendo en conta todas as variables dunha colleita: sementes, adubos, pesticidas, laboreos, alugueres,…

O aforro co centro de forraxes en común é duns 30 céntimos por vaca e día

Se o valor que aporta un socio chega para o seu consumo anual, non paga nada pola forraxe. No caso de que non lle chegue paga ao resto dos socios aos que lles sobra forraxe. Entre os socios de FORXABAR o prezo do silo de millo está entorno os 4,5-6 céntimos/kg e o de herba varia algo mais de 5 a 7 c€/kg.

O que si pagan todos os socios é o resto das fariñas e concentrados (soia e colza) que se mesturan coas forraxes. A maiores, por cada quilo de mistura cada socio paga 1céntimo de euros para a amortización da planta, transporte da comida, persoal, e maquinaria (contan con 2 carros mesturadores que distribúen o alimento entre a cabana gandeira dos socios).

Unha cabana gandeira mellor alimentada e máis tempo libre para os gandeiros”

Xoán Ramos, o presidente da CUMA Gandeiros de Xallas e Barcala, salienta como vantaxes de constituír un centro de forraxes que “profesionaliza a actividade, porque os mesmos traballadores fan todos os días as racións e son expertos no seu traballo”. Tamén subliña que “obriga a una planificación global dos cultivos dos socios” e “algo que tamén é de valorar, como que os socios dispoñen de máis tempo libre”. Unhas vantaxes evidentes que compensan o que quizais é o único hándicap deste sistema: ao estar dispersas as explotacións leiteiras, obriga a un elevado desprazamento.

Regras de funcionamento claras e obxectivos compartidos

Desafortunadamente, non é común en Galicia un proxecto asociativo como o Gandeiros de Xallas e Barcala. Xoán Ramos explica que as claves do éxito son “debater moito os pasos a dar e asumir todos os socios os erros e os acertos, respectando as decisións tomadas”.

Tamén subliña a importancia de “contar cun réxime interno de funcionamento e cando se presenta un problema, debater as accións a tomar”.

Ademáis, recomenda “contar sempre que sexa posible, con análises técnicos que avalen as opcións a tomar”.

En definitiva, regras de funcionamento claras, obxectivos compartidos e cumprir as decisións tomadas son a base para que saian adiante iniciativas cooperativas deste tipo, cada vez máis necesarias nun escenario no que as explotacións lácteas de Galicia serán máis rendibles non tanto por vender o leite caro como por producilo a menor custo.

Un dos socios de Ganxabar, Xoán Ramos, no centro de recría da sociedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información