Ferramentas para que os prezos do leite non queden fóra do mercado en Galicia

O 80% dos contratos lácteos fanse a prezo fixo, o que dificulta que as granxas se beneficien de posibles melloras de mercado. Un novo índice da Interprofesional Láctea, o A3, evitaría que o pago que reciben as granxas se desviase en exceso do europeo

Ferramentas para que os prezos do leite non queden fóra do mercado en Galicia

O sistema de contratos anuais entre industrias e granxas naceu coa lóxica de que os contratos tivesen un prezo variable en función da evolución do mercado. As industrias, sen embargo, decantáronse por promover contratos a prezo fixo durante todo o ano. Máis dun 80% dos contratos estanse facendo a prezo fixo, segundo os últimos datos do Ministerio. Trátase dun sistema que ten a vantaxe de que aporta estabilidade, pero pode deixar os prezos cobrados polas granxas fóra do mercado.

É o que ten sucedido en Galicia en distintas fases nos últimos anos, cando por exemplo os prezos na comunidade chegaron a estar en novembro do 2017 un 18% por abaixo en comparación coa media de cinco Estados membros de referencia (Francia, Portugal, Alemania, Holanda e Dinamarca). Unha posible solución está no uso dos novos índices de referenciación de prezos da Interprofesional Láctea, o A2 e o A3.

Os índices operan sobre un prezo base do leite, fixado no contrato, e marcan a súa evolución en función de seis factores de mercado

Os índices creados pola Interprofesional para referenciar os prezos do leite atoparon ata o de agora escasa aceptación nas industrias, que nos últimos anos preferiron ofrecer contratos a prezo fixo ou fórmulas similares, como a de Lactalis, que viña referenciando os seus contratos ó prezo Fega Galicia. Son modelos de contrato que non convencen no sector gandeiro, pois enténdese que bloquean posibles recuperacións de mercado.

O uso dos índices da Interprofesional, que están pactados entre industrias, cooperativas e organizacións agrarias, permitiría superar esa polémica. O seu mecanismo de funcionamento é sinxelo. O índice opera a partir dun prezo base fixado no contrato. Sobre esa referencia, os novos índices A2 e A3 da Interprofesional, que representan unha evolución dos anteriores, marcan a evolución en base a seis factores: custos de produción das granxas (prezo do penso), 19%; prezo medio en 5 Estados membros de referencia (19%); índice de prezos industriais de produtos lácteos (25%) e evolución de mercado de manteiga (19%), leite desnatado en po (7%) e queixos (11%).

O índice A3, a parte de seguir esas referencias, incorpora ademais o chamado túnel de competitividade, é dicir, os prezos do índice débense manter sempre entre un +5% e un -5% en relación ós cinco Estados membros considerados de referencia en España (Francia, Portugal, Alemania, Holanda e Dinamarca). O prezo do índice bloquearía a súa subida ou baixada ao chegar a eses límites, permanecendo sempre no denominado “túnel de competitividade”, que por arriba representa unha garantía para as industrias e por abaixo para as granxas.

Así, por exemplo, nos últimos meses do 2017 e primeiros do 2018, o índice A3 tería permitido que as granxas españolas tivesen percibido mellores prezos.

Balance dos primeiros anos dos índices da Inlac
Un dos riscos que as industrias lle achacaban ós índices era a posibilidade de que os prezos se desviasen moito dos do mercado. O novo índice A3, que comezou a funcionar no último ano, ofrece garantías para evitar excesivas desviacións, pero o funcionamento histórico do índice A, o que viña ofrecendo a Interprofesional nos últimos anos, confirmouse tamén como axeitado, como demostra unha análise de Jorge Santiso (Universidade de Santiago), que foi parte do equipo que deseñou os índices da Interprofesional Láctea.

“A cuestión é comprobar se os índices ofrecen un prezo razonable de mercado ou non. Para comprobalo, comparamos o índice A da Inlac co prezo Fega, o prezo pagado no campo, durante un periodo de 8 anos. O resultado é que o índice da Inlac tería funcionado moi aceptablecemente”, explica Jorge Santiso. Entre o 2012 e o 2016, o índice A da Interprofesional e o prezo Fega teñen tódolos meses unha diferencia inferior a 0,3 céntimos / Kg, segundo a súa análise.

inlac

Petición de mediación institucional na negociación entre industrias e organizacións de produtores

Ao longo do primeiro trimestre do ano, a maioría das industrias lácteas renovarán os seus contratos coas granxas en Galicia. A nova campaña chega con novidades para o sector, pois as industrias están agora obrigadas por lei a negociar coas organizacións de produtores (OPs). En Galicia, a única OP que opera, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, vén de instar á Xunta a mediar nas negociacións.

Desde Ulega, que conta con máis de 1.600 granxas, témese que as industrias estean pouco dispostas a negociar, xogando coa vantaxe de que as granxas teñen un produto perecedoiro, o leite, para o que obrigatoriamente teñen que atopar saída. O secretario xeral de Unións, Roberto García, vén de reclamar unha mediación institucional que reequilibre o diferente poder que teñen industrias e OPs nas negociacións.

No sector bótase en falta o papel que tivo a Xunta no seu día coa chamada Mesa do Leite, un foro no que industrias, cooperativas e organizacións agrarias abordaban prezos e situación de mercado coa intermediación da Administración. É un papel que nos últimos anos a Consellería do Medio Rural está pouco disposta a asumir, chegándose ata o punto de que o director xeral de Gandería, José Balseiros, pediulle públicamente nun acto ó Ministerio de Agricultura “que faga algo” para que Galicia deixe de ser a comunidade cos prezos do leite máis baixos de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información