Feijóo promete ao sector “facer todo o legalmente posible” e os gandeiros pídenlle que presione a Madrid

Os gandeiros pídenlle ao presidente da Xunta que presione políticamente para que o acordo teña garantías legais de cumprimento e supoña unha suba do prezo do leite en Galicia no mes de outubro

Feijóo promete ao sector “facer todo o legalmente posible” e os gandeiros pídenlle que presione a Madrid

Reunión deste mediodía

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, accedeu este mediodía a reunirse cos representantes dos gandeiros, en mobilización dende o pasado 15 de xullo en demanda de solución á crise de prezos do leite. Foi unha reunión longa, de case 3 horas de duración, na que estiveron presentes tanto membros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo como representantes dos gandeiros de Lugo. No exterior de San Caetano, ducias de tractores mantiñan dende onte pola noite rodeada boa parte da sede da Xunta.

En declaracións aos medios á saída do encontro, Núñez Feijóo asegurou que “foi unha reunión cordial, construtiva e positiva”. En canto a compromisos concretos, o presidente da Xunta comprometeuse a que “todo o que se poda facer legalmente hai que facelo, e o goberno de España me consta que o está facendo”. Neste sentido, informou de que “onte e antonte falei coa Ministra e comprometeuse a facer todo o que legalmente se poda facer”.

O outro compromiso foi o de volver reunirse mañá cos representantes dos gandeiros, unha vez que xa se coñeza o que se acordou en Madrid, “para facer unha avaliación conxunta en Galicia”

As organizacións agrarias piden garantías legais de que se cumpra o acordo e unha suba inmediata dos prezos en Galicia

En canto ás organizacións agrarias, coincidiron, aínda que con matices, en reclamar do presidente da Xunta que faga presión ante a Ministerio de Agricultura para que o acordo contemple tres puntos básicos.

Resumiunos Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. En primeiro lugar “que o prezo que paga o consumidor polo leite se reparta de forma equitativa e ningún dos elementos da cadea perda cartos”; é dicir establecer un prezo sostible para o que é posible utilizar a cadea de valor da propia INLAC.

En segundo lugar, que o acordo estea respaldado legalmente para que sexa de obrigado cumprimento. Neste sentido, Roberto García pediu que “o acordo teñen que asinalo representantes de cada unha das cadenas de distribución e non asociacións representativas da distribución, pois a sinatura de cada un dos conselleiros delegados, acompañada das sancións por incumprimento, fai que este acordo teña unhas garantías de cumprirse”.

E por último, reclamouse que no caso de Galicia “a aplicación do acordo ten que ser inmediata, a comezos do mes de outubro e con prezos sostibles para o gandeiro”. Para iso reclamouse que “se retiren os contratos á baixa que está facendo a industria neste momentos e renegociación dos mesmos”. Todos os representantes dos gandeiros coincidiron en que “as explotacións lácteas galegas non poden agardar a que o acordo xurda efecto o 1 de decembro, porque en Galicia a situación é máis grave” .

ASAJA-Galicia: “É mellor un mal acordo que ningún acordo”

Pola súa parte, Francisco Bello, secretario xeral de ASAJA-Galicia, matizou que “necesitamos un acordo a nivel nacional e é mellor un mal acordo que ningún acordo”. E engadiu que “non se entendería que se chegase a un acordo a nivel español e que aos galegos non nos valese”.

tractorada_san_caetano_02_standarIsabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, criticou a falta de transparencia coa que o Ministerio de Agricultura está a negociar o acordo con industria e distribución. “Non temos ningún texto para ningún novo acordo, fora do que se nos presentou o 18 de agosto, e estámonos enterando pola prensa da interlocución que está tendo o Ministerio coa industria e coa distribución ”, criticou.

A FRUGA di que a Xunta elude as súas responsabilidades

Pola súa parte Antón Ledo, representante da FRUGA, foi un dos máis críticos do resultado da reunión: “Saímos da reunión moi preocupados, pois a única garantía foi volver ter outra reunión mañá”, asegurou.

Ademais, reclamoulle ao Goberno da Xunta de Galicia que asuma tamén as súas responsabilidades na crise do sector lácteo. “Non se pode seguir desviando a atención cara Madrid e cara Bruxelas: a Xunta pode activar por exemplo o Consello Galego da Competencia que pode actuar xa contra a industria e distribución, e con resultados inmediatos”, reivindicou.

“Pedimos o apoio ao sector que se pode ver noutras administración e gobernos a nivel europeo, e iso hoxe aquí non o vimos”, concluíu.

Noutra liña, Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores de Leche, advertiu de que “a crise do sector lácteo é un problema de todo o rural galego”.

Por último, Roberto López, que acudiu á reunión en representación da asemblea de gandeiros de Lugo valorou positivamente o convite. Amosou a súa esperanza de que da reunión de Madrid “saia algo positivo,(…) e, sobre todo, demandamos información”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información