Feijóo asegura que “o acordo lácteo español é máis completo que o francés”

O BNG acusa á industria e distribución de “comportarse como auténticos capos cos gandeiros, ante a falta de acción do noso Goberno”. Feijóo insiste en que os gandeiros asinen o acordo “porque ten máis vantaxes que desvantaxes (....) e é máis completo que o francés”

Feijóo asegura que “o acordo lácteo español é máis completo que o francés”

Alberto Núñez Feijóo

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe no Parlamento que o acordo lácteo que está a promover o Ministerio de Agricultura “é máis completo que o francés” polo que lle pediu aos gandeiros que se sumen a el porque “ten moitas máis vantaxes que desvantaxes”.

Feijóo respondeu esta mañá no Pleno do Parlamento Galego a una pregunta do portavoz do BNG, Francisco Jorquera, sobre as actuacións que está a levar a cabo o goberno da Xunta en relación á crise do sector lácteo.

Jorquera lembrou que “o sector non pide unha declaración de intencións, senón compromisos concretos e verificables e con garantías de cumprimento”. O portavoz nacionalista subliñou que “o problema no Estado español non é de exceso de oferta de leite, pois somos deficitarios, senón das prácticas da industria e da distribución que se comportan cos gandeiros como auténticos capos, ante a falta de acción do noso goberno”. Por iso preguntoulle ao presidente da Xunta “se ten algunha estratexia para rematar coa vergoña de que unha botella de auga custe bastante máis que unha botella de leite”.

“O acordo español é máis completo que o francés”

A resposta de Feijóo foi poñer en valor un acordo do que dixo “é unha oportunidade que Galicia non pode desaproveitar”. “É una acordo que é razoable asinar pois é a primeira vez que o asinan industria e distribución (….) e ten moitas máis vantaxes que desvantaxes”, asegurou.

Ademais, o presidente da Xunta salientou que “o acordo español é máis completo que o francés (….) e é un acordo de máximos legais”.

“A produción de leite de Galicia acadou o seu máximo histórico”

Ademais, Feijóo salientou como mostra da viabilidade do sector lácteo galego que “Galicia chegou neste momento ao seu máximo de produción histórica, 2,6 millóns de toneladas anuais, o que supón un 15% máis que en 2010”.

Igualmente, puxo en valor que “os máximos prezos do leite de todo o século en Galicia acadáronse nos anos 2013 e 2014, e sen ben é certo que no 2015 pegaron un baixón, cando chegamos ao goberno da Xunta aínda estaban máis baixos”.

Por último recomendoulle aos consumidores galegos que aposten pola marca Galega 100% e que non merquen en establecementos que utilicen o leite como produto reclamo. Avanzou tamén que Galicia recibirá o 40% dos 25,5 millóns de euros que a UE destinará a España para axudar ás explotacións lácteas en dificultades.

O portavoz do BNG insistiulle en que “presione a Madrid e a Bruxelas” e pediulle que “actúe con urxencia, porque a situación das explotacións lácteas galegas é límite”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información