A falta de base territorial reduce a competitividade das ganderías de vacún de leite de Galicia

Foi unha das conclusións das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro. A comparación das explotacións lácteas de Galicia con Bretaña, revela que a principal rexión produtora francesa ten menores custos de alimentación grazas a que producen máis forraxes propias ao dispor de máis superficie

A falta de base territorial reduce a competitividade das ganderías de vacún de leite de Galicia

Mesa redonda celebrada este xoves nas Xornadas de Vacún de Leite de Seragro

A falta de base territorial para producir máis forraxes propias lastra a competitividade das ganderías lácteas galegas fronte a outras rexións produtoras de leite da Unión Europea, e en concreto a Bretaña francesa. Esta é unha das conclusións da mesa redonda celebrada este xoves en Lugo con expertos galegos, españois e franceses dentro das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

Os custos de produción en Bretaña, segundo explicou Stéphane Saille, responsable de Márketing e Innovación de BCEL Ouest, unha empresa que presta servizo a máis de 5.500 produtores, sitúanse neste momento 316 euros por cada 1.000 quilos de leite. En Galicia está en 363 euros segundo os datos achegados por Gonzalo Gómez Grobas, enxeñeiro da área de xestión Técnico Económica de Seragro, a partir dos datos das súas granxas en xestión.

¿E que provoca estas diferenza de custos de produción, crucial nun novo escenario de prezos do leite moi variables? A dispoñibilidade de base territorial. Mentres que en Bretaña a media é de 67 animais por explotación e de 89 hectáreas de base territorial -das que ata 26 dedican a cultivos para a venda, sobre todo cereais- en Galicia a media rolda as 40 cabezas, pero a superficie media apenas supera as 20 hectáreas, segundo datos do sector.

Esta menor dispoñibilidade de terras para o cultivo de forraxes aumenta en Galicia os custos de alimentación -o principal capítulo de gasto, ao redor do 60% do total-: uns 145 euros por cada 1.000 litros fronte aos 94 euros por cada 1.000 litros dos bretóns, segundo se desprende dos datos achegados polos técnicos de ambas rexións produtoras.

Outro dato revelador é a utilización de concentrado: mentres que en Bretaña a media, segundo os datos achegados por Stéphane Saille, está en 130 gramos por litro, en Galicia rolda os 300 gramos.

En Bretaña teñen menor custo de recría que en Galicia polo maior uso de pastoreo

A falta de suficiente base territorial das explotacións de vacún de leite de Galicia tamén repercute no maior custo das xovencas, o segundo maior capítulo de gasto dunha gandería de vacún de leite, despois do da alimentación. Así, e segundo os datos achegados por Gonzalo Gómez Grobas a partir das explotacións en xestión de Seragro, o custo de recría dunha xovenca para o primeiro parto sitúase en 1.803 euros, mentres que en Bretaña baixa aos 1.300 euros. “En Bretaña as xovencas aliméntanse principalmente en base a pasto, sobre todo das parcelas máis difíciles para o cultivo, e isto permite baixar os custos de recría ata unha media de 1.300 euros”, explicou Stéphane Saille. En canto á alimentación, o técnico francés lembrou que “nas nosas ganderías de leite non se compran forraxes como alfalfa ou palla, porque practicamente todas as forraxes prodúcense na granxa”.

Pola súa banda, Gonzalo Gómez Grobas, de Seragro, subliñou que “a principal diferenza entre Galicia e Bretaña é que eles teñen máis dispoñibilidade de terra e menores custos de alimentación, ao traballar con máis forraxes propias e con menos concentrados, mentres que aquí temos un problema de falta de dispoñibilidade de terra”, sobre todo nas ganderías máis dimensionadas, as que producen máis de 1 millón de litros ao ano, que son as que teñen o maior gasto en compra de comida.

Resumo dos relatorios da primeira xornada das xornadas de Seragro

Unhas mil persoas pasaron este xoves polo auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo para acudir á sesión inaugural das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas pola cooperativa Seragro.

Cultivo de faba e de chícharo forraxeiros

O relatorio inaugural correu a cargo da investigadora do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento de Asturias (Serida), Adela Martínez-Fernández, que abordou o cultivo de leguminosas forraxeiras adaptadas ás condicións agroclimáticas da Cornixa Cantábrica en rotación co millo. Entre as que supoñen unha alternativa ao raigrás italiano están a faba e o chícharo forraxeiro.

Da faba, a experta destacou a súa alta produción e achega proteica, que permite reducir a cantidade de concentrado da ración, e a súa adaptación a todo tipo de chans. No caso do chícharo, subliñou o seu alto valor nutritivo e o seu bo funcionamento en asociación con cereais forraxeiros como a avea ou o triticale, aínda que require terreos ben drenados porque non tolera o encharcamento.

Cría de xovencas e problemas podolóxicos

Pedro Codesido durante a súa ponencia.

Pedro Codesido durante a súa ponencia.

A continuación foi a quenda dun dos relatores máis esperados, a do doutor veterinario Robert Corbett (EE. UU.). A súa charla estivo centrada en como facer unha recría eficiente desde o nacemento da tenreira ata o parto a través do manexo e da alimentación, atendendo a aspectos como a importancia do costro, a formulación adecuada dos lactoreemplazantes, a frecuencia e o volume das tomas, o momento ideal do destete, a composición nutricional dos pensos de arranque, a composición das racións ou o programa de vacinacións.

Relevouno no estrado o técnico de Podoloxía de Seragro Pedro Codesido, que falou da importancia de dedicarlle tempo á recollida de información dentro da granxa para descubrir as múltiples razóns das lesións podais e a súa relación con factores como a idade, a produción, a xenética, a lactación, a fertilidade ou a época do ano.

Estes datos permitiranlle ao gandeiro valorar con rigor a problemática en cada caso e tomar a decisión máis acertada. A reflexión de Codesido centrouse na prevención, pero non só sobre a pezuña senón a partir do coñecemento dos factores que están a crear problemas en cada caso.

Xestión das explotacións e situación da gandería de vacún de leite en Bretaña

A sesión vespertina puxo o foco na xestión técnico-económica das explotacións. O enxeñeiro agrónomo Gonzalo Gómez, responsable desta área dentro de Seragro, abriu o bloque de sesións de tarde. Insistiu na importancia de coñecer a fondo os diferentes gastos e ingresos das explotacións para ver cales son os seus puntos fortes e débiles e analizar onde se pode actuar. Entre os puntos débiles das ganderías galegas, Gómez considerou a escaseza de terras como o máis importante.

O seguinte en participar foi Stéphane Saille, outro técnico de xestión que desempeña a súa actividade nunha empresa de servizos da Bretaña francesa á que están asociados 5.500 produtores de leite cun total de 385.000 vacas.

Saille expuxo as principais tendencias do sector nesta rexión gala e repasou os factores crave do seu desenvolvemento. Destacou a boa articulación do sector e as moitas posibilidades que teñen os gandeiros para asesorarse; o dinamismo do tecido económico; o clima propicio para a produción de forraxes; a modernización das granxas e o bo nivel técnico en alimentación, calidade do leite e recría, entre outros.

“O gandeiro é ante todo un empresario e como tal debe actuar”

O contrapunto veu da man do economista, profesor e asesor de granxas Antonio Pallarés, que abordou a produción láctea como un negocio que, como tal, debe ter a súa visión estratéxica, económica e empresarial.

O experto fixo fincapé en que “o gandeiro é ante todo un empresario e como tal debe actuar”. A súa principal función é dirixir, actividade que se concreta en tres niveles: planificación, fixación de obxectivos e, en último termo, execución.

Pallarés insistiu en conceptos como a definición de negocio e as estratexias competitivas, que dividiu en estratexias por liderado de custos e estratexias por diferenciación. Tamén explicou algunhas claves para afrontar a crise de prezos pero concluíu coa máxima de que “o importante é ter clara a estratexia e os obxectivos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información