Factores que lle provocan medo a unha vaca

As vacas ven e ouven de forma bastante distinta aos humanos, o que fai que elementos ou situacións na granxa que a nós nos pasan desapercibidas a elas xérenlles estrés e medo. Resumo do relatorio do veterinario Javier Liste Pose nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

Factores que lle provocan medo a unha vaca

Vacas na gandería Sola.

As vacas son animais presa que ao longo da súa evolución desenvolveron os seus sentidos para detectar e fuxir dos seus depredadores. Esta selección natural fai que os seus sentidos, principalmente a vista e o oído, sexan bastante diferentes dos dos humanos, e por tanto, que teñan reaccións de medo e de estrés ante elementos e situacións que para o ser humano pasan desapercibidas.

Neste sentido, o veterinario Javier Liste Pose explicou nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro como funcionan os sentidos da vaca e, a partir de aí, que situacións ou elementos debemos evitar para mellorar o benestar animal. Ofrecemos a continuación un resumo do seu relatorio.

Diferenzas no sentido da vista

Ángulo de visión case en 360 graos:
Así, en canto á vista, órgano a través do cal captan o 50% da información sensorial que reciben, as vacas teñen uns ollos bulboides colocados estratexicamente de forma que teñen un amplísimo campo visual horizontal: 330 graos sen mover a cabeza, que se amplía ata os 360 cando están a pacer. Nos seres humanos o noso ángulo de visión é de 200 graos. Isto explica que cando estamos detrás dunha vaca que se queremos meter na cornadiza, ela adoita agachar a cabeza para poder vernos.

Cústalles calcular as distancias:
Porén, as vacas teñen unha moi reducida visión binocular, que é da que nos servimos para ver en profundidade, e por tanto para saber a distancia á que se atopa. En concreto, o campo de visión binocular dunha vaca é de entre 30 e 50 graos, cando no ser humano é de 90 a 140 graos.

VACA_VISION

Ven moito mellor as liñas verticais que as horizontais:
Ademais, polo seu tipo de pupila, as vacas ven moito mellor as liñas verticais que as horizontais. Isto é o que explica que en situacións de estrés tenten saltar por encima de cancelas -que sobre todo son barras horizontais- e acaben chocando con elas, porque non ven o tubo horizontal superior e asumen que a cancela é máis baixa. Pola contra, de cando é raro que tente saltar por encima dunha cornadiza, porque son sobre todo barras verticais e si as verá sen problema.

Tardan máis en adaptarse aos cambios de luz:
Ademais, as vacas tardan máis tempo que os humanos en adaptarse a condicións repentinas de cambios de luz, chegando mesmo a provocarlles dor os cambios bruscos de escuridade a moita luz.

Nisto tamén inflúe a súa visión das cores, chamada dicromática, que lle permite ter maior capacidade de detectar os movementos repentinos. Posiblemente, este tipo de visión tamén sexa a causante de que as vacas vexan os contrastes de luz e de escuridade con moita máis intensidade que os humanos. Así, consideran a cor escura como máis profunda que a clara, coma se fose un precipicio. Isto debémolo ter en conta á hora de mover unha vaca, xa que unha simple sombra ou un cambio de cor brusca pode provocar que a vaca non avance.

Diferenzas no sentido da vista

-Teñen un oído moito máis sensible que os humanos.
As vacas escoitan con moito máis volume que os humanos, sendo capaces de escoitar a unha frecuencia moito máis elevada, polo que un ruído, máis ou menos normal para nós, vai resultar excesivo para elas e vainas molestar ou distraer. Así, considérase que a unha vaca lle empezan a molestar ruídos por encima de 80 decibelios, mentres que no humano o límite está en 120 decibelios. Considerando que unha persoa falando normal está a 60 decibelios, non hai ningunha necesidade de berrarlle ás vacas, xa que elas escoitan moito mellor ca nós.

Por tanto, os ruídos agudos, así como os fortes e intermitentes vanas molestar, causándolles estrés e que se deteñan e non queiran avanzar.

-Se a vaca ten as orellas orientadas a nós é que nos presta atención.
Unha habilidade das vacas é a gran mobilidade das súas orellas, o que lles permite buscar rapidamente a procedencia dun son. Desta forma, para asegurarnos de que unha vaca nos ve e estanos a prestar atención, debemos fixarnos en que as súas orellas estean orientadas cara a nós.

Factores que lles provocan estrés e medo a unha vaca

Coñecendo como funcionan os seus sentidos da vista e do oído poderemos comprender o motivo polo que as vacas reaccionan con medo ou con estrés ante elementos e situacións que ao ser humano parécenlle normais.

Neste sentido, debemos coñecer e evitar estas situacións se queremos mellorar o benestar animal do rabaño, e por tanto a súa rendibilidade.

Correntes de aire de fronte:
Ás vacas non lles gusta que lles sopre o aire de fronte, e nestas situacións adóitanse pór de cu. Este comportamento debémolo ter en conta á hora de instalar ventiladores na corte.

Evitar roupa ou calquera outro obxecto colgado nas portas e cancelas:
Isto vai deter aos animais, especialmente se a peza ou o obxecto é de cor amarela.

Evitar plásticos e papeis que se movan pola instalación, ben polo vento ou porque formaban parte do establo pero están soltos.

Evitar movementos lentos nas aspas dos ventiladores:
As vacas non teñen problema cando os ventiladores están en funcionamento, pero cando as aspas se moven lentamente por acción das correntes de aire, adoitan distraerse obsesivamente nalgúns casos e non se moven. Isto é frecuente en ventiladores colocados en xanelas, que ao moverse lentamente provocan brillos e sombras.

Movementos da xente diante ou á beira das vacas:
Se nun corredor a vaca ve a unha persoa ao final do mesmo non vai querer entrar nel. Se é inevitable o paso de persoal por onde teñen que circular as vacas, o mellor é colocar paneis nas paredes para que as vacas non vexan o que pasa ao redor.

Obxectos pequenos no chan:
Deben evitarse, sobre todo se a súa cor contrasta moito coa do chan.

Cambios de material e de textura no chan:
Como antes, o que molesta ás vacas son os contrastes. Así, cambios de superficie de formigón a metálicos ou de terra a formigón adoitan frear aos animais ou que os pasen dun salto para evitar esa liña de contraste.

Reixas de sumidoiros no chan:
Dáse o mesmo problema de contraste e a vaca asume que o escuro é profundo.

Cambios de cor repentinos no equipamento:
Estes cambios de cor supoñen un gran contraste, da mesma forma que pasadizos grises ou de formigón que desembocan nun equipamento metálico ou brillante.

Entradas demasiado escuras:
Outro problema de contraste. Ao pasar dunha zona ben iluminada a outra máis escura, a vaca non vai ver o que hai dentro da zona escura e vaise a resistir a entrar. Convén colocar unha luz dentro ou colocar paneis translúcidos para iluminar esta zona escura.

Luz intensa como sol cegador:
Se están dentro dunha zona escura as vacas van rexeitar a saída a unha zona de moita luz porque a luz solar intensa vailles causar dor.

Portas nunha dirección ou antirretroceso:
As vacas fréanse porque asumen que a porta non se move. Debemos usalas só cando é imprescindible e ter paciencia para que a vaca aprenda a pasar por ela. As portas deben ser fáciles de abrir -unha persoa debería abrila cun dedo- e procurar que non fagan ruído ao abrirse ou ao pecharse.

Reflexos brillantes nos charcos:
A vaca ve con moito máis detalle os contrastes entre claro e escuro, polo que se nunha poza se reflicte a luz dunha lámpada ou do sol, poida que se mostre remisa a pasar por encima del.

Ademais, se esa auga se move, provoca unha serie de reflexos que bloquean aínda máis ao animal.

Reflexos en metal liso:
As planchas de aceiro inoxidable presentes, por exemplo, na sala de muxido, reflicten a luz e poden asustar ás vacas, especialmente se están frouxas e vibran cos golpes doutras vacas ou co funcionamento da máquina.

Por tanto, recoméndase utilizar planchas de cores mates, que non reflictan tanto a luz, evitar as vibracións fixando ben os ferros, e mover, se fose necesario, as lámpadas que iluminan o local. Para ver se reflicten ou non, deberiamos colocar os nosos ollos á altura dos ollos da vaca.

Cadeas ou cordas colgadas que se moven:
Ás veces deixamos colgadas cadeas ou cordas para asegurar unha porta cando a abrimos ou a pechamos. Ese elemento, ao moverse, pode facer que os animais se paren ou rexeiten pasar, especialmente se a cadea é nova e brilla.

Golpes e ruídos metálicos:
Poden ser debidos ao típico traqueteo das portas, dos peches ou das cornadizas ao abrirse ou pecharse ou tamén ao golpear cunha vara contra un ferro. Neste sentido, debemos evitar golpear nada e pór gomas nas zonas onde bata ferro contra ferro.

Ruídos agudos:
Bucinazos, alarmas de marcha atrás das máquinas, asubíos, portas que renxen ao abrirse…etc. Debemos evitalos.

Tamén debemos evitar fugas de aire nos tubos das instalacións pneumáticas, cada día máis presentes nas granxas de vacún de leite. Tamén que cando se abran ou se pechen fágano co mínimo ruído, utilizando silenciadores para escapes de aire.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información