Expulsada unha granxa de Feiraco por non venderlle o leite á cooperativa

Grille SCG, a explotación de Mazaricos afectada, advirte de que hai centos de socios en situación similar. Considera que a expulsión débese a represalías do consello reitor, logo de que a granxa pedise explicacións pola participación do director xeral da cooperativa noutra industria láctea, Innolact

Expulsada unha granxa de Feiraco por non venderlle o leite á cooperativa

Sede central da cooperativa Feiraco.

Feiraco expulsou a unha explotación socia de Mazaricos, Grille SCG, por non venderlle o leite nin mercarlle pienso á cooperativa. A expulsión foi acordada polo consello reitor de Feiraco e ratificada polo comité de recursos, decisións ambas que cuestiona a granxa afectada.

Grille SCG advirte de que hai centos de socios en similar situación e achaca a expulsión a represalías do consello reitor que encabeza o presidente da cooperativa, José Montes. Feiraco, consultada ó respecto, renunciou a dar a súa versión dos feitos.

Feiraco lembra que é obriga de todos os socios venderlle o leite á cooperativa e mercarlle suministros e servizos

A decisión de expulsión foille comunicada a Grille SCG por medio dun escrito no que se lle acusaba de “operacións de competencia” con Feiraco e se lle lembraba que entre as obrigas dos socios, segundo os estatutos da cooperativa, figuran as seguintes: “aportar para a súa comercialización e transformación no seu caso o 100% das producións ou grupos de produtos procedentes das súas explotacións”.

Outra das obrigas é a “adquisición da totalidade dos produtos ou grupos de produtos e servizos que necesiten para as súas explotacións e que suministre ou preste a cooperativa”.

Grille SCG sinala que hai 300 granxas socias que non lle venden o leite a Feiraco, polo que di non entender a súa expulsión

Grille SCG deixou de entregarlle o leite a Feiraco no 2011 tras desacordos coa cooperativa e aínda que houbo achegamentos posteriores entre ambas partes, non se recuperou a relación comercial. Xoán Ramos, presidente de Grille SCG, lembra que segundo recoñece publicamente Feiraco, hai arredor de 300 granxas socias que non lle entregan o leite á cooperativa, polo que di, chama a atención que o único expediente disciplinario incoado por tal motivo e a única expulsión fora contra Grille SCG.

Participación de Antuña en Innolact

A granxa afectada sinala que o expediente disciplinario notificouselle en novembro do 2015, meses despois de que a explotación se dirixira ó presidente de Feiraco, José Montes, para pedirlle explicacións pola participación do director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, noutra compañía do sector, Innolact, da que é accionista e conselleiro.

A participación de Antuña en Innolact, sociedade creada hai case unha década, trascendeu no sector en datas recentes. Esa participación é considerada “perxudicial” por Grille SCG, que entende que se está a producir un conflicto de intereses na persoa do director xeral.

A explotación tiña criticado ante Feiraco que o director xeral da cooperativa sexa accionista e conselleiro doutra industria láctea, Innolact

O consello reitor, pola súa banda, transmitiulle a Grille SCG en novembro do 2015 que era coñecedora da participación de Antuña en Innolact e que consideraba que esa participación non perxudicaba a Feiraco. Case simultaneamente, días despois, comunicoulle á granxa o inicio dun expediente disciplinario por “operacións de competencia con Feiraco”.

O presidente de Grille SCG, Xoán Ramos, califica de sorprendente que o consello reitor de Feiraco non vexa un conflicto de intereses en que o seu director xeral sexa desde hai anos accionista e conselleiro de Innolact, unha sociedade que considera competidora de Feiraco, en tanto se expulsa a unha granxa socia por “operacións de competencia” co argumento de que non lle entrega leite nin lle merca pienso á cooperativa.

O consello reitor comunicoulle a Grille SCG que entende que a participación de Antuña en Innolact non perxudica á cooperativa

Desde 2014, Feiraco e Innolact operan conxuntamente a planta de queixo fresco de Arquega en Montesalgueiro (Aranga, A Coruña).

Grille SCG
Grille SCG, creada a finais dos anos 60 por nove gandeiros de Mazaricos, ten a día de hoxe unhas 300 vacas en muxidura e a pesar da súa expulsión, continúa a ser a terceira máxima accionista de Feiraco Lácteos SL, a sociedade creada pola cooperativa para a comercialización do leite.

A expulsión de Grille SCG da cooperativa leva consigo unha deducción do 30% no reembolso da participación da granxa no capital social de Feiraco.

Consultada sobre este caso, Feiraco sinala que se trata dun tema interno e que renuncia a dar a súa versión dos feitos.

2 ideas sobre “Expulsada unha granxa de Feiraco por non venderlle o leite á cooperativa

  1. Xoan

    Iso é algo moi frecuente en casi todas as cooperativas. Un presidente ou un xerente manexan a súa pequena Sicilia e ó que repunta córtanlle pescozo (de forma figurada por suposto). Obrigan ó consumo de mezclas da propia cooperativa (case sempre máis caras que as da competencia), e se queres usar os servicios da mesma tes que ser «socio consumidor», é decir, vender o leite peor que ninguén e comprar a mezcla máis cara que no mercado. Este segundo punto é moi curioso, porque xa que compran grandes cantidades de materias primas, deberían de ter uns prezos por lóxica mellores ca o resto. Se se fusionan todas e manteñen ós seus directivos, esto vai a ser interesante.

    Contestar
  2. Anton

    Totalmente de acordo con Xoan, moitas das cooperativas galegas converteronse en feudos gobernados por caciques; beneficiandose delas presidentes e directivos de dudosa formación facendolle a conta na man os socios co leite q entregan e coas materias primas q consumen.
    Se se intenta cambiar para unha fabrica de penso con precios mais competitivos pronto aparece a ameaza de baixa do leite…
    Con respeto a unión de cooperativas é unha utopia na medida en que cada cacique quere o seu pequeno feudo. Prefiren vernos mortos antes de deixar a teta.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información