“As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa superficie de terras”

Os profesores da USC Francisco Sineiro e Edelmiro López analizan os retos estratéxicos do sector lácteo galego nunha mesa redonda organizada por Agaca. Tamén interviu Fernando de Antonio, de Cooperativas Agroalimentarias de España

“As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa superficie de terras”

Mesa redonda na que participaron Fernando de Antonio, Higinio Mougán (presentador), Edelmiro López e Francisco Sineiro.

Transcorridos case dous anos desde o fin do sistema de cotas, no sector lácteo galego toca facer balance da crise vivida e marcar estratexias de futuro. Os profesores da Universidade de Santiago (USC) Francisco Sineiro e Edelmiro López, dous dos principais analistas agrarios de Galicia, veñen de analizar a situación e as necesidades ás que se enfronta o sector lácteo nunha mesa organizada por Agaca. Os retos son similares ós que estes mesmos investigadores debuxaban hai un par de anos, pero agora con urxencias aínda maiores.

Os obxectivos que Sineiro e López cren necesarios para o sector céntranse en tres eixos: aumento da competitividade das explotacións, principalmente pola vía de medrar na súa base territorial; fortalecemento da estrutura industrial galega e mellora das relacións na cadea de valor do leite entre produtores, industrias e cadeas de distribución.

Na mesa redonda, organizada días atrás no Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo, houbo tamén unha análise do marco normativo actual. Desde Cooperativas Agroalimentarias de España, Fernando de Antonio avogou pola reforma do decreto sobre organizacións de produtores (OPs) e pola regulación da figura dos primeiros compradores.

1) Aumento das terras agrarias

A mellora da competitividade das explotacións, segundo Sineiro e López, pasa en boa medida por aumentar a súa autonomía alimentaria. Ambos profesores comparten unha análise con profusión de puntos en común.

“Seguir suministrándolles comida ós animais con produtos importados é un luxo que cada vez nos imos poder permitir menos, tanto a nivel colectivo como individual” -advirte Edelmiro-. “O aumento da base territorial é fundamental para reducir custos. Tamén para ter unha agricultura máis sustentable, ou dito en termos crúos, para seguir cobrando as axudas da PAC no futuro”.

“En Galicia, o 45% da enerxía da ración das vacas vén de forraxes propias. En Dinamarca, chégase ó 55-60%” (Sineiro)

Sineiro ponlle cifras á magnitude do reto que representa a necesidade de máis terras agrarias: “As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa base territorial, principalmente pola vía do arrendamento de terras. Se nos comparamos con outros grandes produtores de leite, como pode ser o caso de Dinamarca, vemos que en Galicia o 55% da enerxía da ración das vacas vén de concentrados e só un 45% das forraxes producidas na explotación. En Dinamarca, as porcentaxes son inversas: o 40-45% da enerxía procede de concentrados e o resto da explotación”.

Desde a perspectiva de Sineiro, o bo dimensionamento das explotacións permitiría que as granxas mesmo se introducisen na produción de materias primas para concentrados: “Está comprobado que cultivos como o trigo ou a couza poden producirse en Galicia con bos rendementos”, valora.

A necesidade de mellorar a calidade das forraxes producidas, sobre todo no caso dos silos de herba, é outra das cuestións sobre as que incide o profesor da Escola Politécnica de Lugo.

Banco de Terras
Como aumentar a base territorial? “Non se trata tanto de aprobar novas normas como de cumprir as xa aprobadas” -suliña Edelmiro López.- “Cando se deseñou o Banco de Terras, non se pensaba como unha web cun listado. Tratábase de xestionar unha oferta e unha demanda, penalizando por exemplo ós propietarios de fincas abandoadas”, destaca.

“Cando se puxo en marcha o Banco de Terras, non se pensaba como unha web e un listado. Tratábase de activar a oferta, pero non se fixo” (Edelmiro López)

Na mesma liña abunda Sineiro. “O Banco de Terras non cumpre a función que debera. En 8 anos, xestionou só unhas 1.000 hectáreas e a maioría procedían de masas comúns de concentracións parcelarias”.

Outro problema que detectan ambos analistas radica na forestación de terras agrarias con eucaliptos, unha práctica prohibida pola normativa pero sobre a que consideran que existe un escaso control na práctica.

Plans de mellora, asesoramento e formación
O correcto asesoramento e formación dos gandeiros é outro dos factores que pode contribuír a mellorar a súa competitividade. Tanto López como Sineiro sinalan tamén a necesidade de orientar correctamente os plans de mellora das explotacións, subvencionados con fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR).

“En ocasións, négaselle apoio a plans de mellora que teñen uns investimentos favorables e outros proxectos que son cuestionables apóianse” -valora Sineiro.- “Á hora de seleccionar os plans de mellora, habería que ter en conta tres factores: a existencia dun plan produtivo racional, a posibilidade financieira de afrontar débedas e a propia capacidade do gandeiro”.

2) Estratexia pública para a industria láctea

“A industria láctea depende da iniciativa privada, pero ten que haber unha estratexia pública”, destaca Edelmiro López. “Tódolos grandes países en produción láctea da UE teñen a súa propia estratexia. En España e Galicia falta e canto máis tardemos en facela, peor”, coincide Sineiro.

“A Xunta ten que preguntarse que papel debe ter Lactalis en Galicia e actuar en consecuencia” (Edelmiro López)

“A Xunta ten que preguntarse cuestións como que papel ten que ter Lactalis en Galicia, e actuar en consecuencia. Ou se se consideran desexables alianzas da industria galega con grandes grupos do resto de España e Portugal. Ou se é desexable a participación dos gandeiros en proxectos industriais”, pon como exemplos Edelmiro.

Ao longo dos últimos meses, estase a dar unha maior implicación dos produtores en proxectos de transformación, caso de Dairylac, iniciativa liderada polas cooperativas Icos, Codeira e Aira, coa participación da Xunta; ou da integración cooperativa de Clun (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), tamén apoiada pola Administración autonómica.

Edelmiro López considera que a Xunta pode plantearse a intervención minoritaria en determinados proxectos, pero sempre que evite a creación de “zombis empresariais con fondos públicos”, en alusión ó desastre de Alimentos Lácteos.

En canto á participación gandeira en proxectos industriais, tamén houbo boas noticias nos últimos meses pola volta ó mercado de Deleite, da man dun grupo de gandeiros galegos, e pola compra de Celega por parte das cooperativas Lemos e Coreber, se ben estes dous últimos proxectos acometéronse sen a busca de apoios públicos.

Orientación produtiva
O envasado de leite para o mercado español é a principal vía de comercialización con que conta Galicia. Consolidala de cara ó futuro é un dos retos, se ben os analistas suliñan a necesidade de diversificar en produtos de maior valor engadido.

Para iso, apostan por aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo, que agora xestionan un testemuñal 2% da produción láctea galega, e por introducirse nos produtos lácteos industriais.

3) Articulación da cadea de valor do leite

A conflictividade que rexistra a cadea de valor do leite é desexable que se sustitúa por acordos voluntarios nos que participen a maioría das partes implicadas, segundo valora Francisco Sineiro.

As organizacións de produtores (OPs), que ata o de agora tiveron unha utilidade nula en Galicia, poderían ter un maior papel futuro na negociación coas industrias. Desde Cooperativas Agroalimentarias avógase por unha modificación do decreto que regula en España as OPs.

Cooperativas Agroalimentarias propón que se prohíba que as industrias eludan a negociación coas organizacións de produtores

Cooperativas propón que as organizacións de produtores sexan as encargadas de asinar os contratos coas industrias (en lugar de facelo o gandeiro a título individual), así como de recibir as correspondentes ofertas que fagan as empresas transformadoras.

Na liña das últimas recomendacións da Comisión Europea, as cooperativas entenden que as industrias non deberían poder eludir a negociación colectiva, polo que se debe impedir que negocien individualmente cos gandeiros que están nunha OP.

En relación ás organizacións de produtores, Sineiro considera que o seu escaso éxito en Galicia vén dado por factores como a escasez de apoios públicos ou a falta de industrias favorables á negociación. De cara ó futuro, apunta a necesidade de axudas e de que as OPs teñan capacidade para encargar a maquila do leite a empresas transformadoras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información