“As excepcións á nova norma de esparexido de xurros son só para este ano 2018”

Entrevista a Fernando Miranda Sotillos, director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente

“As excepcións á nova norma de esparexido de xurros son só para este ano 2018”

Fernando Miranda Sotillos, director xeral de Producións e Mercados Agrarios

Desde o 1 de xaneiro deste ano os gandeiros de España deberán deixar de esparexer o xurro mediante cisternas con sistema de prato, abano ou canón, se queren cobrar as axudas da PAC.

O obxectivo é reducir as emisións de amoníaco á atmosfera, un gas contaminante que nun 28% procede de xurros e de estercos gandeiros aplicados á terra de forma incorrecta.

E é que a Comisión Europea xa advertiu a España de que excedeu os seus límites de emisións e de que se expón a unha sanción. Así, segundo os datos do propio Goberno “as emisións de NH3 en 2015 polas actividades agrícolas aumentaron nunha +4,6% consecuencia do efecto combinado de dous elementos relacionados: aumento da cabana porcina (+.9% en 2015) e o derivado incremento da cantidade de estercos animais aplicados a campo como fertilizantes orgánicos (+5.4%)”.

Sen embargo, a nova norma do Ministerio de Agricultura causou gran malestar no sector debido a que obrigará aos produtores a realizar importantes investimentos e a que en moitos casos a pendente e o tamaño das leiras fan inviable aplicar sistemas alternativos.

De momento só Asturias estableceu excepcións ao Real Decreto do Ministerio e outras como Galicia anunciaron tamén alegacións ao considerar que a norma é de difícil aplicación na Comunidade.

Neste sentido, Fernando Miranda Sotillos, director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente aclara nesta entrevista os puntos crave da nova normativa sobre esparexido de xurros.

Cales son os principais sectores gandeiros que emiten emisións contaminantes por amoníaco en España?
Segundo os últimos datos dispoñibles, podemos concluír que os sectores gandeiros que máis contribúen ás emisións de amoníaco dentro da gandaría española son por esta orde o porcino, o bovino (leite + carne), e o aviario (posta e carne). Uns datos que se poden consultar no Inventario Nacional de Contaminantes Atmosféricos que cada ano publica este Ministerio.

Estas emisións de amoníaco prodúcense no propio aloxamento dos animais, durante o almacenamento dos xurros ou estercos, e tamén como consecuencia da súa aplicación ao campo, sendo máis fácil de adoptar medidas nesta última fase da aplicación.

O sector do vacún de leite deféndese argumentando que mantivo estable a cabana gandeira, e por tanto as emisións de amoníaco. Critica que está a pagar o incremento de emisións contaminantes provocadas polo sector porcino, que se incrementou notablemente a súa cabana gandeira en España nos últimos anos. Cal é a valoración do Ministerio a respecto diso?
Tal e como se pode comprobar no informe correspondente sobre as emisións de amoníaco do Inventario Nacional, a pesar de que se produciu un incremento do censo do sector porcino durante estes últimos anos, as emisións non aumentaron na mesma proporción. Isto é debido á adopción de medidas de redución no sector porcino que contribuíron a que os niveis de emisión non aumentasen na mesma proporción.

Porén, España excede as emisións de amoníaco asignadas na Unión Europea, sendo necesario diminuílas nos próximos anos, o que fai necesario aplicar as medidas de redución máis eficaces e con menor custo a todos os sectores e, especialmente, durante a aplicación dos xurros e estercos ao campo, momento no que se produce, aproximadamente, un 30% das emisións totais.

¿Ten previsto o Ministerio modificar a normativa sobre xurros para permitir tamén técnicas avaladas para reducir as emisións contaminantes de amoníaco, como son o esparexido mediante cisterna de prato, abano ou canón de xurros previamente acidificados ou que inmediatamente despois do esparexido sexan enterrados mediante un arado de discos?
A modificación na aplicación dos xurros incluíuse dentro da normativa publicada para a aplicación en España da Política Agrícola Común e de momento non se considera necesario a súa modificación. A utilización do sistema de abano ou canón considérase como o sistema de referencia máis contaminante, non debéndose utilizar máis que nos casos extremos nos que non poida utilizarse outra tecnoloxía, situación xa contemplada no propio apartado 2 do Anexo II de dita normativa, podendo as comunidades autónomas establecer excepcións.

“A aplicación de xurro mediante sistema de abano ou canón só se poderá realizar nos casos extremos”

Os compromisos de redución de emisións de amoníaco baséanse no emprego das Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD), para a redución das emisións de amoníaco. Nese sentido, recentemente este Ministerio publicou unha “Guía das Mellores Técnicas Dispoñibles para reducir o impacto ambiental da gandaría”, que foi presentada o 23 de novembro de 2017, na IV Xornada de Gandaría e Medio Ambiente e que tamén se atopa na páxina web do Ministerio. Na dita guía faise referencia ás MTD correspondentes á aplicación do esterco ao campo. Por outra banda, a acidificación do xurro é unha tecnoloxía que tamén se pode utilizar, ademais dos sistemas de aplicación por bandas, inxección ou enterrado, polo que son sistemas complementarios, non substitutivos.

Vai haber unha prórroga para que os gandeiros poidan adaptarse a estes cambios normativos durante 2018? Ata cando se estenderá a prórroga?
De acordo cos datos dispoñibles, España excedeu o teito de emisións de amoníaco que ten asignado no marco da normativa comunitaria sobre calidade do aire.

A publicación da Directiva 2016/2284 obrigará a España a reducir o seu teito de emisións un 16% para o amoníaco no ano 2030. Por iso, a adopción de medidas é urxente e inevitable.

Optouse por aplicar unha primeira medida con efectos a partir de 2018 que consiste en que os xurros ou estercos líquidos se esparexan nas superficies agrícolas de forma localizada no chan, en lugar de facelo en forma de abano ou mediante canóns.

Hai que ter en conta que a aplicación de estercos líquidos e xurros en campo supón o 28% das emisións totais de amoníaco e que, coa súa aplicación localizada no chan, pódense reducir as súas emisións nun 30%-70% se se enterra.

 “As excepcións son para que durante este 2018 o sector se adapte aos cambios”

Trátase da medida máis eficaz en termos de custo beneficio que se pode aplicar a curto prazo. A medida é coñecida desde hai tempo polo sector, sobre todo pola parte máis especializada.

Para o ano 2018 as CCAA poden establecer excepcións na aplicación desta medida, de maneira que os gandeiros ou as empresas de servizos con cubas sen aplicador localizado, poidan ter tempo para substituír os implementos.

Ademais, ao aplicar as excepcións, as comunidades deben aproveitar para divulgar a necesidade de aplicar este tipo de prácticas compatibles co clima e o medio ambiente.

En calquera caso e visto todo o explicado anteriormente, esta flexibilidade non pode deixar de ser unha excepción en 2018, con vistas a que a finais deste ano produciuse o cambio.

As axudas anunciadas pola ministra para axudar ao cumprimento da normativa ¿Cando está previsto que se concreten e que se financiará?
Durante o primeiro cuadrimestre deste ano publicarase un Plan RENOVE específico para a substitución dos dispositivos de abanico ou canóns por equipos localizadores do produto no chan. O obxectivo deste plan é reducir as emisións de amoníaco da actividade agrícola e, desta forma, facilitar o cumprimento da Directiva sobre Teitos Nacionais de Emisións (Directiva 2001/81/CE, emendada pola Directiva 2016/2284), así como o Protocolo de Gotemburgo do Convenio de Xenebra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información