Europa aumenta as exportacións de produtos lácteos no primeiro semestre

As vendas comunitarias de queixos e leite en po medran, en tanto se retraen as transaccións de manteiga, un produto afectado polos baixos stocks. España segue a aumentar os envíos ó exterior e reduce as compras

Europa aumenta as exportacións de produtos lácteos no primeiro semestre

O mercado europeo está a aumentar vendas e a reducir stocks.

O primeiro semestre do 2017 continúa a tendencia de aumento das exportacións europeas de produtos lácteos que xa se rexistrara no pasado exercicio. O periodo xaneiro-xuño deste ano
pechouse cun aumento das exportacións da UE a terceiros países dun 7% nos queixos, para un total de 488.000 toneladas, e dun 39% no leite en po desnatado (493.000 toneladas).

En manteiga, cun mercado europeo sen practicamente stocks, as exportacións reducíronse un 16%, para unhas vendas totais de 90.000 toneladas totais. De feito, as importacións europeas de manteiga, aínda que escasas, aumentaron un 46% no primeiro semestre, ata situarse nas 4.000 toneladas, con Nova Zelanda como principal exportador.

En canto ó mercado intracomunitario, no primeiro semestre produciuse un aumento das transaccións de queixo e de manteiga, que medraron un 3% en ambos casos, As vendas de leite desnatado en po baixaron un 4% e as de leite enteiro en po un 15%. En leite en po, o principal exportador é Alemaña e o maior importador Países Baixos.

Datos 2016
No ano 2016, as exportacións da UE aumentaran principalmente na manteiga (+20%), ata acadar as 162.000 toneladas, e no queixo (+11,3%), ata acadar as 800.000 toneladas. Por contra, as exportacións de leite desnatado en po baixaran un 17%, ata quedarse en 574.000 toneladas.

En canto os intercambios intracomunitarios, o pasado ano aumentaron un 6% para manteiga (751.000 toneladas), un 4% para queixo (4,17 millóns de toneladas) e un 2% para leite en po (644.000 toneladas). Os principais exportadores dentro da UE foron Alemania en queixos, con máis dun millón de toneladas, e Países Baixos en manteiga, con máis de 190.000 toneladas.

Mercado estatal

En España, comparando os datos do periodo xullo 2016-xuño 2017 co mesmo periodo 2015-2016, obsérvase un aumento importante das exportacións, que medran en volume un 39,6%, en tanto que as importacións caen un 5%. Se se analizan os datos en valor, hai un aumento das exportacións dun 13,5% e tamén un aumento das importacións do 3,9%. O produto máis exportado é a nata líquida a granel e o máis importado son os queixos.

O prezo do leite en España é un 12% inferior á media comunitaria

O mercado lácteo europeo estase a caracterizar no último ano tanto pola recuperación dos prezos dos produtos lácteos industriais como pola suba do leite no campo. En relación a hai un ano, a manteiga subiu un 84%, os queixos fixérono entre un 14 e un 30% e o leite en po enteiro un 24%. A única nota negativa corresponde o leite en po desnatado, que cae un 8%.

De xeito paralelo, as cotizacións medias do leite no campo aumentaron un 33% en relación a hai un ano. En España, ese incremento quedouse no 8%, quedando o prezo medio en 30,10 euros / 100 kg. fronte ós 34,20 da UE, segundo o último informe de coxuntura do Ministerio.

Stocks
A mellora do mercado está indo acompañada dunha redución dos stocks comunitarios de lácteos industriais. Se o ano comezou con preto de 70.000 toneladas de leite en po desnatado en almacenamento privado, na actualidade quedan menos de 30.000.

A intervención pública de leite en po, que o pasado ano retirara do mercado máis de 330.000 toneladas de produto, este ano a penas funcionou, con pouco máis de 10.000 toneladas adquiridas. Queda pendente, iso si, de buscar unha solución para o leite en po almacenado en intervención pública, que non está a ter saída nas licitacións impulsadas pola Comisión Europea.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información