Estebano SC: O segredo dunha gandería que logra grandes producións vitalicias e calidades altas

Esta gandería de Trabada logra unha media de 3,8 partos por vaca e unhas calidades do leite de 3,9% de graxa e 3,4% de proteína. O seu propietario, Ramón Gallo Díaz, explícanos as claves

Estebano SC: O segredo dunha gandería que logra grandes producións vitalicias e calidades altas

Gandería Estebano está no concello lucense de Trabada

Gandería Estebano é unha granxa familiar de Trabada (Lugo) que non é coñecida polo seus altos índices xenéticos nin por gañar concursos de morfoloxía, senón por algo que incide directamente nas contas de calquera explotación de vacún de leite: a lonxevidade das súas vacas e as calidades do leite que producen.

E é que nos últimos seis anos esta gandería logrou ter 10 vacas con máis de 100.000 litros de lactación vitalicia, con algunhas como Estebano Begoña Deo que chegou aos 164.462 litros en 10 lactacións e cunhas calidades de 4,7% de graxa e 3,34% de proteína.

Pero máis alá destes exemplares récord, a realidade é que esta gandería logra que a súa media de partos chegue aos 3,8 -a media en España rolda os 3- cunha produción media de 35 litros de leite e unhas calidades de 3,9% de graxa e 3,4% de proteína.

¿Cales son as claves para lograr estes datos envexables? “Sen dúbida inflúe a xenética, aínda que eu comprei animais en Holanda con 5 de graxa e 3,8 de proteína e despois de varias lactacións aquí eran animais normais. Para min a clave está máis ben na alimentación, con boas forraxes e racións con fibra alta para as vacas en produción e racións específicas para as vacas secas. E por suposto, benestar animal, con pasillos anchos, cama branda e evitar a sobrepoboación”, explica Ramón Gallo.

Xunto a iso, este gandeiro evita inseminar as vacas con razas de carne: “Non lle vexo sentido inseminar con carne a unha vaca Frisona en produción, porque por gañar 300 euros podes fastidiar unha lactación, que son uns 10.000 litros”. “É mellor comprar a xata que ter un mal parto. E nas becerras meto seme sexado porque garantes un parto fácil e salvas a lactación”, asegura.

“A fibra é clave para lograr calidades”

Entrando nos detalles, Ramón Gallo asegura que da súa experiencia como gandeiro concluíu que “a vaca Frisona para producir necesita moita fibra, non solo dixestible senón tamén efectiva, e para ter unha boa condición corporal e ser produtiva precisa de penso”.

Neste sentido, considera que “quizás se está abusando da fibra dixestible nas racións, cando na miña opinión o animal tamén precisa fibra efectiva para a rumia e producir calidades e ter tamén máis lonxevidade”. Así, esta gandería probou a meter polpa de remolacha na alimentación das vacas, “cunha fibra moi dixestible, pero que acaba dando problemas”. “Pola contra, meter palla na ración costa menos e fai milagros na saúde das vacas”, subliña.

Deste xeito, para as 162 vacas que Gandería Estebano ten en muxido a ración está composta por 23 kilos de silo de millo, 14 kilos de silo de herba, 13 kilos de penso, 2 kilos de alfalfa e 1 kilo de palla. “Unha ración co 50% da materia seca constituída por forraxe e moi alta en fibra”, explica.

E para as vacas secas elaboran unha ración específica con 7 kilos de palla, 10 kilos de silo de millo, 4 kilos de silo de herba, fariña de soia e corrector.

“É clave coidar as vacas secas porque se non arrancan ben a lactación é difícil que se corrixa. No meu caso, a parte de ter unha ración específica, están na mellor parte da corte e fáiselles a todas revisión podolóxica”, destaca Ramón.

Unha parte das forraxes son producidas na propia explotación, que conta con 45 hectáreas de base territorial, das que 21 son en propiedade. Cultivan un raigrás híbrido co que logran unha media dun 15% de proteína bruta, que rotan con millo forraxeiro, do que obteñen unhas calidades dun 39% de amidón, aínda que varía segundo o ano.

A base territorial é insuficiente para abastecer de forraxes aos 310 animais da explotación, polo que, ademais da alfalfa e da palla, mercan tamén arredor dunhas 400 toneladas de silo de millo, tanto á cooperativa Irmandiños como a particulares da comarca.

“O mellor que podería facer a administración é realizar unha boa concentración parcelaria”

“Temos que botar conta do que nos custa producir as forraxes, porque senón podes chegar a ter un custo superior ao que che costaría mercalo”, advirte Ramón. Neste sentido, considera que “un dos problemas que temos en Galicia é a falta de fincas con tamaño adecuado para reducir custos de maquinaria”.

Máquina multifunción Shaffer

Máquina multifunción Shaffer

“O mellor que podería facer a administración polos gandeiros de vacún de leite é realizar unha boa concentración parcelaria para lograr fincas de gran tamaño e que foran máis rendibles”, engade.

En canto á recría, no seu caso recoñece que “co modelo ao que nos levaron, a reposición é un custo moi elevado e non é fácil chegar a 2.000 euros por animal”.

Neste sentido, Ramón considera que “se queres facer unha recría barata ten unha boa finca propia, fai un bo pastoreo, que a xata coma a súa ración co seu amidón correctamente, e de paso líbraste dos xurros”.

Socia fundadora da Cooperativa Central Lechera Asturiana

Gandería Estébano SC foi unha das fundadoras da Cooperativa Central Lechera Asturiana. “Meu pai era socio fundador e quedamos uns 7 nesta zona lindante con Asturias, sobre todo gandeiros do concello de Trabada. O que nos deu a Central foi estabilidade nos prezos, e aínda que agora estamos por riba da media tamén tivemos anos con prezos máis baixos que o resto”, explica Ramón.

O servizo de carro mesturador tamén llo proporciona a cooperativa, ao igual que o penso. O espírito cooperativista tamén levou a esta gandería a compartir apeiros de labranza con outra gandería da zona.

As vantaxes dun establo construído en ferro

Ramón Gallo, tras unha visita a ganderías do País Vasco, decidiu construír o seu establo en aceiro, cunha estrutura modular que facilita a ampliación. “Non é tanto cuestión de custo, porque máis ou menos supón o mesmo gasto que se fora de formigón. A principal vantaxe é que permite facer obras e ampliar de forma moi fácil, e ademais gañas máis altura, co cal o establo está máis ventilado e no verán as vacas sofren moito menos pola calor”, explica.

Ramón Gallo tamén se mostra moi satisfeito co resultado de dúas máquinas que comprou recentemente: unha amamantadora, que garante que as becerras reciban o leite que precisan e á temperatura idónea; e unha máquina multifunción Shaffer, mercada en Talleres Fondrigo, que tan ben fai as camas, como carga todo tipo de forraxes ou arrima a comida.

“Síntome afortunado dos empregados que teño”

En Gandería Estebano SC contan con dous empregados, Juan Carlos e Emilio, cos que levan traballando case 20 anos. “Se esta granxa foi para arriba e funciona é pola man de obra que teño”, recoñece Ramón.

¿A clave?: “Aquí todos somos iguais, todos pechamos á mesma hora e facemos o mesmo traballo. Libran un fin de semana cada un, cun mes de vacacións. Teñen horarios fixos e os traballos que fan son realmente necesarios”, responde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información