“Este ano o prezo do leite ecolóxico subiunos arredor dun 20%”

Visitamos a explotación de vacún de leite en ecolóxico de Xosé Luis Fernández Segade en Arzúa. Para este gandeiro vocacional pasarse a ecolóxico “esixe estar convencido e ter base territorial, pois os pastos son a base da alimentación”

“Este ano o prezo do leite ecolóxico subiunos arredor dun 20%”

Xosé Luis Fernández Segade coas súas vacas no prado

Xosé Luis Fernández Segade é a segunda xeración de gandeiros da súa explotación familiar na parroquia de Maroxo, en Arzúa. Como para tantos outros profesionais do sector, para el “a gandería é unha forma de vida máis que unha profesión, e non podería vivir sen ela”. Unha paixón polo seu traballo que no seu caso o levou a mellorar a súa explotación orientándoa cara a produción de leite en ecolóxico, un nicho de mercado en auxe ao que se están incorporando cada vez máis produtores.

As orixes desta explotación remóntase ao ano 1978 cando os pais de Xosé Luis construíron o primeiro establo para 7 vacas Frisonas. No ano 2000, unha vez finalizados os seus estudos universitarios de Explotacións Agrarias, Xosé Luis incorporouse á explotación, que daquela contaba cunhas 30 vacas e 16 hectáreas de terreo nun sistema de produción en semiextensivo. “Quería darlle un cambio total á explotación: mellorar as instalacións ampliando o pozo do xurro, construíndo silos e, sobre todo, ampliar a base territorial para avanzar cara unha produción en ecolóxico”, asegura.

E foi no ano 2008 cando decidiu aproveitar as axudas do Contrato de Explotación Sustentable (CES), postas en marcha polo Goberno Bipartito, para darse de alta no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). O paso deuno de forma coordinada canda outros dous gandeiros de Arzúa e un de Melide co obxectivo de poder xuntar unha cantidade de leite en ecolóxico que lle compensase recoller a Lactalis, a única industria en Galicia que daquela traballaba este produto.

A día de hoxe a explotación conta con 25 hectáreas de terreo en propiedade e 20 arrendadas e unha cabana gandeira de 70 animais, das que unhas 50 son vacas reprodutoras e o resto xovencas e un touro.

Produce uns 270.000 litros ao ano, cunha media de produción por vaca de 20 litros diarios en inverno e de 23/24 litros en primavera, e unhas lactacións medias de 6.000 litros por vaca e ano.

O 50% do seu rabaño é de raza Frisona pura e o restante son cruces de Parda, Montbélidarde, Roxa Sueca e de Jersey. Xosé Luis explica que “o obxectivo destes cruces é buscar animais máis rústicos e lonxevos, que se adapten ben ao pastoreo, aínda que non produzan grandes cantidades de leite”. De momento os mellores resultados está a obtelos coa raza Montbélidarde.

“Os prezos do leite ecolóxico subiron unha media dun 20% respecto ao pasado ano”

A importante baixada na produción respecto a convencional compénsase, entre outros factores, cun maior prezo e menores custos. Aínda que o contrato que ten asinado con Lactalis a un ano inclúe unha cláusula de confidencialidade que lle impide revelar o prezo de compra, Xosé Luis si recoñece que “o prezo mellorou substancialmente, arredor dun 20% respecto ao pasado ano”. Ata o de agora os prezos do leite en ecolóxico tiñan unha prima de arredor de 10 céntimos a maiores por litro da media de prezos en convencional que houbese pola zona. Sen embargo, a entrada este ano de Leche Celta no leite ecolóxico introduciu competencia no sector e impulsou os prezos á alza.

En canto ás calidades, Lactalis pídelle un 3,2 de proteína e 3,7 de graxa, “que é algo máis de difícil de cumprir na primavera, pero no outono e inverno acádanse sen problema”, asegura.

O pasto é o centro da alimentación

A alimentación representa arredor do 60% dos custos dunha explotación de vacún de leite, e se no caso dunha en convencional o millo é o centro da alimentación do gando, nunha en ecolóxico a principal preocupación é o pasto.

“O pasto é a miña obsesión porque é necesario ter disponibilidade del a maior parte do ano”, recoñece Xosé Luis. En concreto é a principal fonte de alimento en dez meses do ano, agás en agosto e febreiro, onde os prados teñen na súa zona un parón vexetativo. Advirte de que “o importante é xestionar ben o recurso fundamental, que é a terra e a produción de pasto, e para iso as terras deben ser de calidade, polo menos para vacún de leite”.

“Se para un gandeiro en convencional a obsesión é o millo, para min é o pasto”

Así, as vacas están no prado dende as dez e media da mañá ata as sete da tarde. E no caso das vacas secas e das xovencas preñadas están as 24 horas do día no pasto, rotándoas polas fincas máis afastadas.

Para as pradeiras, utiliza mesturas en base a raigrás inglés e trevo branco, o que antes se coñecía como fórmula de pasto F4. Xosé Luis Fernández Segade explica que “nas pradeiras temos que utilizar sementes ecolóxicas e se non as hai no mercado temos que pedir permiso ao CRAEGA para utilizar as convencionais, pero o que intento é colleitar parte da semente das miñas pradeiras”.

O pasto compleméntase cunha ración no establo antes e despois do muxido. En primavera é de entre 10 e 15 kilos de silo de millo e de 3 a 4 kilos de penso ecolóxico, segundo a calidade do pasto. E nos meses de inverno, de entre 20 e 25 kilos de silo de herba, máis 10 kilos de silo de millo, -se dispón del, senón de silo de herba-, e entre 3 e 4 kilos de penso por vaca e día.

O silo de millo elabórao na propia explotación, sementando arredor de 7 hectáreas por ano. “A produción é en ecolóxico, con sachado por medio mecánicos, e os rendementos son algo menores: unhas 35 toneladas por hectárea, pero non é algo que me preocupe”, explica.

Vantaxes da explotación en ecolóxico fronte á convencional

Se lle preguntamos polas vantaxes e os inconvenientes dunha gandería en ecolóxico fronte a outra en convencional, Xosé Luis recoñece que “a necesidade de man de obra para levar o gando aos prados, a maior burocracia e a mingua da produción son quizás os principais inconvenientes”, polo que subliña que “é moi importante estar convencido para pasarse a ecolóxico”. Sen embargo, tamén destaca que “a maior burocracia ten a vantaxe de que a granxa está máis monitorizada, ao recoller máis datos e con máis frecuencia, o que mellora a toma de decisións”.

“A gran diferencia en ecolóxico: a mellora do estado sanitario do rabaño”

Tamén destaca fronte á estabulación intensiva, a mellora do estado sanitario xeral do rabaño. “Acabáronse as mamites, nunca houbo desprazamentos de cuajar e o gasto sanitario en veterinarios practicamente non existe, a non ser un accidente ou unha enfermidade puntual”, explica. Así, destaca que “a veces pasan meses sen que veña o veterinario”.

Outro cambio positivo que detectou co paso a ecolóxico foi o aumento da lonxevidade do rabaño. En concreto, asegura que “se en convencional a media está en 3 partos por vaca, na miña gandería non desboto vacas por debaixo dos 6 partos e a media de lonxevidade está nos 8 partos. “Sirva como exemplo que a última vaca que vendín pasaba dos 16 anos”, subliña Xosé Luis.

“Pérdese produtividade, pero é factible e rendible producir leite ecolóxico en Galicia”

Para este 2016 o seu obxectivo é aumentar un 10% a cabana gandeira ata chegar aos 300.000 litros anuais. Quere aproveitar así que, grazas ao aumento da base territorial da súa explotación, neste momento conta con 1,5 UGM por hectárea, por debaixo do límite que marca a normativa europea de 2 UGM por hectárea.

Xosé Luis asegura que “producir leite ecolóxico en Galicia é factible e é rendible, aínda que se perda produtividade”. “Para min todo son vantaxes de producir leite en ecolóxico: estou facendo un traballo vocacional, estou traballando fóra cos animais e aínda por riba teño un bo prezo no leite, que compensa a mingua da produción”, conclúe.

3 ideas sobre ““Este ano o prezo do leite ecolóxico subiunos arredor dun 20%”

  1. Manuel Ramos Garea

    Sería interesante recuperar a raza Roxa Galega. Adaptábase a este tipo de produción

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información