¿Estase inseminando demasiado con carne nas ganderías de vacún de leite?

Nos últimos dous anos incrementouse a inseminación con carne nas explotacións de vacún de leite, algo cíclico cada vez que baixan os prezos do leite. Os expertos alertan de que se non hai unha planificación da recría, pódese poñer en xogo a viabilidade das ganderías.

¿Estase inseminando demasiado con carne nas ganderías de vacún de leite?

Becerros de cruce industrial na feira de Silleda

Nos últimos dous anos rexistrouse un importante incremento das inseminacións con razas cárnicas nas explotacións de vacún de leite para compensar os baixos prezos do leite. Un xato de menos de 20 días dun cruce con carne (Rubia Galega, Azul Belga ou Limousin) págase a unha media de 300 euros, fronte aos arredor de 100 euros que se paga por un macho da mesma idade de raza Frisón, toda unha tentación para buscar liquidez inmediata, máxime nun momento no que as industrias non están a demandar incrementos de produción e, polo tanto, supostamente sobra recría.

Pero, ¿este incremento das inseminacións con razas cárnicas está hipotecando o futuro das ganderías de vacún de leite? Os expertos consultados por Campo Galego aseguran que si, sobre todo para aquelas que non teñen unha xestión planificada da recría. E para as que confían en solucionalo comprando xovencas no mercado cando o prezo do leite remonte, coinciden en que non o terán fácil, xa que a diferencia doutras situación similares, desta vez hai un déficit de xovencas en toda a Unión Europea. E é que, en xeral, as explotacións lácteas europeas recorreron tamén a aumentar as inseminacións con carne para compensar os baixos prezos do leite.

Ramiro Fouz, xerente de Africor Lugo, explica que “o incremento das inseminacións con carne é algo cíclico que se repite cada vez que baixa o prezo do leite ou cando se dispara o prezo dos cereais e da soia”. Así, o reflicte este gráfico co histórico de evolución do cruce industrial (uso de touros de carne sobre vacas de leite) nas ganderías de Africor Lugo. En concreto, no pasado mes de outubro a porcentaxe de inseminación con touros de carne estaba no 20,1%, cinco puntos máis que en 2012 ou 2013, cando o prezo do leite era maior. Unha situación que se repetiu nos anos 2004 ou 2005 cando, malia ter un prezo alto do leite, o incremento especulativo do prezo da soia e dos cereais afundiu a rendibilidade das ganderías de vacún de leite.

José Moreira, técnico de Africor-Coruña, asegura que a situación nas explotacións coruñesas é prácticamente idéntica: un 19,4% de inseminacións con carne en 2016 , fronte ao 12% de 2012 ou 2013. “E isto nas explotacións que están en Control Leiteiro, porque nas que están fóra as porcentaxes de inseminacións con carne é posible que sexan bastante máis elevadas”. Ata máis dun 25% segundo consultas realizadas por Campo Galego entre diversos gandeiros.

Evolución do cruce industrial en Africor Lugo e do prezo do leite: 

Datos de prezos calculados do observatorio da Consellería do Medio Rural e o IGE. Os datos de 2016 son provisionais, ata o mes de outubro. Autor: Africor Lugo

Datos de prezos calculados do observatorio da Consellería do Medio Rural e o IGE. Os datos de 2016 son provisionais, ata o mes de outubro. Autor: Africor Lugo

¿Que consecuencias ten para as ganderías de leite o aumento das inseminacións con carne?

Pero, ¿Que consecuencias ten para unha gandería de vacún de leite o incremento das inseminacións con razas cárnicas? Como punto de partida, Ramiro Fouz explica que -entendida como a porcentaxe de animais de 1º parto que se incorporan cada ano- necesita un mínimo dun 60% de recría”.“unha explotación media cun 30% de reposición anual -entendida como a porcentaxe de animais de 1º parto que se incorporan cada ano- necesita un mínimo dun 60% de recría”. “E isto para manterse, pero o mercado vai cara explotacións cada vez máis grandes, con maior volume e menor marxe por litro”, advirte.

Isto tradúcese en que “nunha gandería que utilice seme convencional non se debería inseminar máis dun 15% con razas cárnicas, se quere manter o rabaño, e menos desa porcentaxe se quere ampliar a cabana gandeira; se ben é certo que se emprega seme sexado -con uso limitado ás xovencas e cun prezo máis elevado- si que pode estar nun 25% ou mesmo máis de inseminacións con razas cárnicas”, explica o xerente de Africor-Lugo.

 Ramiro Fouz: “Para unha explotación que queira manterse non se debe inseminar máis do 15% con carne”

¿E se a explotación opta por comprar xovencas cando suba o prezo do leite? “O gandeiro estará exposto a que as xovencas veñan con problemas sanitarios, como xa se comprobou con animais importados doutros países e que trouxeron a Galicia enfermidades como a BVD, as neosporas ou os microplasmas”, advirte Ramiro Fouz. “Ademais, as xovencas que se solen vender non son as de mellor xenética e dependerá do que oferte o mercado”, engade. Un mercado que, a nivel europeo, a diferencia doutras crises anteriores, ten un importante déficit de xovencas, polo que se sobe o prezo do leite, pódese disparar o prezo dos animais.

“A miña recomendación para os gandeiros -afirma o xerente de Africor Lugo- é que planifiquen a recría, porque é unha necesidade da explotación que hai que ir capitalizando. O mellor é que se recríe das mellores vacas da propia gandería, e se non o poden facer por falta de instalacións ou de man de obra, que envíen as xatas a un centro de recría ou que as merquen, preferentemente a gandeiros galegos”.

José Moreira: “Posiblemente volva haber importacións masivas de xovencas”

José Moreira, de Africor-Coruña recoñece que “a curto prazo, as granxas diminúen os custes de recría ao aumentar o cruce con carne, e aparentemente non atopan problemas, porque os rabaños, en xeral, son novos”. “Pero pasados 2 ou 3 anos notaran a falla de xovencas para reposición”, unha situación que se podería empezar a dar en 2017.

Ademais, o técnico de Africor Coruña subliña que “a medio e longo prazo as explotacións non terán suficientes animais para reposición, e terán que recorrer á compra de xovencas, a prezos máis altos dos actuais”. O prezo dunha xovenca preñada situouse na última poxa de Mazaricos nunha media de 2.000 euros, arredor de 500 menos ca hai tres anos. “Posiblemente se volvan a reproducir situacións de importación masiva de xovencas”, advirte José Moreira.

Seragro: “É clave facer unha xestión da reprodución para que nazan as becerras que necesitamos”

Neste sentido, Juan Camilo Gómez, veterinario de reprodución de Seragro, sinala que “nas últimas semanas xa vimos que as xovencas preñadas en Alemaña subiron ata os 2.200 e 2.400 euros, porque as industrias anunciaron unha suba do prezo do leite”.

africor_coruna_carneA súa recomendación é “planificar a recría tendo en conta: o intervalo entre partos, a idade ao primeiro parto, o uso de seme sexado, a taxa de reposición e se se vai ou non medrar, ademais da mortalidade na recría”. É dicir, facer unha xestión da reprodución, cunha planificación que indique cantas becerras necesitamos que nazan cada ano na explotación. O técnico de Seragro tamén aconsella “utilizar para cruce os animais con menor valor xenético, os menos rendibles, que son os primeiros que temos que reemprazar en caso de ter recría suficiente”.

Una idea sobre “¿Estase inseminando demasiado con carne nas ganderías de vacún de leite?

  1. Eula

    Creo que no artigo non se mencionan as novas ferramentas de reproducción coma o semen sexado e os embrions que diminuen a necesidade de inseminacions con touros de leite e mellorqn a xenetica das explotacions en menos tempo.
    Tamén se insinua que os animais comprados traen enfermidades ( cando os de aqui tamen as teñen). Neste sentido o importante é un control de incorporacions veñan de onde veñan os Animais.
    Estes temas deben ser tratados con rigor e sen sacar de contexto as declaracions dos técnicos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información