Estancamento de prezos nos contratos do leite de Lactalis e Larsa

As organizacións agrarias cuestionan as propostas de dúas das principais industrias con recollida en Galicia, que se sitúan en prezos base por baixo dos 30 céntimos. O sector recibe con escepticismo o plan estratéxico do sector lácteo que anunciou hoxe Medio Rural no Consello Agrario

Estancamento de prezos nos contratos do leite de Lactalis e Larsa

Reunión hoxe do Consello Agrario.

A Consellería do Medio Rural convocou hoxe unha reunión do Consello Agrario para, entre outras cuestións, anunciarlle ó sector un plan estratéxico para o sector lácteo. A iniciativa, que a Consellería quere centrar en aspectos como a mellora dos custos de produción e da transformación do leite, foi recibida con escepticismo polo sector, que demanda medidas concretas fronte ó estancamento de prezos que están trasladando as industrias lácteas nos novos contratos.

As dúas primeiras ofertas de contrato que trascenderon para a nova campaña, a partir do 1 de abril, son as de Lactalis e Larsa, ambas cuestionadas polo sector.

“As industrias están fixando prezos continuistas ou á baixa que quedan á marxe da recuperación que houbo en Europa” (Javier Iglesias, Unións)

Lactalis anunciou unha suba do prezo base de 1 céntimo, pasando de 28 a 29 céntimos, pero á vez cambiou o sistema de indexación, que marca a evolución do prezo co paso dos meses. Os contratos ata agora referenciábanse ó prezo de Galicia en xaneiro do 2017 e a partir de agora vanse referenciar ó prezo de xaneiro do 2019, máis alto que aquel.

O cambio non é menor, pois coa indexación actual as granxas tiveron en decembro un prezo base de 29,3 céntimos, co cal co novo contrato, Lactalis está trasladándolle ás granxas unha baixada do prezo base (-0,3 céntimos) e peores perspectivas para a evolución futura do valor do leite. “É unha baixada clara do prezo do leite nun intre no que o mercado europeo se está movendo por enriba dos 35 céntimos de prezo medio. Esperabamos un repunte claro en Galicia, pero as industrias están fixando prezos á marxe do mercado”, critica o responsable de Gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias.

Capsa
O caso de Larsa (Capsa), que trascendeu hoxe, segue a liña marcada por Lactalis e tampouco satisfai ó sector. A compañía asturiana mantén o esquema dun prezo A para o 70% da produción e dun prezo B para un 30%, referenciado a produtos lácteos industrias. Para o prezo A, segundo os datos que manexan as organizacións agrarias, Larsa propón unha suba na primavera ata 29,50 para logo baixar novamente o prezo no verán a 28,50 e volver remontar no outono ós 29 céntimos. “Estamos en similar situación que con Lactalis, nun estancamento do prezo nun intre no que o mercado tiña que evolucionar en positivo”, cuestiona Javier Iglesias.

“Se se manteñen estes prezos baixos, estamos descapitalizando ás granxas para o futuro” (Isabel Vilalba, SLG)

Valoracións do SLG
Para o Sindicato Labrego Galego (SLG), o problema tamén é evidente. “Se se manteñen estes prezos baixos, estamos descapitalizando as granxas para o futuro. É o momento de cambiar o actual sistema de formación de prezos. En lugar de formarse de arriba para abaixo, en función dos intereses das cadeas de distribución e das industrias, hai que formalos de abaixo para arriba, tendo en conta a cobertura dos custos de produción e a xeración de beneficios nas granxas”, demanda a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

A organización agraria advirte dunha clara discriminación das granxas galegas e pide a intervención de Medio Rural. “Só hai que comparar o que paga Lactalis en Galicia e en Francia ou comparar o que cobran as granxas asturianas e as galegas”, sinala Vilalba, que ve con escepticismo o plan estratéxico do sector lácteo proposto hoxe pola Consellería do Medio Rural.

“Que a Consellería anuncie que se vai implicar en valorar custos de produción e marxes de beneficio das granxas é positivo. Tamén que apoie unha transformación do leite que xere maior valor engadido, pero imos ver como se desenvolve este plan, pois as experiencias anteriores non foron boas”, sinala a secretaria xeral do SLG en relación a un plan estratéxico do sector lácteo anunciado no 2015 pola anterior conselleira, Ángeles Vázquez, e do que nada máis se soupo.

Forestación ilegal de terras agrarias

Outra cuestión que se abordou no Consello Agrario, a proposta do sector, foi o problema da plantación ilegal de terras agrarias. Tanto Unións coma o Sindicato Labrego instaron a Medio Rural a tomar medidas para evitar as plantacións de eucaliptos en labradíos, sen que sexa precisa unha denuncia veciñal previa.

Desde Medio Rural, segundo trasladan as organizacións participantes no encontro, xustificouse o problema nas limitacións da plantilla de axentes forestais, se ben anunciouse disposición para abordar tódolos casos que se lles fagan chegar desde as organizacións do sector.

Plan de pastos en extensivo
O conselleiro do Medio Rural, José González, aproveitou tamén o encontro para anunciar un plan de pastos en extensivo que comezará no concello ourensán de Cualedro, onde se adecuarán unhas 300 hectáreas que “contribuirán á prevención dos lumes forestais”.

Outra cuestión que se desenvolverá regulamentariamente en breve é a posibilidade de pastorear en terreos queimados, para o que se fixarán excepcións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información