“Fusionar cooperativas ‘vende’ moito, pero non lle vexo grandes vantaxes”

Manuel Fernández asumiu a presidencia de Xuncoga hai uns meses e sobre a mesa ten retos como a apertura dun espazo de venda ou o incremento da produción de penso, o principal sustento desta cooperativa de segundo grao

“Fusionar cooperativas ‘vende’ moito, pero non lle vexo grandes vantaxes”

Manuel Fernández, actual presidente de Xuncoga.

Con case 20 anos de traxectoria, a cooperativa de segundo grao Xuncoga integra na actualidade 7 sociedades do Deza (Cobideza, Valle del Deza, O Rodo, Aprodeza, Campodeza, Trasdeza e Gandeiros de Deza). Conta con preto dunha decena de traballadores e a fábrica de penso propia é o seu principal eixo. Abordamos algúns dos retos que se lle presentan a Manuel Fernández, presidente de Gandeiros de Deza, quen dende hai uns meses se atopa ó fronte da cooperativa por un período de dous anos.

A principios de ano asumía a presidencia, cales son os obxectivos máis inmediatos que se marca?
Entramos en febreiro e pillounos o forte das campañas das forraxes estes meses, así que aínda non nos deu moito tempo de asentarnos, pero entre os plans más inmediatos queremos modernizar a zona onde se atopan os silos da fábrica.

Que proxectos ten Xuncoga a medio ou longo prazo?
Aínda estamos empezando a traballar niso, pero eu quería facer un Mercarrural, un espazo no que se poida vir mercar de todo, coma nun supermercado. Empezamos a buscar unha nave no polígono de Lalín onde se poida instalar e queremos traballar nesa idea. Cremos que podería ser unha boa alternativa tanto para os gandeiros como para o resto da xente que poida acceder a este punto de venda. Pero polo de agora é un plan no que aínda queda moito que traballar, estamos empezando.

“Queremos alcanzar unha produción de 1,5 millóns de quilos de penso”

Centrándonos no penso, que é o que está sustentando a Xuncoga, moven arredor de 1,2 millóns de quilos ó mes, que perspectivas teñen para a fábrica?
En Xuncoga temos un penso de moita calidade e nós queremos ir medrando pero mantendo esa liña que tivemos sempre. Os nosos prezos aínda non se axustan á gran calidade que teñen os pensos e iso fai que ás veces non consigamos entrar en mercados máis competitivos, pero aínda así nós imos seguir apostando pola calidade. Nós non imos facer prezo sacándolle á calidade, nunca o fixemos e non o imos facer. Queremos alcanzar unha produción de 1,5 millóns de quilos de penso.

De acadar esa produción, contemplan asumir melloras na infraestrutura da fábrica?
Se alcanzamos ese volume de produción igual temos que valorar outros cambios como optar por outro sistema, como o que teñen as grandes fábricas de penso. Tamén é posible que teñamos que mercar un muíño máis grande, o que hai ten capacidade para ata 1,5 ou 2 millóns. Habería que avaliar ademais se o espazo é suficiente para levar a cabo esa produción mensual. Pero unha vez que se alcance esa cifra sería o momento para ver que melloras son necesarias e, en consenso co resto dos membros da directiva, tomar decisións.

“Tivemos a oportunidade de ir para Aira, barallouse e discutiuse, pero tampouco vimos un beneficio claro”

A competencia das fábricas de pensos da zona e os grandes proxectos de cooperativas próximas fan que moitos gandeiros opten por outras alternativas, como afrontan esa competencia?
Nós estamos nunha zona de moitas granxas de porcos e de polos e as integradoras que enchen esas granxas fan tamén presión para que lles collan o penso de vacún. Nós temos moitos socios, sobre todo na zona de Rodeiro, que teñen tanto a explotación de leite como algunha destas outras granxas. É moi difícil competir contra isto e tamén hai que entendelo. Nestes casos temos que intentar venderlle alomenos unha parte. Nós temos tamén comerciais directos para que o noso penso se coñeza… Tamén inflúen os tempos de crise, onde todo o mundo tenta reducir custes ó máximo, aínda que sexa reducindo calidade. Pero xa o di o refrán: “Pouco dás, pero pouco levas”.

É un modelo esgotado manter estas sete cooperativas en torno a unha empresa de penso?
Nós tivemos oportunidade de ir para Aira, barallouse e discutiuse. Sopesamos se mellorariamos ou empeorariamos no tema do penso pero tampouco vimos grandes vantaxes. O de pechar Xuncoga e integrarse nunha cooperativa de primeiro grao é unha opción que se ten debatido porque producimos unha cantidade moi moderada de penso.

A min, ó pensar en integrarme nun destes proxectos, preocúpanme estes 9 traballadores, 9 familias que van ir para a rúa, porque alí xa están coa súa xente. Só por este motivo xa non me parece interesante. Mentres a fábrica se mantén por si soa e deixa uns beneficios, eu creo que non é preciso fusionarse.

“Non preciso estar nunha gran cooperativa de 200 tractores se me vai dar o mesmo servizo que unha pequena e cercana que ten 3”

Integrarse nunha destas cooperativas é unha opción que vende moito, gusta moito falar de grandes nomes. Se no Deza, das 7 cooperativas se formase unha soa, iso tamén vende moito; pero en realidade os socios non van ter mellor servizo. Unha máquina dá para un determinado número de socios e concentrarse non vai reducir esas necesidades. Non preciso estar nunha cooperativa con 200 tractores se me vai ofrecer o mesmo servizo ca unha que ten 3. En Xuncoga puxéronse cartos para fundala, pero a partir de aí, ninguén puxo máis e iso hai que valoralo.

As contas do exercicio pasado amosaban un balance positivo de máis de 80.000 euros, cales son as previsións para este?
É verdade que non temos un grandísimo volume de penso, pero Xuncoga a día de hoxe economicamente está ben, sen grandes beneficios pero tendo algo de marxe. Este ano estamos traballando xa no balance das contas, pero todo apunta a que será de novo positivo, supoño que se manexará nunhas cifras similares ás do ano pasado.

No seu momento, a aposta polos carros mezcladores foi unha ruína que fixo vivir á cooperativa momentos de crise. Que dificultades atopan as cooperativas dezanas, e Xuncoga en concreto, para avanzar en proxectos de servizos en conxunto?
Creo que non se fixo unha xestión axeitada e chegou un momento no que os carros daban moita perda para Xuncoga e se non nos desfaciamos deles ían terminar obrigándonos a pechar. Un carro é un máquina moi complicada porque sae tódolos días, hai que estar moi pendente deles. Perpetuo Socorro (Arzúa) está cobrando agora aquí na zona a metade do que o resto de operadores por facer un carro, e isto non é posible, eses prezos non son posibles e menos cos desprazamentos que teñen. Que non nos leven a engano, ese prezo vai co penso. Eu coñezo perfectamente como é un carro, é o segundo que temos en Gandeiros do Deza, e imos moi xustos cobrando o que cobramos. O carro é rentable con desprazamentos mínimos.

Sería momento de volver retomar o tema dos carros en Xuncoga?
É un tema do que xa se falou e non se descarta volver pero hai que miralo moi ben.

“O problema non é obter leite e envasalo ou transformalo, a dificultade está en facerse un sitio no mercado”

Hai anos tense falado da posibilidade dunha industrialización conxunta do leite das cooperativas do Deza. Veríalle posibilidades a un proxecto así?
Eu non o vexo. Tivo a súa etapa pero eu creo que agora xa non é o momento porque o mercado do leite é internacional e entrar nel é moi complicado. O mesmo ocorre cos produtos transformados. O problema non é obter leite e envasalo ou transformalo, a dificultade está en facerse un sitio no mercado. Hoxe compites con grandes fábricas europeas que contan cunha gran variedade que ofrecer e onde os pequenos témolo moi difícil. Hai que ter moitos cartos para montar un proxecto que se poida asentar no mercado.

“Gandeiros de Deza e O Rodo terminarán fusionándose, pero en Lalín as fusións non se van dar a curto prazo”

Volvendo á situación de minifundio das cooperativas da comarca do Deza, ¿hai posibilidades dunha integración maior nas cooperativas na comarca?
Hai posibilidades. Seguramente Gandeiros de Deza e O Rodo terminen fusionándose, xa que somos de distintos concellos pero estamos a menos de 4 quilómetros. Non sei cando se vai facer, pero creo que esa fusión se vai dar, sempre que os socios queiran. Eu fundei Gandeiros do Deza con catro socios, levo 18 anos como presidente e chegou o momento de deixar paso. As eleccións aínda son para o ano e non sei se prolongarei un tempo aínda, pero eu non vou seguir ó fronte e non vexo moito relevo, polo que creo que se podería dar esa fusión, a non ser que realmente apareza alguén que queira poñerse ó mando. A cooperativa non é a túa casa, pero tes que quererlle como se fose túa.

“A cooperativa non é a túa casa, pero tes que quererlle como se fose túa”

En Lalín, aínda non vexo unha fusión a curto prazo, a pesar de que xa se falou de que sería positivo. Aquí o problema é o mesmo que cando Crespo [ex-alcalde de Lalín] quería facer unha fusión dos Concellos. O problema é o de sempre: quen dá o paso ó lado para que se poña un so presidente? Eu xa o vou deixar, pero de momento non houbo máis que se ofreceran a renunciar.

Entón polo de agora, entre as cooperativas do Deza tampouco hai intención de transformar Xuncoga nunha cooperativa de primeiro grao?
Nós cooperativa de segundo grao xa a fixemos hai moitos anos. Barallar unha cooperativa de primeiro grado implica que todas as cooperativas desaparezan baixo un único nome, pero isto hai que pensalo moi ben. Din que as cooperativas deben ser cada vez máis grandes, pero hai que ver se as cooperativas que hai se dan sostido por si mesmas, porque se o dan feito os socios teñen uns servizos máis directos e próximos con estas cooperativas máis pequenas.

Nós en Gandeiros do Deza somos unha cooperativa de 90 socios e cunha produción de 25 millóns de quilos de leite e damos un servizo practicamente como Icos. Os problemas de abastecer ós socios danse sempre na campaña, cando se concentra a demanda e iso pasa tamén nas grandes. Non nos fai falta fusionarnos nunha gran cooperativa.

“Nunca tratei de facer campaña política a través da cooperativa, sempre intentei separalas”

Hai unha certa politización das cooperativas dezás ou vinculación sindical das directivas, como inflúe no movemento cooperativo e na percepción que teñen os gandeiros das cooperativas?
Creo que na cooperativa non inflúe, pero todo depende como actúe cada un. Eu cando empecei a ser presidente tiña claro que non ía ir para a política, logo Crespo propúxome ir con el nas listas, cando xa levaba 8 anos, e tiven que explicarllo nunha asemblea ós socios. Eu nunca tratei de facer campaña a través da cooperativa, eu a campaña facíaa á marxe. Sempre quixen separar a política da cooperativa. Eu sigo sendo concelleiro do PP e estou afiliado a Unións Agrarias, aínda que a moitos lles chame a atención. A cooperativa ábreche a porta a coñecer máis xente, pero a política non inflúe nin condiciona ós gandeiros. Logo, entre os presidentes, a política fainos enfrontar un pouco, pero nunca nos levou a situacións extremas, xa que moitos sabemos que estamos de paso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información