España arrastra un déficit de 200.000 toneladas en productos lácteos industriais

A importación de queixos do resto da UE continúa a ser o principal punto feble, se ben no 2014 mellorou a balanza comercial neste campo

España arrastra un déficit de 200.000 toneladas en productos lácteos industriais

Imaxe dunha factoría italiana de queixos.

O fin das cotas lácteas na UE pon sobre a mesa a posibilidade dun aumento da produción de leite en España, o que abre tamén un interrogante sobre como se vai comercializar ese leite. Desde o sector, mírase ó mercado interno como o primeiro reto. Segundo os últimos datos, a balanza comercial de España co resto da UE presenta un déficit en produtos lácteos industriais por riba das 200.000 toneladas, o que supón máis de 1,5 millóns de toneladas en leite equivalente.

Durante os últimos anos das cotas lácteas, España viña tendo unha produción anual próxima ós 6,4 millóns de toneladas de leite para un consumo que superaba os 9 millóns de toneladas. Ese déficit víñase cubrindo principalmente coas exportacións europeas de leite líquido e sobre todo de produtos lácteos industriais (principalmente queixos, leite en po e manteiga).

O pilar principal das exportacións do resto da UE a España sitúase nos queixos, con 226.000 toneladas no 2014, fronte a unhas exportacións españolas ó resto da UE de 59.000 toneladas. As exportacións a España de países como Francia (68.000 toneladas) ou Alemania (67.000 toneladas) xa superan o volume de exportacións españolas ó conxunto da UE.

Con todo, as estatísticas europeas reflicten o dato positivo de que desde o 2012 o déficit da balanza comercial española de queixos reduciuse en 40.000 toneladas, tanto polo aumento das exportacións –principalmente de queixos curados e semicurados- como pola reducción das importacións.

Alemania, Francia, Holanda e Dinamarca son os principais exportadores de queixos ó mercado español. O seus produtos, centrados en distintos tipos de queixos frescos, acceden a España a uns prezos, no entorno dos 3 euros o quilo, que desde o sector se analizan con recelo. A competitividade da produción europea de queixos suscita dúbidas no sector sobre as posibilidades de gañar terreo neste ámbito.

Outro punto feble da balanza comercial española co resto da UE sitúase no leite en po. As importacións de leite en po do resto da UE superaron as 56.000 toneladas no 2014 –máis de medio millón de toneladas de leite equivalentes-, fronte a unhas exportacións de arredor de 11.000 toneladas.

Mercado extracomunitario

En canto ó mercado extracomunitario, as exportacións da UE céntranse no leite en po (1 millón de toneladas no 2014) e nos queixos (700.000 toneladas), coa manteiga, con 120.000 toneladas, e co soro como produtos máis secundarios. Arxelia e China foron os principais destinos de leite en po e soro, en tanto Rusia seguiu encabezando as exportacións europeas de queixos no 2014, a pesar do veto comercial dos últimos meses do ano.

Informe do mercado intracomunitario de produtos lácteos 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información