Erros fáciles de evitar no ensilado do millo

Falamos con catro destacados expertos (Santiago Sousa, Antón Camarero, Manuel Fernández e Javier López) que nos informan de cales son os principais erros que detectan nos silos de millo en Galicia e ofrecen solucións para evitalos

Erros fáciles de evitar no ensilado do millo

Ensilado do millo en Ganxabar

Achégase o momento do ensilado do millo forraxeiro, un cultivo clave para as ganderías de vacún de leite. Sen embargo, unha boa colleita pode botarse a perder se non realizamos correctamente tanto o picado como o ensilado. E é que malia que o millo é un cultivo cunha boa ensilabilidade, para a súa correcta conservación é básico a ausencia de osíxeno, co fin de evitar fermentacións indesexables.

Para ver cales son os principais erros que se cometen á hora de elaborar os silos e ver como solucionalos falamos con 4 destacados expertos, cunha ampla experiencia na materia: Santiago Sousa, director da Área de Cultivos e Mecanización de Cooperativas Lácteas  Unidas (CLUN); Javier López, técnico do servizo de ruminantes de KEMIN; Antón Camarero, responsable da zona Noroeste de Adial, e Manuel Fernández, técnico de Consuvet.

Javier López (Kemin): “Empézase o silo de millo demasiado cedo, cando menos valor nutricional ten”

Para Javier López o principal problema que detecta nas ganderías de vacún de leite á hora de xestionar os silos de millo é “a falta de planifìcación”. “Téndese a ser demasiado optimista sobre o millo que se ten, non se fai unha valoración realista, tirando á baixa, e un cálculo real das necesidades de forraxe que ten a gandería, co que ao final empézanse os silos moi cedo, cando menos dixestible é a forraxe, e por tanto cando menos leite produce”, subliña.

“Deberíase agardar 6 meses para abrir o silo de millo”

Neste sentido, defende que “o silo debería estar 6 meses sen abrir, de forma que haxa silo suficiente para empalmar un ano coa colleita seguinte; é dicir, o millo que colleitamos agora en setembro empezalo en marzo de 2020 e que nos chegue ata marzo de 2021”. “Estaremos gañando dixestibilidade, producindo máis leite e gañando máis cartos. Teño visto silos de millo de 24 meses moi ben conservados e foi cando as vacas renderon máis en leite”, subliña.

Ademais, o técnico do servizo de ruminantes de KEMIN lembra que á hora de calcular as necesidades de alimentación do gando “é preciso ter en conta as mermas do silo, que poden chegar ata o 20%, por mala conservación, mermas na extracción…etc”. Por último, incide na importancia dun correcto picado do millo, pois deso dependerá en boa medida a súa dixestibilidade.

Manuel Fernández (Consuvet): “O problema é que a xente non cubica os silos”

Manuel Fernández, técnico de Consuvet, asegura que un dos principais erros que detecta “é que a xente non adoita cubicar os silos para calcular de canta forraxe dispón realmente, e se o fai, soamente é ao principio”. Neste sentido, lembra que a súa empresa dispón dunha aplicación gratuíta para gandeiros e técnicos que lles facilita o traballo de cubicaxe

“Outro método fácil é desensilar; medir a superficie que se retirou, e pesar esa cantidade”, engade.

E é que a densidade dun silo de millo pode variar notablemente, desde os 800 quilogramos por metro cúbico dun silo de maiz moi ben compactado ata os 600 quilogramos dun silo normal.

Outro fallo que tamén detecta Manuel Fernández é que os silos de millo empézanse moito antes do que se debería. “Hai casos nos que nin se sela o silo, de forma que as vacas comen silo quente durante 15 ou 20 días -a partir dos 25 días adóitase estabilizar a temperatura- e iso é un problema porque as vacas están a comer un produto en mal estado que lles provoca diarreas”.

Por último, lembra que os silos de millo “débense de abrir sempre cando se terminou un, nunca dous á vez, pois estariamos a aumentar as perdas de forraxe”.

Antón Camarero (Adial): “O maior erro é a falta de compactación, por non pisar ben o silo”

Antón Camarero, responsable da zona Noroeste de Adial, coincide en que “o primeiro que habería que facer é cubicar, estimar unha densidade e saber canto silo tes. Unha vez que fixeches a estimación, dividir esa cantidade polo número de vacas que tes, e logo polos días do ano para saber canto lle vai tocar a cada unha e ter unha planificación”.

“Para evitar quedarnos sen comida antes do que contábamos podemos ir facendo unha marca no silo o primeiro día de cada mes, para saber canto gastamos e ir vendo se cumprimos as previsións”, asegura.

En todo caso, Antón Camarero considera que o erro máis grave que detecta nos silos de millo é a mala conservación por un deficiente proceso de compactado durante o ensilado.

“Hai que estender o millo no silo en capas finas e pisalas ben”

“As capas deben de ser de 10 centímetros de grosor pois capas moi altas non compactan ben. Debemos evitar sobreenchido, evitar as “barrigas”, que son zonas que non se poden compactar e pretendelo podería dar lugar a accidentes ao poder envorcar o tractor. Sen embargo, é demasiado habitual que o ritmo de picado do millo sexa maior que o de pisado, polo que se meten capas de moita altura que non se pisan ben, e logo iso explica que a veces o silo queza no medio e non na cima, porque alí botáronse capas de 30 centímetros de grosor e iso non hai forma de compactalo”, engade.

Esa deficiente compactación explica, segundo o responsable de Adial, que haxa silos cunhas densidades de 180 kilos de materia seca por metro cúbico, cando o recomendado serían 240 kilos de Materia seca, ou 750 kilos se se mide en materia húmida.

Naqueles casos nos que os silos de trincheira se quedan pequenos porque a colleita é maior do agardado, Antón Camarero aconsella “cortalo máis alto, porque vas ter un silo de maior calidade, e se aínda así non chega, facer un silo fóra, sen paredes, e non demasiado alto para compactalo ben. Logo, no mes de febreiro, en época seca para evitar a lama, trasladalo ao silo de trincheira e volver tapalo”.

Santiago Sousa (CLUN): “Onde se sole fallar é no tapado, colócase a lona de calquera maneira”

Santiago Sousa, director da Área de Cultivos e Mecanización de Cooperativas Lácteas  Unidas (CLUN), considera que “onde se sole fallar é no tapado”. “No silo do CAVI en Ribadeo cubrímolo con tres capas. Unha illante de plástico transparente que se ciñe á forraxe para evitar a entrada de osíxeno, outra capa de plástico negro para dar opacidade e outra de plástico branco para reflexar os raios solares e evitar que queza o silo. E por riba botamos unha lona de protección. E ao cabo de 15 días de pechar o silo volvemos revisar e tensar a lona de novo”, explica.

En canto aos pesos recomenda empregar salchichas ou outros sistemas, e desaconsella o emprego de terra, pola dificultade para desensilar e os riscos de contaminación do silo, e tampouco o uso de rodas, polo perigo de desprendemento de restos metálicos.

“Se o millo vai algo seco hai que picalo máis fino e debería ser obrigatorio empregar conservantes”

No caso dos silos sen muros de contención, Santiago Sousa incide en que “hai que pararse máis en compactar correctamente e deixar os noiros dos bordes ben feitos”. “Hai que esmerarse moito en que quede hermético, sen entrada de osíxeno, pois do contrario os problemas de conservación e de aproveitamento veñen despois”, advirte.

Por último, o responsable da Área de Cultivos e Mecanización de CLUN lembra que o millo hai que colleitalo no momento indicado -cando a liña de leite do grao de millo está pola metade-. “Se o colleitamos moi cedo o millo vai ir con pouca materia seca, menos do 30%, e vai producir moitos lixiviados. No caso contrario, se o millo vai demasiado seco, algo que é máis frecuente, temos que tratar de que o picado sexa máis fino para poder compactalo ben, e neses casos debería ser case obrigatorio aplicar conservantes no silo”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información