Enfermidades que afectaron ao millo e aos cereais en Galicia en 2017

Enfermidades que afectaron ao millo e aos cereais en Galicia en 2017

A Consellería de Medio Rural ven de publicar no último boletín agrometeorolóxico un balance fitosanitario dos cultivos do millo e dos cereais en Galicia durante o pasado 2017.

En canto ao millo, destaca que é un cultivo moi dependente da auga, polo que a intensa seca na primavera e verán causou problemas de crecemento, sobre todo en millo forraxeiro nas zonas de interior.

No referente ás pragas, os técnicos de Medio Rural lembran que “ao principio do cultivo, os Vermes de chan (Agrotis sp. e Agriotes sp.) son causantes de danos nas plántulas, polo que en moitos casos é preciso realizar tratamentos no momento da sementeira para protexer a brotación”. En todo caso, destacan que “non se observou no 2017 unha incidencia destacable”.

Polo que respecta aos Taladros (Sesamia nonagrioides, Ostrinia nubilalis e Helicoverpa armigera), a incidencia foi baixa. “E se analizamos a Diabrótica, nas prospeccións que se efectúan anualmente dentro da rede de vixilancia oficial, non se detectou a presenza de Diabrotica virgifera, co que Galicia continúa exenta deste coleóptero”, engaden dende Medio Rural.

Do mesmo xeito que outros anos, os maiores sinistros no cultivo son os producidos por fauna, principalmente xabarís e córvidos.

Por outra banda, os técnicos da Xunta destacan que “seguen sendo habituais os ataques foliares de Exserohilum (Helminthosporium turcicum ou “Northern corn eaf blight”), e este ano 2017 apareceron, ademais, de forma moi puntual, danos de Kabatiella zeae (“Eyespot”)”.

Por último, no referente ás podremias de talo, predomina Fusarium graminearum (Gibberella stalk rot) sobre Fusarium moniliforme (Fusarium stalk rot)

Cereais

En cereais de inverno, segundo Medio Rural, durante a campaña 2017 non se observaron incidencias fitosanitarias destacables. “Tan só se detectaron danos pouco importantes producidos por Roya amarela (Puccinia striiformis), Roya parda (Puccinia triticina) e Septoria, e en menor intensidade apareceron tamén algúns focos de Oídio (Blumeria graminis)”, aseguran.

En centeo si que se observaron importantes danos debidos a Scolecotrichum graminis (Brown stripe ou Banda marrón).

En canto a malas herbas, os técnicos advirten de que é preocupante a proliferación de Vallico (Lolium rigidum), “debido fundamentalmente ás resistencias aos herbicidas utilizados habitualmente para o seu control”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información