“En tuberculose bovina non existen os falsos positivos, é un mito”

Entrevista a Ramón Juste Jordán, doutor en veterinaria experto en tuberculose e paratuberculose e director xerente do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias.

“En tuberculose bovina non existen os falsos positivos, é un mito”

Ramón Juste Jordán, doutor en veterinaria experto en tuberculose e paratuberculose e director xerente do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias.

A tuberculose bovina (Mycobacterium bovis) é unha enfermidade contaxiosa e persistente detectada en bóvidos desde hai 17.000 anos e en humanos desde hai 9.000 anos.

En países europeos como o Reino Unido, Dinamarca ou Holanda declaráronse libres desta enfermidade nos anos 60 despois de intensas campañas de saneamento, pero algúns como Inglaterra volven ter problemas na actualidade.

En España os primeiros controis realizáronse nos anos 50, cando a prevalencia nas explotacións era do 16%, pero non se comezou a combater en serio ata a partir do ano 1989, cando se puxo en marcha o Programa Nacional de Erradicación da Tuberculose. Naquel momento, Galicia tiña máis dun 16% do gando infectado. Hoxe en día, tras os esforzos de gandeiros e veterinarios durante 25 anos de plans de saneamento que supuxeron o sacrificio de miles de vacas, a comunidade ten o índice máis baixo de España, o 0,08%. Se a tendencia decrecente prosegue, Galicia podería declararse territorio libre de tuberculose antes de 2020.

Porén, tanto en España como en Galicia, a tuberculose segue sendo un tema de preocupación para os gandeiros, especialmente nos que realizan pastoreo, e no centro e no Sur do país. O motivo de discordia son os chamados “falsos positivos”: animais que dan positivo nun primeiro control na explotación pero que non se detectan no matadoiro.

Conscientes desta preocupación, os organizadores do último congreso internacional Anembe de medicina bovina, celebrado o pasado mes de xuño en Pamplona, organizaron unha mesa redonda sobre a “Situación da tuberculose en España”.

Un dos participantes foi Ramón Juste Jordán, doutor en veterinaria experto en tuberculose e paratuberculose e director xerente do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias. Falamos con el para coñecer a realidade desta enfermidade, que xa só se transmite raramente a humanos, ao estar o leite sometido a tratamento térmico antes do seu consumo, pero que si supón un quebranto importante para os gandeiros e para as industrias lácteas e alimentarias que desexan exportar os seus produtos.

Unha das conclusións da mesa redonda sobre a tuberculose de ANEMBE é que, pola experiencia de países europeos nos que se declararon libres de tuberculoses en gando bovino nos anos 60 e nos que agora volve, a tuberculose bovina trátase dunha enfermidade na que non se pode baixar a garda…
Efectivamente, porque a bacteria está en hospedadores silvestres no medio ambiente natural. Ademais, temos o problema de que as campañas de control e erradicación aplicáronse só á cabana bovina, pero non noutras especies susceptibles a contaxiarse polo Mycobacterium bovis. Desta forma, poden quedar reservorios que provoquen un rebrote da enfermidade.

Neste sentido, é moi importante actuar sobre esas bolsas que acaban volvendo levar a doenza ao gando bovino, e que poden ser tanto fauna silvestre (xabaríns, cervos), como doméstica (gando ovino e caprino), ademais de obviamente o propio gando vacún infectado. Non se pode baixar a garda. Pódese baixar a intensidade do control, pero neste momento, non vexo un horizonte no que se poida prescindir dun sistema de monitoraxe da tuberculose. Hai países como Francia que reduciron a vixilancia aos matadoiros, para detectar lesións e se se detectan, vaise cara atrás, por trazabilidade, ata a explotación de orixe.

É certo que Galicia está máis preto para a erradicación da tuberculose bovina, pero hai que manterse os seis anos que determina a normativa.

É moito menor o risco nas ganderías de vacún en intensivo, nas que os animais non saen a pacer?
Na actualidade as ganderías en intensivo teñen un risco moito menor, ao non ter contacto con reservorios silvestres, pero as bacterias poden chegar por outras vías, polo que hai que manter as medidas de bioseguridade.

As normas elementais son controlar a entrada de animais de fóra da explotación, para que estea libre de tuberculose. E na propia explotación, impedir que entren animais silvestres, fundamentalmente o xabaril, que é a especie que no noso medio é o reservorio máis importante. Pero tamén se está vendo que o teixugo en determinadas circunstancias ou outras especies domésticas poden ter capacidade de infección.

 “Non se debe ensilar nin darlle para comer ao gando millo comido polo xabaril”

É certo que as explotacións de vacún intensivas teñen prevalencias moito máis baixas de tuberculose, e pódese declarar case erradicada. Pero se hai risco de contacto tanto directo como indirecto debemos ser coidadosos. Por exemplo, evitar que o xabaril coma nos silos de millo ou de herba, ou non ensilar e non darlle ao gando en verde millo que fose comido polo xabaril.

Ademais, é fundamental controlar o acceso á auga dos animais que están en pastoreo porque marca a maior prevalencia da enfermidade. No Sur a auga só está en charcas e en sitios onde ao final acaban concentrándose vacas pero tamén animais silvestres.

Por iso é moi recomendable utilizar bebedoiros propios para o gando porque a auga é vehículo de enfermidades como a tuberculose. Ademais, ao tratarse dunha enfermidade que afecta sobre todo o sistema respiratorio, houbo a crenza de que tiña que haber un contacto directo, pero non é así. Os patóxenos do animal infectado expúlsanse pola respiración, pola saliva e polas feces, e cando unha vaca entra en contacto con esas bacterias que se depositaron na auga, no chan ou nos alimentos existe risco de contaxio. É dicir, a tuberculose neste momento propágase ao gando vacún fundamentalmente por contaxio indirecto.

Isto implica que debemos desinfectar tamén os utensilios que se utilizan para o manexo do alimento nos animais, que tamén poden ser vía de propagación da enfermidade.

Unha queixa frecuente dos gandeiros é polos falsos positivos, que se detectan en granxa pero non en matadoiro. Como solucionar esta situación?
Sería os casos nos que non se confirma a enfermidade que se detectou nunha proba de diagnóstico e creo que se deben a varias razóns. Por unha banda, pode haber outras infeccións neses animais por outras micobacterias, sendo a paratuberculose a máis presente e próxima no gando vacún. Tamén por outras micobacterias ambientais como o Mycobacterium avium ou outras micobacterias que poden vir por outras vías do medio ambiente.

Pero, en xeral, o que ocorre é que se trata de reaccións que son verdadeiramente positivas, porque os animais entraron en contacto co axente infeccioso verdadeiro, o Mycobacterium bovis, pero nunhas condicións nas que non chegou a establecerse a infección, ou polo menos a desenvolverse suficientemente no momento no que se detectan e se sacrifican.

 “As lesións de tuberculose poden estar ocultas e non detectarse nos controis rutineiros”

É dicir, son animais que non teñen lesións visibles, e por tanto o illamento é moi difícil, pero as lesións poden estar ocultas e non teñen porque estar nos sitios nos que se buscan normalmente. Neste sentido, realizamos recentemente algúns experimentos con animais infectados experimentalmente e que só teñen lesións nos ganglios linfáticos do aparello dixestivo, e iso normalmente non se mira cando se está analizando no matadoiro.

É dicir, habería que realizar unha análise exhaustiva en todos os órganos e tecidos do animal para estar seguro de que un animal está libre da bacteria de tuberculose, pero iso non se pode facer en inspeccións de matadoiro rutineiras. Neste sentido, probablemente os falsos positivos non sexan tan falsos, senón que son positivos que non podemos confirmar cos medios dos que dispoñemos neste momento.

Hai marxe de mellora nos sistemas de detección?
Creo que a técnica de diagnóstico é suficientemente boa, xa que a intradermoreacción é unha proba que demostrou que serve para erradicar a enfermidade, e de feito hai países e rexións que o fixeron. En España estamos moi avanzados, con taxas de redución da enfermidade do 90% e nalgunhas rexións como Galicia de practicamente o 100%.

A intradermoreacción é unha proba que se aplica en todo o mundo e cunha alta efectividade de diagnóstico de tuberculose: con máis do 90% de sensibilidade e unha especificidade do 75%.

Neste sentido, aínda que a técnica non sexa 100% eficaz é boa porque ao repetirse acaba detectando todos os animais infectados. Creo que debería contemplarse na lexislación incluír as probas de ELISA de inmunidade humoral porque, efectivamente, a intradermorreacción déixanos unha pequena bolsa, un pequeno oco sen cubrir no diagnóstico, que son precisamente os animais máis infectantes, cara ao final da enfermidade. Son animais que perderon a capacidade de resposta celular na proba de intradermoreacción pero teñen suficientes antíxenos como para desencadear unha resposta por anticorpos, que se detecta no sangue.

“Deberíanse incluír por lei as probas de ELISA de inmunidade humoral para mellorar o diagnóstico”

Podemos ter un complemento importante utilizando probas serolóxicas, porque detectariamos os animais con carga máis alta de bacterias. E é que nesta fase final da enfermidade os test actuais teñen unha sensibilidade pequena, que co test de ELISA poderiamos mellorar considerablemente.

Creo que iso complementaría ben as probas de intradermoreacción e melloraría algo o diagnóstico. Non é unha panacea pero é cubrir ocos que nos deixa a técnica de diagnóstico que estamos a utilizar agora.

Para cando unha vacina efectiva contra a tuberculose bovina?
A vacina para utilizala en gando bovino creo que neste momento non ten sentido porque estamos moi avanzados en saneamento. Cando falo de vacina non estou a pensar tanto no gando bovino noutras especies. Así, por exemplo poderíase plantear vacinas en cabras, que non están sometidas a programas de control baseados no diagnóstico. Se iso se incorporase á lexislación e se vira que pode resultar útil podería axudar a completar a cobertura do programa de saneamento a uns custos razoables. Esta é unha liña de investigación na que varios centros españois estamos a realizar estudos con resultados prometedores.

“Estamos a avanzar nunha vacina da tuberculose para caprino, ovino e fauna silvestre”

En bovino o facer o diagnóstico é máis viable economicamente porque o custo da proba en relación ao custo do animal compensa, pero en cabras e en ovellas case custa máis facerlle a proba de intratermoreacción que o valor o animal.

Se realmente se ve que non se consegue erradicar o problema da tuberculose habería que plantearse seriamente a vacinación, en especies que poden actuar como reservorio (caprino, ovino e silvestres).

Noutros países, principalmente nos que teñen menos recursos, están planteándose facelo mesmo en bovino, porque o custo é menor que os programas de saneamento. Esta estratexia xa se utilizou con outras enfermidades: nunha primeira fase vacínae e nunha segunda fase, unha vez reducidas as taxas de prevalencia máis altas e incrementada a resistencia dos animais, pásase exclusivamente a realizar saneamento.

Tamén se está falando de atacar a tuberculose na fauna silvestre, que constitúe un reservorio de tuberculose..
Os compañeiros do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) desenvolveron uns cebos nos que metemos a vacina e funciona moi ben para xabaril. E hai evidencia de que este sistema de cebos é moi efectivo para controlar outras enfermidades en fauna silvestre. Realizamos experimentos e comprobamos que baixa radicalmente a prevalencia de tuberculose en xabaríns.

E é unha ferramenta que se podería utilizar inmediatamente e supoñería pasar a unha nova fase. Especialmente nas zonas nas que prevalencia de tuberculose en fauna silvestre é moi alta -como Andalucía ou Estremadura- creo que habería que contemplar o seu uso.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información