En que teñen que mellorar o benestar animal as granxas galegas?

Un estudo realizado con explotacións lácteas galegas conclúe que o 97,3% aproban en benestar animal, de acordo coas directrices do sistema Welfare Quality, pero presentan moitos parámetros mellorables. O apartado con peor nota, cun suspenso masivo, rexístrase na valoración do comportamento dos animais

En que teñen que mellorar o benestar animal as granxas galegas?

O acceso a pastos aumenta a relaxación dos animais.

O benestar animal nas granxas galegas é aceptable, de acordo coas directrices do sistema europeo ‘Welfare Quality’ (Calidade do benestar), pero as explotacións galegas teñen moitos parámetros mellorables. Un estudo realizado pola Facultade de Veterinaria de Lugo sobre 37 granxas de Galicia seleccionadas aleatoriamente dálle un suspenso masivo á valoración do comportamento dos animais, un aprobado ós apartados de alimentación e saúde, e un notable ás condicións dos establos.

O estudo, realizado por Ana Bugueiro e Francisco Javier Diéguez (Departamento de Anatomía e Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo) xunto a José Pedreira (Piensos Pigarcre), conclúe que un 97,3% das granxas galegas aproban en benestar animal, obténdose as mellores valoracións nos parámetros ‘Facilidade de movemento’ e ‘Ausencia de sede’.

O estudo detectou que un 19% das vacas estaban flacas

Analizamos a continuación os resultados acadados polas explotacións galegas sobre os catro apartados de benestar animal computados polo sistema ‘Welfare Quality’: boa alimentación, boas condicións do establo, boa saúde e comportamento apropiado dos animais.

A análise das granxas, de acordo co protocolo Welfare Quality, incluíu unha valoración da interacción dos animais cos humanos, unha observación de alomenos unha hora do comportamento das vacas durante o descanso e unha inspección individual de cada res para valorar características de saúde. Por último, fíxoselle unha entrevista a cada gandeiro para complementar a inspección.

Alimentación
No apartado de alimentación, un 5,4% das explotacións foron valoradas como excelentes, un 29,7% obtiveron unha calificación de notable e un 48,6% de aceptable. Só suspenderon un 16,2%. O principal problema radica en que un 19% das vacas estaban flacas.

Condicións dos establos
As condicións do establos recibiron un visto bo unánime. Un 5,4% obtivo a valoración de excelente, un 64,9% de notable e un 29,7% de aceptable. Das 37 explotacións analizadas, que presentaban unha media de 60 vacas, 31 traballaban cun sistema de estabulación libre e 6 co de prazas trabadas, destacando as granxas de prazas trabadas por ser as que máis facilitaban o acceso dos animais ós pastos.

A limpeza dos animais é un dos puntos débiles relativos ás condicións dos establos

O estudo valorou cuestións concretas, coma o tempo preciso para que as vacas se deitasen, que foi considerado próximo ó normal (5 segundos), ou a porcentaxe de colisións durante a manobra de deitarse (11%), que semella estar correlacionada coa porcentaxe de animais severamente coxos. A principal limitación á hora de valorar a habitabilidade dos establos referiuse á limpeza, pois a maioría das granxas presentaban serios problemas nesta cuestión.

O 78% das vacas tiñan suciedade nas patas, o 53% nos flancos e o 36% nas ubres. Detectouse unha correlación da limpeza coas alteracións na pel dos animais e as coxeiras. Os investigadores lembran que tamén é importante a limpeza para unha produción hixiénica do leite.

Saúde animal
Un dos principais problemas detectados en Galicia no ámbito da saúde refírese ó descornado, pois é unha operación que se fai sempre sen anestesia local e case sempre sen analxésicos. Só un 2,8% das granxas emprega analxésicos. Iso repercute en que se observen reaccións de dor nos animais durante a acción de descornado, ben química, ben térmica, e en que aumenten os niveis de cortisol observados tras o descornado, o que revela un aumento do stress dos animais.

O descornado realízase sen aplicar anestesia local e normalmente sen suministrarlle analxésicos ós animais

Outro problema habitual nas explotacións son as coxeiras de animais, cun 10% das vacas afectadas por coxeiras severas e outro 3% por coxeiras leves. De tódolos xeitos, trátase de datos similares ou inferiores ós atopados nalgunhas das grandes zonas europeas produtoras de leite. En Irlanda, un estudo situou a prevalencia de coxeira entre un 9 e un 17% nas explotacións, en tanto en Gran Bretaña había unha prevalencia de vacas con coxeiras dun 36,8%, unha porcentaxe que en Francia un estudo elevou ó 70,9% para as explotacións galas. En Austria estimáronse as vacas severamente coxas nun 4%.

O protocolo de análise do benestar revelou tamén que un 21,4% das vacas das explotacións galegas presentan alteracións leves na pel, en tanto que un 27,6% ten alteracións severas, unha cuestión que se adoita relacionar con choques ou rozaduras coas estruturas dos establos.

Apropiado comportamento
O comportamento dos animais foi o apartado que peor valoración obtivo no estudo conducido pola Facultade de Veterinaria de Lugo. Un 83,8% das granxas suspenderon, en tanto que un 13,5% obtiveron unha valoración de aceptable e só un 2,7% de notable.

A observación dos animais detectou que nin as conductas sociais nin outras conductas eran as apropiadas, sobre todo aquelas referidas ás interaccións entre as vacas. Cos humanos, os animais presentaban un mellor comportamento, con arredor de dous terzos das vacas que aceptaban ser tocadas.

As vacas presentan un bo comportamento ante os humanos, pois arredor de dous terzos aceptan ser tocadas

Ao respecto dos problemas de comportamento entre os animais, os investigadores inciden en que só un 24,3% das granxas permiten o acceso das vacas ós pastos e un 10% a espazos exteriores de descanso. O pastoreo prolongado (8 horas en comparación con 4 horas) está comprobado que ten un efecto relaxante, pois baixa a frecuencia cardiaca e redúcense os comportamentos agresivos, segundo se ten comprobado en estudos veterinarios.

En definitiva, as conclusións do estudo son claras. As granxas galegas aproban en xeral en benestar animal pero teñen que preocuparse por mellorar en moitos aspectos.

Ciencia ‘versus’ opinións
Estes días, unha asociación animalista denunciaba nos medios de comunicación que “máis da metade” das vacas galegas están “ practicamente reventadas”. As acusacións describían un escenario de animais “desahuciados” nun estado “deplorable”.

Tal alarmismo, dirixido ós consumidores, contrasta coa realidade que amosa o estudo científico da Facultade de Veterinaria, publicado hai un par de meses, que revela que un 97,3% das granxas galegas aproban en benestar animal. É cousa de lóxica, máis alá do afecto que os gandeiros lles teñan ós animais, xa que as vacas ben tratadas producen máis leite e logran unha mellor prevención de enfermidades. Un bo benestar animal reduce os casos de lesións, enfermidades e malnutrición. En poucas palabras, menos gastos e máis ingresos. Quen vai estar máis interesado que o gandeiro no benestar dos seus animais?

Máis información
Catro claves para obter a certificación en benestar animal ‘Welfare Quality’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información