manteca benestar bayer 6 vaca sentada

¿En que hai que mellorar o benestar animal nas ganderías de vacún de leite?

Resumo da ponencia de Xavier Manteca, catedrático do departamento de ciencia animal e dos alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona, sobre o programa de benestar animal de vacún de leite de Bayer e FAWEC, que foi presentado no II Fórum Bayer de Vacún de Leite

Xavier Manteca, catedrático do departamento de ciencia animal e dos alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona, presentou no úlltimo Forum Bayer de Vacún de Leite o programa de Bayer e de FAWEC (siglas en inglés de Centro de Eduación en Benestar de Animais de Produción) para identificar e mellorar o benestar animal nas ganderías de vacún de leite.

Para iso, seleccionáronse 25 explotacións de vacún de leite de España que se quixeron unir voluntariamente á iniciativa e fíxose unha primeira visita aplicando o protocolo de benestar animal. Na segunda visita, realizouse un seguimento das recomendacións e, se a granxa as aplicou, déuselle un recoñecemento á explotación.
O protocolo inclúe 32 puntos distribuídos en 4 seccións, a maioría deles relacionados co manexo dos animais.

“O benestar animal é algo importante por si mesmo, por razóns éticas. Ademáis, é unha ferramenta que nos serve para mellorar a produción nun sentido amplo: aumenta a produción, prolonga a vida útil e mellora as condicións de traballo. Pero tamén para responder a unha demanda do mercado cada vez máis clara”, subliña Xavier Manteca.

manteca benestar bayer 1

“Como se demostra na táboa anterior, non podemos permitirnos o luxo de non preocuparnos polo benestar das vacas. É un campo no que queda moito por facer e que ao final é unha cuestión de bo manexo”, subliña o catedrático do departamento de ciencia animal e dos alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona.

Ao promover o benestar melloramos a eficiencia, podemos reducir costes de produción e aumentamos a produción.

¿Como funciona o programa de Bayer de benestar animal en vacún de leite?

O protocolo de benestar animal para vacún de leite deseñado entre Bayer e FAWEC parte de que non é só unha cuestión de ausencia de enfermidades e de lesións no animal. Neste sentido, o concepto de benestar animal inclúe:

-Funcionamento biolóxico: Inclúe que o gando estea alimentado de forma axeitada, que estea san e que goce de confort físico e térmico. Confort físico implica que os animais teñan un lugar axeitado para deitarse e térmico que non experimenten estrés por frío no caso dos becerros e por calor no caso das vacas.

-Emocións: Que non experimenten emocións negativas como medo crónico ou o distrés (estrés prolongado que produce efectos negativos sobre a produción ou a reprodución do animal). Falamos de medo ás persoas por un manexo pouco adecuado. O momento no que será máis patente é no muxido, cando os animais estean máis preto das persoas. Ese medo inhibe a liberación de oxitocina, co que diminúe a produción de leite e aumenta o risco de mastite. “O mal manexo do gando non ten por que ser por maltrato senón por falta de habilidades de manexo”, puntualiza Xavier Manteca.

-Comportamento: Posibilidade de que os animais podan expresar algunhas conductas importantes.

Neste sentido, o protocolo de benestar de Bayer e de FAWEC para vacún de leite inclúe estes tres elementos. O seguinte paso foi ver que protocolos existen para avaliar o benestar das vacas. Hai varios, e un dos que se empregan con máis frecuencia é o Welfare Quality, desarrollado dentro dun proxecto europeo, e que vale tanto para vacas, porcino e aves.

Seguindo coa filosofía do benestar como algo multidimensional, o que fixeron foi simplificar o protocolo e adaptalo ás condicións das explotacións españolas, pois aplicar o protocolo Welfare Quality supón entre 8 e 10 horas nunha explotación mediana. “Nós adaptamos o protocolo ás condicións españolas, incluíndo outros aspectos como o estrés por calor ou a cantidade de leite que se subministra aos becerros, e simplificándoo para poder realizalo en menos horas”, explica Xavier Manteca.

Así, o protocolo de benestar animal de Bayer e de FAWECV inclúe 32 puntos en 4 seccións (Alimentación, Aloxamento, Enfermidades e prácticas de manexo dorosas). En total 32 preguntas ao gandeiro e realizar o protocolo nunha gandería de vacún de leite leva unhas 3 ou 4 horas.

“Falamos co produtor, vemos as vacas e os becerros, e vemos as instalacións, por esta orde de importancia. Os maiores problemas prodúcense polo manexo, máis que polas instalacións”, subliña Xavier Manteca.

Desta forma identifícanse unha serie de aspectos que deben ser mellorados (por exemplo cortar colas ou substancias prohibidas en pediluvios non son negociables) e outros que se poden corrixir de forma paulatina.

Todo iso plásmase por escrito e envíase ao produtor e ao veterinario da explotación. E déixase un período de 6 a 8 meses para facer unha segunda visita e verificar as correccións que se fixeron e ver se apareceron novos problemas.

“A impresión é que aos gandeiros e veterinarios lles gusta porque deixamos claro que non somos quen de examinalos, senón que o protocolo pode detectar cousas que poden mellorarse, póñense sobre a mesa, de común acordo decídese se queren melloralas e procedemos. Esa forma de traballar é moi ben recibida, porque se deixa claro que non se vai examinar a ninguén”, explica o catedrático.

Despois desa visita hai un segundo recoñecemento e emítese un certificado por BAYER e FAWEC no que se certifica que a gandería participou no programa de mellora de benestar animal.

Resultados do programa:

Os principais problemas que detectaron na análise destas 25 granxas de vacún de leite no relativo a benestar animal son:

1) Conducta de repouso das vacas: As vacas non pasan deitadas o tempo que deberían

Na inmensa maioría das explotacións non se logra que as vacas estean deitadas o tempo que precisen. “En vacas de alta produción o que di a bibliografía é que deberían estar deitadas entre 12 e 14 horas ao día. Sen embargo, lograr 11 horas é un obxectivo razoable pois na maioría das explotacións non se chega a iso”, explica Xavier Manteca.

Hai moitos estudios que certifican que se non están deitadas o tempo que precisan aumentan os problemas podais, as mastites e baixa o rendemento en leite.

Así debería repartir a súa xornada unha vaca:

manteca benestar bayer 2

Por cada hora adicional de descanso a vaca produce 1 kilo máis de leite ao día:

manteca benestar bayer 3

En concreto, o estudo de Grant concluíu que as vacas que máis leite producen dedican o mesmo tempo a beber e a comer (5,5 horas) pero as vacas máis produtoras están 2 horas máis de tempo deitadas, que as outras o dedican a estar de pé ou a estar facendo perching; é dicir, cos pés no pesebre. “E iso tradúcese en moitos litros de leite: se pasáramos de 9 a 11 horas de repouso estaríamos gañando uns 2 litros máis de leite por día. Cando a vaca está deitada: máis rumia, menos fatiga e problemas podais e chega máis sangue ao ubre”, subliña o catedrático do departamento de ciencia animal e dos alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona.

As razóns polo que as vacas non chegan a esas 12 horas de repouso son:

-Por mamites: dor no ubre.

-Falta de tempo das vacas: Se 5 ou 6 horas son para comer e beber, outras tantas para o muxido (esperar…etc), pouco tempo lles queda

-Estrés por calor: As vacas pasan máis tempo de pé para ventilar mellor.

-Instalacións inadecuadas: Falta de cubículos

“Sen embargo, na maior parte dos casos non se logra ese obxectivo. Cando as vacas tardan moito en deitarse é que á súa maneira están dicindo que o sitio non lles gusta”, advirte Xavier Manteca. Na aplicación do protocolo de benestar animal de Bayer e de FAWEC tamén se analiza a porcentaxe de vacas mal colocadas nos cubículos ou non deitadas nos mesmos.

Neste sentido, o catedrático lembra que “para que as vacas se deiten moitas horas precisan un sitio limpo, seco e brando”.

A conclusión é que na maioría das explotacións os cubículos están mal deseñados, son demasiado curtos e hai excesiva densidade de animais, polo que é recorrente a falta de tempo suficiente que as vacas pasan deitadas.

manteca benestar bayer 4

2)Problemas podais: Pediluvios demasiado curtos

Na revisión destas 25 granxas detectouse como un problema bastante frecuente pola diferencia entre a prevalencia real e a percibida polo gandeiro. Tamén se detectaron problemas por emprego de produtos non autorizados para os pediluvios.

“Tamén detectamos fallos no deseño e no mantemento dos pediluvios, que só funcionan se as vacas entran cos cascos limpos. E o outro requisito é que os cascos teñen que mollarse, pero se son curtos os pediluvios non todas os mollan, polo que é preciso alargar o pediluvio para que as vacas fagan polo menos dous pasos no pediluvio”, explica Xavier Manteca.

3) Problemas cos bebedoiros.:

É un problema moi común e fácil de resolver con pouco investimento. “A ninguén se lle escapa que as vacas precisan auga de calidade a libre disposición e iso non se resolve cun só bebedoiro”, subliña.

As vacas só beben ben cando:

-Correcta lonxitude e número de bebedoiros: Mínimo de 6 centímetros por vaca, pero en condicións de estrés por calor debe subir a 10 cm de bebedoiro por animal. O total que se precisa nunha gandería obtense de multiplicar o número de vacas por 10 CM. Ademais, o bebedoiro debe ser ancho, para que podan beber dúas vacas, unha de cada lado.

-Limpeza e deseño: Co bebedoiro suxo as vacas beben menos.

-Fluxo de auga

-Temperatura da auga

-Calidade da auga:

-Localización: Como mínimo 2 bebedoiros para a vaca.

4) Outros problemas:

Estrés por calor, é un dos principais problemas que se detectou. “Un indicador moi claro e sinxelo de estrés por calor é a caída na produción. A continuación podemos facer unha comparativa con explotacións da zona para ver que marxe de mellora hai”, asegura Xavier Manteca.

Como conclusión, o catedrático advertiu de que na “os animais con peor situación de benestar que atopamos son os becerros e as vacas secas”.

Recomendacións para reducir o estrés por calor en vacún de leite