¿En que falla a xestión do persoal nas gandarías de leite?

Resumo das conclusións de LíderesenBienestar xestionando durante 6 meses persoal en gandarías de vacún de leite en Galicia.

¿En que falla a xestión do persoal nas gandarías de leite?

LideresenBienestar é unha plataforma de formación e divulgación dos valores que deben xirar en torno ao benestar animal e benestar persoal para contribuír á eficiencia no manexo da gandaría. Isto inclúe: selección de traballadores e asignación de tarefas segundo perfil persoal, organización do traballo e coordinación de equipos, formación e motivación de persoal, liderado, mediación de conflitos e monitorización do traballo para asegurar a continuidade do traballador.

Aquí resúmense os resultados do traballo de testaxe realizado durante 6 meses:

Accións

Fase de recrutamento: Inicialmente anunciaron a selección de persoal en diferentes medios de comunicación de ofertas laborais para traballar en ganderías de vacún de leite. Buscábanse candidatos cun alto interese inicial polo sector (sen experiencia). Os demandantes de emprego foron superando unha serie de fases: cuestionario de situación persoal actual, test de personalidade e dúas probas teóricas tras recibir un temario de formación básica, permanecendo en lista de agarda polo menos 2 semanas para asegurarse do interese do persoal antes de aceptar outro traballo.

Fase de contratación, período de proba e formación en granxa (15 días a 1 mes): Realizaban polo menos 2 visitas á gandaría para resolver as dúbidas, explicar conceptos de manexo (comprender o porqué das tarefas a realizar), resolver diferenzas entre personalidades ou posibles conflitos, posición do líder para unha comunicación efectiva cos traballadores, monitorar o progreso do candidato e a satisfacción de ambas as partes.

Resultados

Candidatos ao posto: Contactaron 1.232 persoas preguntando pola oferta pero só houbo 80 interesados. Destes, o 70% (n=56) superaron algunha das fases pero abandonaron o proceso e, o 30% (n=24) superaron todas as fases.

Sen embargo, 14 persoas non foron contratadas por diversas limitacións, destacando a incapacidade económica como a principal. Finalmente, incorporáronse 10 persoas, das cales 6 fracasaron ben por dificultades físicas e/ou psicolóxicas para desempeñar o traballo (3 deles) ou deficientes condicións laborais e/ou trato inapropiado por parte do gandeiro (outros 3 casos). Os 4 casos de éxito tiñan o mesmo perfil: en situación de necesidade familiar.

Porén, mediuse o grao de satisfacción polo alto interese de: aprendizaxe (IA, manexo de vacas, diagnóstico e tratamento de enfermidades), eficiencia (incremento en rapidez e calidade do muxido), cumprimento de horarios, así como a comunicación continua do seu estado co empregador e a nosa plataforma.

Gandarías:

Contactaron 54 gandeiros (con entre 30 e 320 vacas en muxido) interesados nalgúns dos servizos:

-Só 3 gandeiros (pertencentes a SAT) recoñeceron que precisaban axuda na xestión de persoal pero non todos os socios estaban de acordo e non puideron incorporar un líder externo.

-Unha explotación contemplou a posibilidade de problemas relacionados coa motivación dos traballadores, xa que non atopaba outra explicación para o abandono precipitado dos traballadores. Con todo, ao noso xuízo tamén o número de horas e a inxusta repartición de tarefas influían na súa fuga.

-A maioría (n=50) solicitaba polo menos un traballador. Sen embargo, non se puido atender a demanda de todos: algúns (n=3) rexeitaron o servizo por custo elevado e, outros (n=5) xa dispuñan dun traballador válido ao noso xuízo , pero descartaron reformular a organización do traballo e/ou unha fase de motivación, ben por non crer nun resultado efectivo e/ou por custos elevados do mesmo.

LideresenBienestar recolleu datos en 20 gandarías. Non se cubriu a demanda en 16 delas, ben por falta de persoal e/ou por dificultade de atopar un perfil adecuado (n=12) ou por fracasos do persoal contratado (n=4).

As restantes 22 gandarías non foron auditadas por falta de candidatos que se axustasen ao perfil solicitado, isto é: traballador con experiencia (n=12) e condicións laborais precarias con salarios por baixo do mínimo legal ou máis de 10h de traballo (n=10).

A hipótese para explicar os devanditos resultados radicaba en:

1) Percepción social: a falta de sensibilización polo medio rural e as profesións relacionadas fan que se desvalorice o sector, co cal a percepción do seu impacto é mínima. Isto repercute en que politicamente se lle preste pouca atención e exista unha escasa educación social.

2) Percepción individual: dita infravaloración social polo sector xera unha actitude pesimista e sentimento marxinal a nivel individual nos seus profesionais, reflectindo á súa vez frustración e inapropiadas xestións por parte do empresario-gandeiro xa que tampouco ten apoio para continuar. Isto conduce a unha escasa visión empresarial e a unha falta de liderado.

Para coñecer a orixe destes resultados, realizáronse varias enquisas á poboación galega, unha dirixida ás persoas non relacionada co sector da gandaría e outra especificamente para o sector gandeiro.

Conclusións:

Estas son algunhas das conclusións máis destacadas ás que se chegaron:

1) Concepto de xestión de persoal pouco claro, e a maioría dos gandeiros recoñeceron que precisan mellorar: salarios baixos e necesidade de igualar as condicións dos traballadores con, por exemplo, as do sector forestal. Ademais, non separan salarios de beneficios por falta de visión empresarial.

 “A maior parte das gandarías xestionan de forma pouco eficiente a rutina de muxido”

2) Confúndense as horas na gandaría (cumprimento de horario) co traballo realizado (calidade e número das tarefas realizadas). As horas de descanso na gandaría computan como traballo na percepción do persoal, isto empeora se non existen horarios e tarefas descritas visibles para todos nun taboleiro.

3) A maior parte das gandarías xestionan de forma pouco eficiente a rutina de muxido con máis persoal do necesario, o que se relacionou con poder pagar pouco aos empregados e dispor de poucas horas libres. No muxido hai que buscar a máxima eficiencia e o ideal é que traballe unha persoa soa nun máximo de 20 puntos (varia co deseño da sala).

4) Xornadas continúas entre 8-10h de traballo é a preferencia dos novos perfís laborais. Adaptar horarios continuados de mañá para uns traballadores e de tarde para outros parece a oferta laboral máis atractiva para os mozos.

5) A sociedade impresiónase por termos laborais que soan aparentemente mellor que outros á hora de buscar emprego (por ex. Técnico mellor que Peón), co cal incorporar a figura dun técnico de campo a nivel interno nas gandarías podería ser unha solución para atraer máis xente a este sector. Consistiría en alimentación do gando, muxido, diagnóstico e tratamento de animais enfermos (require de iniciativa propia con responsabilidade media-alta e salario 1.200 – 1.500 euros), fronte ao posto de peón gandeiro: mantemento de instalacións e labores de campo (traballo mecánico, responsabilidade baixa e salario 900 – 1.200 euros).

 “Resultan máis atractivos horarios continuados de mañá e de tarde”

6) Mozos de entre 18-25 anos prefiren asumir un alto cargo dentro dunha empresa que ser emprendedores, pero moi poucos asumirían cargos rasos se non teñen necesidade económica. ¿Altas aspiracións vs Competencias? (¿están preparados para asumir as tarefas dun Técnico?).

O labor de información, formación e motivación dos mozos está nos centros formativos. Por iso, LideresenBienestar colabora con esta tarefa.

É imprescindible un labor social de divulgación sobre a contribución do noso sector gandeiro á sociedade galega, así como a promoción das oportunidades laborais nos sectores primarios de Galicia. Isto é traballo individual e diario de todos nós para incrementar a percepción do sector na sociedade. Ademais non esquecer explicar correctamente os termos de “gandaría” e “animal de produción” así como “explotación intensiva e extensiva”.

Como primeira medida para pór solución a algunhas das conclusións extraídas, LideresenBienestar ofrece un curso en xestión de persoal para gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información