“En Leche Gaza traballamos cun sistema de cotas para que o gandeiro se implique coa cooperativa”

Ignacio Quintanilla, xerente da cooperativa zamorana Gaza, que comezou a transformar o seu leite hai máis de 50 anos detállanos algunhas das claves do funcionamento desta empresa afianzada no sector e que se atopa en pleno proceso de ampliación das súas instalacións.

“En Leche Gaza traballamos cun sistema de cotas para que o gandeiro se implique coa cooperativa”

Ignacio Quintanilla, xerente da cooperativa zamorana Gaza, nas instalacións da fábrica de leite.

A cooperativa zamorana Gaza comezou hai máis de 50 anos a transformar o leite das granxas dos gandeiros asociados. Despois destes anos, o seu proxecto segue afianzado no mercado sendo Leche Gaza unha das marcas máis coñecidas en Castela e León e cuns beneficios que a sitúan entre os grandes grupos de transformación lácteos de España. Falamos co seu actual xerente, Ignacio Quintanilla, para coñecer como funciona esta cooperativa.

-Hai máis de 50 anos que a cooperativa comezou a funcionar. Que vos levou no seu momento a dar o paso de crear Gaza e envasar o voso leite?
Leche Gaza, créase no ano 1966 como un Grupo Sindical de Colonización, que daría lugar posteriormente á Central Lechera de Zamora. Esta nace con dúas funcións: proporcionar leite san e seguro aos cidadáns de Zamora e, sobre todo, resolver un perentorio problema de comercialización do leite de vaca, dando así estabilidade a unhas economías gandeiras, entón de subsistencia, ao garantir uns ingresos fixos mensuais para centos de familias.

-Cales foron os cambios máis significativos neste tempo?
Leite Gaza non foi allea aos cambios acaecidos no sector así como ós hábitos de consumo e foise adaptando e modernizando co paso dos anos. Houbo unha evolución importantísima nas explotacións gandeiras, con saneamentos gandeiros, frío en explotacións, benestar animal… pasamos dun consumo de leite de día cunha caducidade moi corta a leite UHT que nos permitiu vender os nosos produtos lonxe das nosas fronteiras. Houbo unha redución no número de explotacións ligado a un aumento da profesionalización e produtividade por explotación.

“Leche Gaza xorde para proporcionar leite san e seguro aos cidadáns de Zamora e para resolver o problema de comercialización do leite de vaca”

-Que produción manexades na actualidade?
En 2018 envasamos 50 millóns de litros entre leite de vaca e de ovella.

-A que prezo vendedes o voso leite no mercado? a que prezos se lle paga ao gandeiro?
O prezo de venda ao público de Leche Gaza no mercado é de 0,78 euros por litro. O prezo do leite págase igual que no resto da industria, cun prezo base e unas primas por calidade. É certo que investimos moito diñeiro nestas primas por calidade para diferenciar o noso leite da competencia.

-Pechastes 2017 cunha facturación de máis de 30 millóns de euros, o que dá unha impresión do voso peso actual pero, ¿como conseguides competir con outras fábricas de maior tamaño ou marcas brancas?
O noso segredo para competir con outras firmas non é outro que a calidade. Desde o día da súa fundación, Leche Gaza decidiu diferenciarse en base á calidade do seu produto. Durante os máis de 50 anos de historia da empresa esta premisa non cambiou e permitiunos ter unha marca asociada a un produto de primeira calidade polo que os nosos clientes están dispostos a pagar un pouco xa que entenden que temos unha extraordinaria relación calidade prezo.

-Un dos vosos últimos proxectos foi a reforma e ampliación da fábrica, que finalmente implicou o traslado das instalación, que supón este proxecto para a cooperativa? Superáronse os obstáculos administrativos?
Despois de máis de 2 anos pelexando coas administracións públicas, os socios de Leche Gaza decidiron en novembro do 2018 que o futuro da empresa pasaba por abandonar as actuais instalacións e construír unha fábrica nova sen as limitacións da fábrica existente.

Confiamos que este investimento, que superará os 15 millóns de euros, sente as bases para que a empresa poida crecer e desenvolverse na medida na que os socios gandeiros de Leche Gaza estimen oportuno. Esperamos ter operativas as novas instalacións na primavera de 2020.

-Traballades cun sistema de cotas para os socios, ¿que vantaxes e inconvenientes supón organizar así a produción?
Asócianse as entregas de leite ao capital que cada socio posúe na empresa. Toda entrega que non estea avalada por capital leva unha penalización importante. Co sistema de cotas o que se busca é que o gandeiro se implique coa cooperativa para evitar que, en momentos puntuais, deixe de entregar leite. Os gandeiros compran a cota con total liberdade e tampouco hai variacións nin descontos no prezo da cota en función da cantidade de litros que se compre. Polo momento, tampouco temos límite ás cotas pero se é preciso que o gandeiro investise ese diñeiro para que se lle recolla o leite. Se o gandeiro entrega máis leite da cota que ten ese excedente abónase a outro prezo, xa que o que pretende con este sistema é que o gandeiro se involucre e aposte pola cooperativa.

-Que requisitos hai que cumprir para ser socios de Gaza?
Levamos tempo que non se están incorporando socios novos, pero o único requisito que hai, a día de hoxe, é que a incorporación se aprobe polo Consello de Administración, a xunta de socios. Ten que cumprir os estatutos que inciden en aspectos como que hai que ter unha cota ou que non se pode facer a competencia á cooperativa con entregas a outras empresas.

“O obxectivo da nova planta, na que imos investir 15 millóns de euros, é garantir o futuro da empresa pero a política vai seguir sendo a que se mantivo en todos estes anos”

-A que se debe que non se estea aceptando novos socios?
Agora mesmo xa non somos capaces de procesar todo o leite que nos entregan os socios e temos que vender algunhas cisternas, polo que non ten sentido coller máis socios e aumentar a produción cando non somos capaz de procesar todo o leite dos gandeiros socios.

-Esperades poder procesar a produción dos vosos socios coas novas instalacións?
A idea da nova planta non é chegar a procesar 100 ou 200 millóns de litros de leite. As novas instalacións atenden a unha necesidade que se detectou hai tempo xa que as instalacións actuais, que están aos pés do castelo e moi preto do centro urbano de Zamora, non se adaptan ás nosas necesidades actuais. Levamos tempo tentando tramitar unha ampliación que se complicou debido precisamente a esta localización, pero despois de máis de dous anos de trámites burocráticos e administrativos parecía que aínda se ía a alongar máis no tempo. Namentres atopamos unha parcela, moi preto que se axusta ás nosas necesidades e o consello decidiu que o mellor para a empresa, que agora ten que facer un investimento importante en renovar os equipos, era trasladar as instalacións.

O obxectivo da nova planta é garantir o futuro da empresa e a política nos próximos anos vai seguir sendo a que mantivo en todos estes anos. Nós imos ir ao ritmo de crecemento dos nosos gandeiros aínda que, si é certo que, cando alguén se enfronta a un proxecto dunha nova fábrica ten que deixala preparada non só para asumir a capacidade actual senón cunha marxe de crecemento, pero non se vai a cambiar a filosofía, nin se van a perseguir grandes cifras e obxectivos para os próximos anos.

-Contades cunhas 80 granxas de vacún, ¿que perfil teñen estas gandarías?
Todas as granxas de Leche Gaza, desde o ano 2007, teñen que cumprir unha serie de requisitos integrados dentro do Plan de Aseguramento da Calidade Gaza, un plan de obrigado cumprimento cun sistema integral de xestión de calidade do leite, que establece as condicións ás que deben axustarse as granxas e somete a estas a un control exhaustivo para asegurarse do seu cumprimento e permítenos obter leite garantizado desde a súa orixe.
Trátase, ademais, dun sistema auditable, que permite unha total transparencia na produción. Este Plan descansa sobre tres piares fundamentais: seguridade alimentaria, benestar animal e respecto polo medio ambiente.

“Leche Gaza non quixo ser competencia doutras cooperativas da zona. Especializámonos en transformar e vender o leite e non ofrecemos outros servizos aos socios”

Así, todos os produtos cumpren unha normativa de trazabilidade que permite detectar calquera incidencia desde o pesebre até o produto terminado. Os animais reciben unha alimentación equilibrada, que garante a regularidade na produción. Ademais, existe un procedemento de visitas dun equipo de veterinarios, que audita as explotacións semanalmente. Todas as nosas granxas cumpren unha normativa estrita de limpeza, incluída a zona onde se atopan os animais, que viven nunha contorna limpa e aseada.

-Ademais da recollida e transformación do leite, ¿que outros servizos presta Gaza aos seus socios?
Desde a súa fundación, Leche Gaza non quixo ser competencia doutras cooperativas da zona, polo que se hai na comarca unha cooperativa que xa está a ofrecer un determinado produto ou servizo (crédito, pensos, servizos veterinarios…), Leche Gaza non lle ofrece eses servizos aos seus socios. Dedicámonos exclusivamente a xestionar o leite que nos entregan os nosos gandeiros.

Desde os seus comezos Gaza quixo ser especialista en procesar e transformar leite e vendela ao mellor prezo posible e imos deixar outros especialistas da zona, que ademais teñen espírito cooperativista, que fagan o seu traballo. Se hai unha empresa ou cooperativa de pensos ou de servizos de crédito que está traballando nós non imos meternos. Igual que tampouco ofertamos servizos veterinarios. Cada gandeiro elixe estes servizos onde quere e nós nin non nos metemos nin nos imos a meter. O único que facemos é marcar uns requisitos que todos os gandeiros deben de cumprir para garantir a calidade do leite, pero logo cada un escolle como quere traballar.

-¿Os socios poden vender o seu leite en parte ou na súa totalidade a outras industrias se o prezo é maior ou se Gaza non lles recolle todo o leite?
Non, os socios de Leite Gaza só entregan leite para Gaza.

-Ademais do leite de vaca tamén comercializades outros produtos como nata ou batidos, ¿contemplades incrementar a vosa gama de produtos?
Temos un amplo porfolio de produtos. No leite de vaca contamos coas gamas clásicas, sen lactosa e con calcio en tódalas súas variantes (enteira, semidesgraxada e desgraxada). Ademais, elaboramos leite con chocolate e leite enteiro e con chocolate en formato mini. Tamén comercializamos leite de ovella, nata culinaria, nata para montar, callada e manteiga.

-En 2007 tamén decidistes apostar por envasar e comercializar leite de ovella,¿que produción tedes actualmente? A que mercados destínades esta produción?
Contamos cuns 3 millóns de litros de ovella, destinada ao 50% a mercado nacional e de exportación.

-A que mercados está orientada a vosa produción?
Basicamente o noso mercado é rexional, dentro de Castela e León. Somos o leite da rexión e nos últimos tempo Leite Gaza foi medrando xunto ás novas tecnoloxías e as novas técnicas e maneiras de compra. Por iso, desde hai algúns meses, embarcámonos vendendo dende a nosa propia plataforma en liña.

-Como está a resultar esta experiencia?
Hai dous motivos de fondo que nos levaron a optar por empezar a vender desta forma. Por unha banda está a comercialización do leite de ovella, que é un produto que nos custa situar pero que ten uns clientes moi fieis por toda España. Desta forma estamos a conseguir chegar a estes clientes con rapidez. Doutra banda, vimos que todo o mundo está a empezar a comercializar por internet os seus produtos e quixemos tamén meternos neste mercado, xa que agora mesmo non supuña un gran investimento e dábanos a oportunidade de ir podendo ver como funciona, para non quedar atrás.

Está claro que se non tivésemos o leite de ovella quizais non tiveramos empezado xa coa venda en internet. A metade destas vendas son de leite de ovella, xa que é un produto que está a ter tamén moita demanda para persoas con certas intolerancias ao leite de vaca. Ademais, é un produto moi cómodo, xa que practicamente en 24 horas servímosche o leite na porta de casa.

“Estamos a apostar pola internacionalización sempre tentando achegar valor engadido”

-Que proxectos de futuro barallades a curto-medio prazo?
Agora mesmo estamos centrados ao 100% no proxecto da fábrica nova. A nivel máis estratéxico Gaza quere seguir sendo un referente en calidade de leite en Castela e León e potenciar a marca. Tamén estamos a apostar pola internacionalización de leite e nata, sempre tentando achegar valor engadido aínda que co que nós facemos non é moi doado. Estamos a traballar tamén en produtos que son un pouco novos para nós como a manteiga.

-China foi nos últimos anos un comprador da vosa nata, ¿está interesado tamén noutros produtos? Que porcentaxe da produción destínades a China?
Nós queremos ser especialistas en leite e que cando un consumidor pense en leite de calidade pense en Leche Gaza e que cando unha empresa necesite un produto lácteo para procesar recorra a nós. Con China empezamos coa nata e agora estamos a tentar promocionar a manteiga e esperamos que antes de final de ano poidamos enviar tamén leite para China. Levamos tres anos de relación comercial cun importador en China que está a funcionar ben para as dúas partes. Hai que ter en conta que os negocios en China van amodo. Nós agora estamos a destinar apenas un 5% da produción.

“Unha das claves de que Gaza funcione é a separación que existe, en canto á propiedade e a xestión diaria da empresa”

-Son coñecidos os casos de cooperativas lácteas que fracasaron por diversos motivos. Cales son as claves para o funcionamento de Gaza?
Creo que unha das claves de que Gaza funcione é a separación que existe, desde o primeiro momento, en canto á propiedade e a xestión diaria da empresa. É dicir, por unha banda o consello de administración, que está integrado polos gandeiros, que son os propietarios, é o que marca as liñas estratéxicas de actuación que se van a seguir, pero no día a día a xestión corresponde á xerencia e non se meten nas decisións que se van realizando.

Ademais, outra das claves, que mesmo se recolle nos estatutos, é que ningún familiar directo, de segundo ou terceiro grao, pode traballar na fábrica aínda que sexa o mellor na súa especialidade. Ningún fillo ou sobriño dos gandeiros traballa na empresa.

Outra das claves é a vinculación dos gandeiros coa cooperativa mediante o sistema das cotas, o que fai que sexan moito máis conscientes cando toman decisións da transcendencia que pode ter xa que están a arriscar o seu propio capital.

“O maior problema do sector é a caída do consumo do leite e aí debemos de ir da man tanto industria como gandeiros”

A aposta desde o principio pola calidade do leite foi tamén clave para que Gaza estea agora onde está. É un aspecto que coidaron ao longo destes anos e que segue primando cun importante investimento en todo o que nos poida garantir a calidade do leite.

-Que valoración facedes do mercado actual do leite?
Creo que se están dando bos pasos no sector para loitar contra a volatilidade que houbo en anos atrás e que non haxa grandes subas e baixadas do prezo. Creo que se tende á estabilidade e, na miña opinión, iso é positivo. Está a haber unha reorganización do sector, como pasou noutros sectores. Para min, o principal problema a día de hoxe do sector é a caída do consumo do leite e aí debemos de ir da man tanto industria como gandeiros para reverter esa tendencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información