“En Irlanda co pastoreo producen leite a entre 20 e 21 céntimos”

Adrián Villar, Fernando Pose e Carlos Martínez son tres estudantes do Centro de Formación Rural Efa Fonteboa, de Coristanco, que realizaron recentemente unha estadía de formación en ganderías de vacún de Irlanda. Cóntannos cales son as súas impresións.

“En Irlanda co pastoreo producen leite a entre 20 e 21 céntimos”

Adrián Villar e Fernando Pose.

Carlos Martínez, Adrián Villar e Fernando Pose son tres mozos que estudan o ciclo formativo de grao superior de Gandaría e Asistente en Sanidade Animal na Efa Fonteboa, en Coristanco, un centro de referencia en Galicia na formación dos futuros gandeiros.

Hai apenas unhas semanas que regresaron dunha estancia formativa e profesional de dous meses en ganderías de Irlanda organizada polo centro. A estadía, que realizaron dentro do programa europeo Erasmus +, serviulles para coñecer de preto a realidade dunha potencia leiteira a nivel mundial con vocación exportadora como é o país celta.

A percepción común destes tres estudantes galegos é que os gandeiros irlandeses ven o futuro con optimismo e gañan diñeiro, mesmo con prezos baixos do leite. Unha das claves é o seu sistema de produción de baixos custos, baseado na autosuficiencia de forraxes, neste caso dos pastos, e polos poucos investimentos en instalacións e maquinaria. Custos de alimentación baixos e pouco endebedamento que lles permiten seguir gañando diñeiro mesmo en ciclos de prezos baixos do leite.

Vemos a continuación como foi a experiencia de cada un deles nas ganderías irlandesas:

Adrián Villar:

Adrián Villar é un mozo de Mazaricos que realizou a súa estadía nunha gandería do condado de Longfort, no centro norte de Irlanda. A súa formación práctica foi nunha gandería de vacún de leite con 110 vacas en muxido e 110 hectáreas de base territorial.

Ao igual que a maioría das explotacións de vacún de leite da illa, na que estivo Adrián realizan concentración de partos para que o pico de lactación coincida coa primavera, a época de máis dispoñibilidade de pasto.

“Producían o leite a 21 céntimos o litro, realizando pastoreo día e noite, agás nos meses nos que os prados estaban encharcados. As pradeiras neste caso tiñan unha mestura de raigrás inglés con algo de trevo, que aproveitaban para pastoreo, e o que non daban comido as vacas, así como as fincas máis afastadas, ensílanas no mes de xuño”, explica Adrián.

Ademais do pasto, as vacas tamén recibían un suplemento de 4 kilos de concentrado ao día, que aumentaba a 6 cando estaban estabuladas, acadando unha media de produción de 25 litros.

“As vacas eran de raza Frisona, pero cruzada con Jersey, Montbéliard e Kiwi Cross, e acadaban unha media de 4 partos, con máis lonxevidade que en Galicia”, asegura Adrián.

En total, a produción nesta gandería roldaba os 6.000 litros por lactación, que no mes de febreiro venderon á industria a un prezo de 32,5 euros o litro.

“Clasifican as vacas polas calidades do leite, mostrando moito interese na produción de proteína”, explica este estudante, quen recoñece que “chamoume moito a atención que a vaca más rendible da explotación era unha Jersey con apenas metro e medio de altura á cruz”.

“Os gandeiros reúnense para intercambiar información, comparar e tomar decisións”

A menor profesionalidade do muxido en Irlanda, observando menos o predipping, foi alto no que tamén reparou este alumno.

Outra aspecto que lle chamou a atención a Adrián é que os gandeiros intercambian entre eles con total transparencia información das súas explotacións para mellorar conxuntamente. “Periódicamente facían reunións duns 20 ou 30 gandeiros da comarca e intercambiaban información sobre prezos de venda do leite, calidades…etc. Comparaban todo para poder decidir o que máis lles conviña”, asegura.

“A miña percepción foi que os gandeiros en Irlanda ven o futuro con optimismo e teñen ganas de medrar”, conclúe Adrián.

Carlos Martínez Liste:

Carlos Martínez, á dereita, coa familia gandeira coa que se formou en Irlanda

Carlos Martínez, á dereita, coa familia gandeira coa que se formou en Irlanda

Carlos Martínez Liste é un mozo de Lesta (Ordes) que estivo dous meses na gandería O´Donnell, preto de Cork, no suroeste da illa. Esta explotación conta cunhas 115 hectáreas de base territorial e unhas 150 vacas en muxido.

“O máis positivo dende o meu punto de vista é que as ganderías de Irlanda teñen máis dispoñibilidade de terra, o que fai que os custos de produción sexan de arredor de 20 céntimos por litro, máis baixos que aquí”, asegura Carlos.

En canto á produción, comenta que as vacas desta gandería, das razas Holstein e Roxa Danesa, producen unha media de 27 litros na primavera, cunha alimentación en base fundamentalmente a pastoreo, recibindo cada vaca uns 3 kilos de penso á hora do muxido; é dicir, pouco máis de 100 gramos de concentrado por litro de leite producido.

No caso desta explotación, tamén cebaban os machos para a venda con 2 anos de idade, unha cebo a base de silo de herba, herba seca e pasto, máis algo de concentrado.

Fernando Pose:

Fernando Pose é un mozo de Malpica que estivo formándose nunha gandería de vacún de carne, tamén no condado de Longford. Esta explotación en réxime de pastoreo contaba con 150 nais das razas Azul Belga, Charolesa, Hereford e algo de Angus.

“O touro era cruzado e buscaban ante todo facilidade de parto para non ter problemas”, asegura Fernando.

En canto ao manexo, recollían as vacas un mes antes do parto permanecendo estabuladas ata un mes despois de parir. Durante ese período recibían unha ración a base de silo de herba, remolacha azucreira e algo de penso.

Un mes despois de parir as vacas saían ao prado, alimentándose exclusivamente de pasto. Os becerros permanecían no exterior alimentándose de leite materno, pasto e algo de penso. Vendíanos mediante subasta cunha idade de algo máis de ano e medio. “As pradeiras eran naturais e o único que gastaban na vaca era o silo de herba, que facían na propia explotación, e o punteo con penso cando estaban estabuladas antes e despois do parto”, destaca Fernando.

“Gustoume moito a experiencia porque, ademais de pola xente e da posibilidade de aprender inglés, puiden ver outra forma de traballar, na que os gandeiros aproveitan ao máximo os recursos do entorno”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información