“En Galicia teremos os prezos do leite que nos merezamos”

O director xeral de Clun, José Luis Antuña, defende a importancia do cooperativismo para lograr melloras estruturais no sector lácteo. As perspectivas optimistas de prezos para o 2017 mitíganse polos altos stocks de leite en po

“En Galicia teremos os prezos do leite que nos merezamos”

De dereita á esquerda, José Luis Antuña, Pablo Costoya, Ramón Artime, Fernando Miranda e Nicasio Mejuto (Xunta), nunha mesa redonda sobre o sector lácteo organizada en Melide

A recuperación de prezos do leite que se esperaba para o 2017 estase a quedar a medio camiño. Os culpables, entre outros factores, os altos stocks de leite en po intervido na UE, máis de 350.000 toneladas. “Pesan como unha losa na recuperación de prezos” -valora o director xeral de Clun, José Luis Antuña-. “Por primeira vez estamos ante unha situación que era descoñecida, a enorme brecha que hai entre a materia graxa, con prezos moi altos, e a proteína, que non se recupera”, destacou Antuña nunha mesa redonda organizada en Melide pola Asociación Agraria de Galicia (sucesora de Asaja Galicia).

“Estamos ante unha situación descoñecida, a enorme diferencia entre a materia graxa, con prezos altos, e a proteína” (José Luis Antuña)

A reducción da produción a nivel mundial durante o último ano permitiu unha recuperación xeneralizada de cotizacións, se ben esa mellora non remata de consolidarse en Europa. “Un gandeiro de Estados Unidos cobra preto de 40 céntimos. En Europa estamos en 33 de media. A diferencia, que en Estados Unidos non teñen estes stocks de leite en po”, sinala o director xeral de Clun.

Se se valora o prezo medio de Galicia, inferior ó europeo e ó español, Antuña propón unha reflexión: “Hai que deixar as lamentacións. En Galicia teremos o prezo do leite que nos merezamos. Que facemos para merecer bos prezos? Ninguén mereceu que lle pagaran o leite a 40 céntimos, como se chegou a pagar, nin tampouco fixo nada para merecer que llo pagaran a menos de 25. Se queremos mellores prezos no futuro, temos que ter capacidade de influír”, valora.

“En Clesa, dez cooperativas corremos un risco e investimos. Podía ter saído mal, pero saíu ben” (Antuña)

Como exemplo, o director xeral de Clun sinala o éxito de Clesa, unha industria mercada no 2011 por dez cooperativas galegas, entre elas as integrantes de Clun, Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Clesa aumenta ano a ano a súa facturación, cun crecemento sostido que é referencia no sector: “Correuse un risco e investiuse. Pedíronse créditos, que se todo vai ben estarán devoltos no 2019, e podía ter saído mal. Saíu ben e iso é un exemplo do que hai que facer para merecer bos prezos polo leite”.

Marxes
O control dos custos de produción é outro dos factores sobre os que Antuña considera que se deben centrar as granxas. “Máis que de prezo hai que falar de marxes e controlar aqueles factores sobre os que se pode traballar. En Clun estamos orientándonos nunha primeira fase na formación e en fomentar a innovación tecnolóxica das explotacións socias, así como no control de custos dos suministros. Para unha seguinte fase, queremos influír tamén na comercialización”, sinala, unha liña na que a busca de mercados externos cobrará importancia.

“Durante moito tempo centrámonos en producir volume e hai que pensar en producir calidade” (Pablo Costoya)

Pola súa banda, o presidente de Melisanto, Pablo Costoya, destacou na mesa redonda o papel que xogará no futuro a produción de sólidos lácteos (graxa, proteína). “Durante moitos anos, centrámonos en producir máis volume, pero temos que pensar en mellorar as calidades”, sinalou.

Industrias e distribución
A mesa contou tamén coa intervención de Ramón Artime (Asaja), vicepresidente da Interprofesional Láctea. Artime avogou pola concentración da oferta en torno a cooperativas transformadoras e cuestionou o papel de industrias lácteas e de primeiros compradores. “O prezo do leite subirá no campo en canto a industria mova ficha e deixe de buscar culpables. As cadeas de distribución non teñen o poder que se di, o que sucede é que hai unha guerra entre as industrias por ocupar os lineais”, cuestiona Artime.

“É certo que hai que poñer a distribución no seu sitio, pero o prezo do leite tiña que estar agora mesmo no campo 4-5 céntimos máis alto”, valora o vicepresidente da Interprofesional.

“O prezo do leite subirá no campo en canto a industria mova ficha e deixe de buscar culpables” (Ramón Artime)

A coincidencia da importancia das cooperativas para estabilizar os prezos do leite foi unánime na mesa. O director general de Mercados do Ministerio, Fernando Mirando, lembrou a crise dos últimos anos para exemplificar a situación. “Cando sobraba leite, se houbese unha estrutura que permitise repercutir o custo de regulación entre todos os gandeiros, non habería produtores cobrando o leite a menos de 20 céntimos” -subliñou.- “Iso faise con tecido industrial”.

Debate
Entre o público das xornadas, houbo críticas a esa visión sobre o papel das cooperativas para mellorar o prezo do leite. “Se esperamos a que todo iso que se fala se faga, non quedará xa ninguén” -cuestiona Leandro Quintás, gandeiro e histórico sindicalista da Unión Sindical Agraria (Usag).- “Valen para algo as cooperativas, a Interprofesional ou a Mesa do Leite? No, padre. Valeu para algo o acordo lácteo? No, padre. Todo iso só serve para pasar o tempo”, conclúe.

“Valeu para algo o acordo lácteo? No, padre” (Leandro Quintás)

Desde a mesa, Miranda defendeu o acordo lácteo como base que serviu -dixo- para evitar baixadas maiores do leite e para conseguir unha leve recuperación: “O Ministerio non é capaz de fixar o prezo do leite, pero nun país como Francia, que ten catro veces a produción de España, o Ministerio tampouco ten esa capacidade. En setembro do 2015, o ministro francés dixo que tiña un compromiso para que o prezo do leite estivese en decembro en 34 céntimos no campo. En decembro, o prezo en Francia era de 29 céntimos. As cousas non son tan fáciles”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información