“En Galicia somos moi bos producindo leite pero moi malos sacándolle valor”

Entrevistamos a Jesús Penelas, xornalista, economista, fillo de gandeiros e autor dun estudo titulado “Os nomes propios da historia da industria leiteira en Lugo”. “Somos moi bos producindo leite pero moi malos sacándolle valor engadido a ese leite e segue vindo capital foráneo a aproveitar o recurso”, asegura.

“En Galicia somos moi bos producindo leite pero moi malos sacándolle valor”

Jesús Penelas, xornalista, economista, fillo de gandeiros e autor dun estudo titulado “Os nomes propios da historia da industria leiteira en Lugo”.

A provincia que produce o 40% leite galego e a sexta parte de todo o muxido en España mantén só na actualidade en mans autóctonas unha das múltiples iniciativas empresariais xurdidas no último século para transformar esa materia prima. Falamos con Jesús Penelas, xornalista, economista, fillo de gandeiros e autor dun estudo titulado “Os nomes propios da historia da industria leiteira en Lugo”.

Que te levou a analizar a historia da industria láctea na provincia de Lugo?
A provincia de Lugo produce o 40% do leite de Galicia e Galicia o 40% do leite do Estado español, pero os camións cisterna transportan milleiros de litros de leite a diario e moitos deles saen da provincia ou incluso da comunidade porque aquí non hai quen o transforme. É a realidade da industria láctea en Lugo, que continúa o seu devir na historia sen facerse apenas notar. É por iso que, máis que nunca, faise vital expoñer a historia daqueles empresarios que apostaron durante o pasado século por transformar o leite en Lugo cando aquí aínda se pensaba en clave de subsistencia.

Como xurdiu a industrialización do leite en Galicia?
Veu de Asturias. Non fomos pioneiros para nada. En Asturias eran unha sociedade moito máis proclive á industrialización. Favorecido por dous factores, un problema derivado da ocupación xeográfica galega, con poboacións moi esparcidas, o que fai máis difícil recoller o leite e tamén vender o produto transformado a un número importante de xente sen que iso acarree moitos custos. É dicir, aquí as industrias non podían producir moito leite, porque aínda que abundaba a materia prima, tiñan que ir recollela a moitos lugares dispersos e mal comunicados.

Pero o problema maior que tiñan era que non había mercados amplos de xente a quen vender despois ese leite, porque moita xente tiña vacas na casa e non mercaba leite e as grandes cidades galegas da época non eran grandes cidades. Na década de 1920 o consumo de leite por habitante en España dóbrase en apenas 5 anos pero Galicia, ao non estar ben comunicada cos grandes centros de consumo, non puido optar a eses mercados.

“Non foi até a década de 1930 cando xorden as primeiras tentativas empresariais na provincia de Lugo da man de empresas asturianas”

Non foi até a década de 1930 cando xorden as primeiras tentativas empresariais na provincia de Lugo. A industria asturiana Mantequerías Arias instala nese tempo unha sucursal na Fonsagrada e comeza a repartir desnatadoras mecánicas aos labregos lucenses, recollendo logo a produción polas casas.

E a primeira iniciativa industrial propia, xurdida aquí?
O grande impulsor da industria leiteira en Lugo foi José Rodríguez López e a súa familia. Nese tempo, a comezos dos anos 30, crearon un establecemento lácteo en Arxeriz (Fión, O Saviñao), en colaboración con Mantequerías Leonesas, unha firma que buscaba nutrirse de materia prima pola zona oriental galega. Tras as primeiras elaboracións de manteiga no Pazo de Arxeriz, os Rodríguez López trasládanse a Chantada e comezan a elaboración de queixo. Parte da familia foise a Vigo no 1947 e montou alí unha planta similar á de Chantada que levou o nome de Larsa, que logo se instalou en Vilagarcía.

Por contra, José Rodríguez López seguiu na provincia de Lugo e estableceuse en Robra (Outeiro de Rei) no ano 1957 co nome de Arjeriz, creando para abastecerse centros de recollida por toda a provincia. O imperio Arjeriz foi medrando cunha pequena fábrica de pasteurización de leite e queixos en Guitiriz e coa famosa Vega de Oro en Meira. No ano 1978 Arjeriz chegou a ter 90 empregados e a producir 3,6 millóns de litros de leite, 350 toneladas de manteiga e 2.300 de queixo, principalmente enfocado aos mercados urbanos de Madrid, Cataluña e País Vasco.

“O grande impulsor da industria leiteira en Lugo foi José Rodríguez López e a súa familia”

Finalmente, no ano 1983 Arjeriz foi vendido a Larsa, quedando deste xeito as dúas partes da empresa familiar nas mans dos seus sobriños, que apostaron por unha política de expansión que levou á creba á empresa matriz a finais dos 80, sendo adquirida en 1990 pola francesa Union Laitière Normande e en 1997 pola cooperativa asturiana Corporación Peñasanta, actual propietaria de Larsa.

Algo semellante lle pasou a outra das industrias históricas da provincia de Lugo, Complesa…..
Complesa naceu auspiciada polo Plan de Centrais Leiteiras do franquismo, unha norma que, entre outras cousas, obrigaba á pasteurización e embotellado do leite destinado a poboacións de máis de 25.000 habitantes. Ese proceso estaba suxeito a concesión de Centrais Leiteiras para o subministro a cada poboación, constituíndose así monopolios auspiciados polo Goberno.

“Complesa foi un proxecto dos gandeiros lucenses e acabou en mans de Lactalis”

Promovida por Manuel Lamela entre os anos 1970 e 1971 comeza a funcionar na parroquia de Nadela (Lugo) Complesa como Central Leiteira de abastecemento á cidade. Xermolou coas achegas de 6.000 produtores de leite, que desembolsaron arredor de 63 millóns de pesetas prestados polo Banco de Crédito Agrícola. A empresa pasou logo a mans públicas dentro de La Lactaria Española, propietaria de Ram, e, tras fusionarse con Leyma, a Central Leiteira da cidade da Coruña, foi vendida en 1999 a Puleva, que posteriormente a vendeu a Lactalis, multinacional que opera a planta na actualidade. A min gustaríame que alguén estudase a historia de Complesa. Hai moi pouco escrito sobre ela. En Lugo foi unha empresa de referencia e saíu dun proxecto de agrupación de gandeiros.

Dis no teu traballo que medio século despois do gran boom industrial leiteiro da provincia de Lugo, a día de hoxe só sobrevive en mans autóctonas unha compañía.
Si, só Leche Río se mantén, e iso que o seu nacemento foi case unha casualidade. Jesús Lence tiña en 1970 unha estación de servizo no Corgo e un transportista valenciano entregoulle varios camións a cambio das débedas que tiña con el. Lence comezou a usar eses camións para transportar leite entre Reme (Ribadeo) e Industrias Lácteas Leonesas, pero o negocio truncóuselle aos poucos meses porque Kraft comprou Industrias Lácteas Leonesas e suprimiu a ruta, así que Lence aventurouse a traer leite de Francia ás distintas industrias españolas.

“A entrada de Jesús Lence no sector lácteo foi unha casualidade”

Así comezou a súa aventura no sector e hoxe Leche Río é o gran transatlántico lucense do sector. A Lence hai que atribuírlle ademais unha das grandes revolucións do leite na provincia de Lugo: a introdución dos tanques de frío (até entón o leite almacenábase en cántaros) no ano 1975. Dese dese ano comezou a xestarse o seu xigante industrial, primeiro co nome de RefriLeche, logo co de Lácteos Lence e máis tarde co de Leche Río. En 1981 inaugura a súa primeira planta en Veiga de Anzois e no 2005 fixo o seu movemento máis importante ao mercar as instalacións de Leyma, abertas como Central Leiteira da cidade da Coruña en 1962, á multinacional Ebro-Puleva.

Independentemente da consideración que cada quen teña del, penso que Lence merece certo mérito polo que leva feito. Incluso cando comprou Leyma aos franceses, que a priori era unha operación arriscada, e ao final logrou recuperar Leyma.

¿Pasou co leite un pouco como no mar, coa industria de transformación e a salazón dos cataláns?
En parte si, aínda que co leite non se esquilmou o recurso como no outro caso. Nos anos 30, como xa falamos, viñeron asentarse aquí empresas asturianas e leonesas, nos 70 empresas suízas como Ursina, que se ubicou en Vilalba, ou máis tarde Nestlé, Lactalis, o valenciano Antonio Marchal con Lagasa (a posteriori rebautizada como Leche Celta), Pascual ou Puleva e máis recentemente Entrepinares. Viñeron asentarse aquí porque viron que existía materia prima dispoñible. A evidencia máis palpable é que hoxe en día segue habendo industrias de fóra aproveitando os recursos que aquí temos, porque somos moi bos producindo leite pero moi malos sacando valor engadido a ese leite.

O último exemplo, a fábrica de capital francés que din que se vai montar en Teixeiro. Polo tanto, segue vindo capital foráneo aquí a aproveitar o recurso.

A provincia de Lugo produce en torno a 1 millón de toneladas de leite ao ano. Asturias produce menos ca Lugo, unhas 800.000 toneladas, pero sen embargo industrializa moito máis. A que se debe?
Asturias e o País Vasco son un caso aparte. Porque alí pódese dicir que a industria tirou dos gandeiros e aquí é ao revés, o que lles sobra aos gandeiros serve para crear industrias. Ao haber tanto excedente de leite no noso campo fai que xurdan industrias en produtos pouco elaborados porque é un negocio doado. Ti vas aquí mercar leite a 25 céntimos e atópalo. En Asturias non porque teñen a Central Lechera Asturiana que lles paga moi ben o leite aos seus socios. É Central Lechera Asturiana a que tira para que se creen granxas en Asturias. Por iso no último ano aquí foi onde máis explotacións pecharon e en Asturias onde menos.

“A maioría das industrias lácteas que temos son á vella usanza, pouco innovadoras e sen marxe para pagar máis polo leite”

Por qué en Asturias xorde esa industria e aquí non? eu non lle atopo explicación racional. ¿Por que aquí non xorden eses proxectos?Non sei se é falta de mentalidade empresarial. Por iso, a maioría das industrias lácteas que temos son á vella usanza, pouco innovadoras e non contribúen a xerar ilusión no sector gandeiro. Estou convencido de que se a xente nova vira proxectos como o de Innolat, o de Prestes ou o de Xanceda, xurdirían máis cousas.

A maioría das industrias lácteas que hai na provincia de Lugo seguen sendo simples plantas de envasado de leite líquido, que é o que menos valor engadido crea. Por que non se dá ese outro paso de segundas transformacións do leite?
Penso que é porque aquí hai moito volume de leite e o mercado do leite líquido só dá beneficios cando moves moitos volumes porque a marxe é pequena. E ao haber aquí moito leite dispoñible podes facer grandes empresas de leite líquido e os empresarios aquí poden lograr unha rendibilidade co leite líquido, un produto efectivamente de pouco valor engadido. E como obteñen así beneficios non lles é necesario ir a outros produtos. E máis aínda cando non hai ningunha empresa da competencia que che veña subir os prezos en orixe, porque como ninguén se adica a produtos de alto valor engadido, ninguén ten marxe para pagar máis polo leite. É a pescada que se morde o rabo.

Por exemplo, Lence basea a súa estratexia empresarial en poñer no mercado grandes cantidades de leite líquido. E se gaña cartos así, que é o seu obxectivo como empresario, por que vai cambiar? Que incentivo ten Leche Río para cambiar o seu negocio? Ningún, porque ninguén o move a dar ese outro paso. Se o mercado fose máis competitivo e houbese industrias de produtos innovadores, que día a día che sacan do mercado, tería que moverse, pero non é o caso.

Anuncio do queixo Larsa en 1953

“Hoxe as industrias que envasan leite líquido fixan o prezo aos gandeiros á baixa porque non teñen competencia e fan produtos de pouco valor engadido”

Unicamente poderiamos falar das queixarías como competencia ao leite líquido….
Si, pero as tres máis grandes (Entrepinares, Macán e Pambre) están ligadas a grandes cadeas de distribución ou a grandes marcas estatais. Logo están as pequenas queixarías das denominacións de orixe, tres na provincia de Lugo (San Simón, Cebreiro e Arzúa-Ulloa) ás que lles vexo futuro e posibilidades de crecemento na medida en que se profesionalicen e traballen en conxunto. Hai queixerías na zona de San Simón, algunhas delas ligadas a explotacións, que están a funcionar moi ben.

Tamén o queixo do Cebreiro ten moito recoñecemento, malia ser a denominación de orixe máis pequena, pero ten un problema de pequeno tamaño das queixerías unido ás necesidades de refrixeración e menor durabilidade do produto. É un queixo fresco e non hai operadores loxísticos que lles garanta enviar a prezos competitivos poucas cantidades de queixo a moitos clientes mantendo a cadea de frío. Se fosen máis ambiciosos, creasen unha gran marca e vendesen en conxunto e maiores cantidades terían máis doado resolver este hándicap.

“A produción intensiva en Galicia ten moito futuro se se aproveita a terra”

Sobre o modelo de explotacións que temos en Galicia, que futuro lle ves ás explotacións intensivas e cal ás que apostan polo ecolóxico?
A produción intensiva en Galicia ten moito futuro só cunha condición: que se aproveite a terra. Non pode estar abandonada ou a eucaliptos como está a día de hoxe se queremos seguir sendo produtores en intensivo. Para que os prezos dos cereais non marquen a rendibilidade das explotacións hai que ter moita base territorial para poder producir os propios forraxes. Se se aposta por ampliar a base territorial das explotacións non habería problema en que Galicia mantivese un modelo intensivo como ten. Non sei se de cara ao futuro ese modelo será sostible se non se fai iso, se non se aproveita mellor a terra vai ser difícil que sexa sostible un modelo así.

E en relación ao outro modelo, producir en extensivo sen ser en ecolóxico non ten sentido, porque se non é así ti vas producir en extensivo pero o teu leite vancho pagar ao prezo ao que llo pagan a unha granxa en intensivo. Se non se vincula extensivo con ecolóxico, esas explotacións poden ser viables para subsistir se xa están montadas, pero desde logo non para gañar diñeiro.

E que opinas de novos proxectos como os de Leite Noso ou o de Clun?
Leite Noso non é un proxecto nacido na provincia de Lugo, é un proxecto de gandeiros con sede en Santiago e que simplemente fabrica en Outeiro de Rei. Teñen un contrato coa antiga fábrica de Pascual para envasar o seu propio leite. Non teñen a propiedade das instalacións, fabrican con contratos de maquila, o que quere dicir que a fábrica dentro dun ano pode subirlles o prezo de manufactura e eles poderían buscar outra fábrica que lles envasase o leite. Eu no primeiro momento pensei que se ían estrelar aos dous días, que lles ía pasar o mesmo que a Alimentos Lácteos.

 “A miña sensación é que a Leite Noso vailles ir ben, pero é unha incógnita como vai funcionar a marca Muu”

Pero despois vin o que empezaron a facer e que tiñan moi claros os obxectivos, que eran no primeiro momento recuperar o mercado galego, tiveron acordos coas grandes distribuidoras, menos Gadis, e fixeron un bo traballo de promoción. A miña sensación agora é que lles vai ir ben. Con Deleite foilles moi ben e apoiándose moito no consumidor. Souberon diferenciarse e poñer o acento na mellora das condicións para o gandeiro porque é unha empresa formada por gandeiros. Así que é leite líquido igual pero cun plus.

Agora a incógnita é ver como vai funcionar a marca Muu que acaban de lanzar para o mercado español. Alimentos Lácteos chegou a ter bastante presenza a nivel estatal mediante unhas campañas moi agresivas que fixeron (chegaron a saír no Sálvame) e funcionoulles moi ben a nivel de marketing, pero claro, vendían a perdas. E o problema de vender a perdas é que canto máis vendes máis perdes e ese foi o gran problema que tiveron. Penso que non souberon enfocar ben o proxecto.

En canto a Clun, é unha pregunta difícil. A solidez de Feiraco nos últimos anos mellorou moito e a curto prazo penso que non está en perigo. Pero o mercado do leite líquido está en retroceso e tiña que buscar unha saída, pero non sei se esa saída é Clun. Nos últimos anos tratou de diversificar e véxolle máis sentido a Clesa, na que tamén están as outras cooperativas, ou a Arquega, dedicada ao queixo fresco.

Clun penso que vai ser moi bo para mellorar a eficiencia de cara aos servizos aos socios. Que a partir de aí se consiga un proxecto industrial grande para colocar o leite deses socios no mercado? Eu penso que iso aínda vai tardar en verse, é máis cando hai outro proxecto de base cooperativo en Melide, o impulsado por ICOS, Codeira e Aira, e que parece que ten moito máis apoio da Xunta, para separar o leite en compoñentes e facer subprodutos para alimentos infantís. Eu penso que chegado o tempo eses dous proxectos de base cooperativa debéranse poñer de acordo.

“Chegado o momento Clun e Aira debéranse poñer de acordo”

Ao contrario que nos anos 20, nos que se duplicou o consumo de leite, semella que a nivel europeo ese consumo está en retroceso. Que opinas da moda actual de non tomar leite?
Penso que detrás desa moda hai grandes empresas que queren vender como leite cousas que non son leite tentando influír na xente a través dos medios de comunicación con teorías como as de que o leite é dañino para o ser humano adulto para que o leite se vaia substituíndo por outros produtos. Habería que ver se onde se produce a soia e a améndoa coa que se fan eses derivados hai potencial para producir leite de vaca, a miña sospeita é que non. É por iso que hai empresas interesadas en substituír o leite na nosa dieta por eses produtos.

O que custa entender é que iso acabe calando nunha sociedade tan vinculada ao leite historicamente como é a galega. Pero hoxe ás urbes galegas xa pouco lles queda desa conexión co mundo agrario e co mundo das vacas. Hai nenos de Coruña ou de Vigo para os que as vacas son tan estrañas como para un cativo de Madrid.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información