“En Francia apostamos por producir máis proteína, con vacas de dobre aptitude e por menos concentrado”

Un grupo de mozos franceses da cooperativa Amélis visitan estes días Galicia e Castela e León. Guillaume Moren, mozo gandeiro e membro do consello de administración da cooperativa de xenética Evolution, explica para Campo Galego como está a situación do sector lácteo en Francia.

“En Francia apostamos por producir máis proteína, con vacas de dobre aptitude e por menos concentrado”

Os mozos gandeiros franceses na Granja San José Bolaños

Os gandeiros franceses están a facer fronte á crise apostando por producir leite con máis proteína, con vacas máis funcionais e con razas de dobre aptitude carne/leite e aumentando a produción de máis forraxes propias e de máis calidade para baixar os concentrados na ración.

Este é o resumo que fai para Campo Galego o mozo gandeiro francés Guillaume Moren, que xunto a outros trinta compañeiros da cooperativa Amélis visita estes días Galicia e Castela e León. Antonte estiveron en Xenética Fontao e na SAT Pedrón A Ponte (Castro de Rei), este mércores na Granja San José Bolaños e hoxe estarán en Sat Rote, en Zamora.

Guillaume Morel, que tamén é membro do Consello de Administración de Evolution, unha cooperativa de terceiro grao dedicada á creación e multiplicación de xenética de vacún e integrada por tres grandes cooperativas francesas -Amélis, Génoé e Urceo- móstrase “moi sorprendido pola calidade das vacas en España, tanto de morfoloxía, como sobre todo por produción cun nivel impresionante, mesmo superior a Francia”.

Como punto de partida, este mozo gandeiro explica que a media francesa é de 2,3 lactaciones por vaca, “polo que temos moito traballo os gandeiros franceses para mellorar a lonxevidade” e unha media de produción de 7.500 litros, “pero tendo en conta que utilizamos bastantes razas locais menos produtivas”. En canto á raza Holstein, a produción media Francesa está nuns 8.500 litros por lactación, “pero -subliña- hai que ter en conta que os sistemas de produción tamén son diferentes, con máis pastoreo en xeral”.

Guillaume Moren asegura que “a produción de leite en Francia non medrou neste último ano” e en canto aos prezos afirma que “están entre 26 e 27 céntimos por litro, máis calidades”.

Os gandeiros franceses tentan producir leite con máis proteína e con vacas con dobre aptitude leite/carne

Precisamente é o aumento das calidades do leite unha das estratexias que adoptaron os gandeiros franceses para facer fronte á crise, xa que a industria láctea local -cunha importante presenza de queixos e produtos de valor engadido- valóraas e págaas. Así, a tendencia en selección xenética de vacún de leite en Francia desde fai uns tres anos “centrouse moito nos caracteres de funcionalidade, fertilidade, reconto de células somáticas e, sobre todo na taxa de proteína”, asegura, cunha media neste momento de 3,3 de proteína real, non de proteína bruta como se mide en España.

Outra estratexia que adoptaron as ganderías de vacún de leite en Francia para superar a crise é, ademais de buscar touros con maiores taxas de proteína, tamén a de apostar por touros de razas cárnicas para aproveitar o valor do leite e da carne. “Nestes momentos coa crise revalorizáronse tamén as vacas leiteiras de razas mixtas, que non son Holstein, como a Normanda, Montbeliard, Bruna ou a Jersey, xa que son vacas que producen leite con máis calidades, sobre todo proteína, e teñen un aproveitamento mixto de leite e carne”, explica Guillaume Morel.

En canto aos custos de alimentación, este gandeiro asegura que “a tendencia é producir na explotación moita forraxe e de moita calidade para reducir a cantidade de concentrado na ración”.

Polo demais, afirma que, do mesmo xeito que en España, “as explotacións gandeiras en Francia cada vez son menos pero máis grandes” e que a tendencia en canto ao manexo está a agudizarse en dous polos apostos “con gandeiros que intensifican o pastoreo e outros que aumentan a estabulación intensiva”.

Por último, Guillaume Moren móstrase sorprendido polo bo nivel de Xenética Fontao. “É un centro moi ben organizado, cun nivel de xenética moi boa e moi boa calidade de ubres e patas, e no que se nota que ten en conta as demandas dos gandeiros e dos clientes”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información