“En España hai que regular a profesión de podólogo bovino e mellorar a formación”

Entrevista a Pere Malet Martínez, presidente da recentemente creada Asociación de Profesionais de Podoloxía Bovina. O seu obxectivo é dignificar e regular unha profesión que vela pola saúde podal de 1 millón de vacas na península

“En España hai que regular a profesión de podólogo bovino e mellorar a formación”

Pere Malet Martínez, presidente da recentemente creada Asociación de Profesionais de Podoloxía Bovina

O pasado 26 de xaneiro constituíuse en Ribadeo (Lugo) a Asociación de de Profesionais de Podoloxía Bovina, aprobando unha xunta directiva e uns estatutos para dar forma á asociación nos próximos meses.

O seu obxectivo é favorecer a formación dunha profesión que en España, a diferenza doutros países, non está regulada e que resulta esencial para garantir a saúde podal e o benestar animal de ao redor dun millón de cabezas de vacún de leite e de carne e a rendibilidade de miles de explotacións. E é que as coxeiras son unha das principais causas de descenso na produción e mesmo de baixas nunha gandaría de vacún de leite.

Entrevistamos a Pere Malet Martínez, recentemente elixido presidente da asociación, que celebrará o próximo 4 de maio a súa asemblea xeral en Santiago de Compostela.

Como empezaches a traballar como podólogo bovino?
Desde pequeno tiñamos vacas en casa e unha granxa de vacún de leite en Vic, en Barcelona. Pero no ano 1993 pechou a vaquería familiar e o meu pai, a través de Adrián Gonzáles Sagües, de ANKA, empezou a recortar cascos en gando vacún.

Sendo adolescente a miña actividade dos sábados sempre era facer patas, e mesmo algunha tarde despois do colexio. Tamén empecei a ir os veráns a traballar de pateiro e aos 20 anos decidín dedicarme profesionalmente á podoloxía. Quixen ampliar a miña formación e estiven a traballar por diferentes partes de España. En xullo do 2008 uninme á empresa familiar, DIGITRIM SL , fundada polo meu pai xunto a Adrián González, e na que contamos con dous poldros para o traballo.

Como xurdiu o voso interese por crear esta asociación?
Hai xa anos que se falaba desta necesidade de organizar ás persoas que traballamos neste oficio, sobre todo para mellorar a formación. Eu vía que o meu pai tiña que viaxar para formarse a Estados Unidos ou a Inglaterra e que alí os profesionais si que estaban organizados para formarse e defender a profesionalización do colectivo.

Como xermolo desta asociación destacaría as xornadas formativas tanto de ANKA como de SERAGRO e, sobre todo, o programa ISAP de saúde podal que puxo en marcha CONAFE no ano 2011. Neste sentido creo que Noureddine Charfeddine realizou un gran traballo ao crear un marco para que os podólogos nos reuníramos, nos coñecéramonos e intercambiásemos información e inquedanzas. Este programa serviu para incorporar o carácter de saúde podal nas avaliacións xenéticas que realiza CONAFE.

Precisamente, foi na cuarta reunión do programa ISAP que organizou CONAFE en Ribadeo o pasado mes de outubro, e onde nos reunimos 50 persoas de todos os puntos de España, cando me animei a lanzar a proposta de crear unha asociación profesional e a raíz de aí empezamos a traballar.

Cales son os primeiros pasos que estades a dar?
Para crear a asociación asesorámonos a través dunha xestoría, redactamos os estatutos e o pasado 26 de xaneiro celebramos a primeira asemblea en Ribadeo. Nesa asemblea votáronse as propostas, creouse unha xunta directiva con 13 podólogos e houbo un debate moi construtivo, e a partir de aí uniuse máis xente. Neste momento pasamos dos 30 asociados sobre un colectivo de profesionais de podoloxía que rolda os 100, tanto en España como en Portugal.

A nosa idea é crear a asociación cunha boa base, cun regulamento interno e ser representativos de todo o colectivo. E posteriormente temos previsto contactar coas asociacións de veterinarios, con ANEMBE, e con outros colectivos para intercambiar información e ver vías de colaboración.

O 4 de maio temos convocada unha asemblea xeral en Santiago de Compostela, tanto para socios actuais como para aqueles interesados que queiran facerse socios. Aquelas persoas interesadas poden contactar coa asociación enviando un e-mail a 2018.appb@gmail.com

Que obxectivos persegue a asociación?
Dignificar a profesión e, sobre todo, realizar formación continuada a través de cursos.

As granxas cada vez teñen rabaños máis grandes e en sistemas de estabulación libre, o que fai que a saúde podal sexa cada vez máis importante. Neste sentido, notamos que cada vez o sector, tanto outros profesionais como gandeiros, dan máis importancia á podoloxía e pídennos información aos podólogos sobre as vacas que coxean, por que motivos…etc.

Cales son as principais carencias que detectades na profesión?
É clave regulamentar a profesión. Aínda que o traballo de podólogo en bovino ten moitos anos de historia, non hai ningunha formación regulada oficial en España que certifique a cualificación e garanta a preparación necesaria para o exercicio desta profesión.

É a principal deficiencia, por iso un dos principais obxectivos da asociación é a formación continua dos podólogos. A maioría de pateiros aprendemos doutros profesionais ou fóra de España. No meu caso tiven a sorte de realizar viaxes de formación a Francia, Alemaña e Estados Unidos, un país onde as xornadas de formación podal atraen a máis de 200 profesionais e ves como todos van na mesma liña, a pesar de que cada un teña a súa técnica ou forma de traballar, pero co mesmo obxectivo final: mellorar o benestar animal e ser os mellores profesionais.

“Nótase moito na saúde podal do rabaño cando nunha granxa o veterinario, o nutrólogo e o podólogo traballamos de forma coordinada”

En Francia, por exemplo as cámaras agrarias ofertan cursos específicos de 6 meses de saúde podal bovina.

Afortunadamente, en España empezamos a dar un paso moi importante coa primeira edición do Diploma de Podoloxía Bovina, organizado pola Universidade Complutense de Madrid en colaboración con CONAFE, no que participamos 26 alumnos. É a primeira titulación oficial que temos en España para unha profesión tan importante para o sector gandeiro bovino.

¿Tratastes na asociación sobre o establecemento de tarifas para evitar a competencia desleal en prezos?
Creo que non debemos marcar máximos nin mínimos en tarifas, pero si esixir que a persoa que está a traballar teña unha formación e sexa profesional. A este respecto, si que temos intención de esixir aos socios unha formación que sexa unha garantía de profesionalización, aínda que traballe cada un co seu estilo. En España contamos cuns moi bos profesionais en podoloxía bovina, cunha alta calidade no seu traballo, pero consideramos imprescindible unha certificación para dignificar esta profesión.

Estamos nunha profesión na que hai demanda de man de obra e na que hai dificultade para atopar traballadores, como en todo o sector gandeiro.

¿Como valoras o nivel de saúde podal das gandarías de vacún de leite en España?
Creo que cada zona ten as súas problemáticas, pero na miña opinión estamos mellor do que pensamos. É certo que ás veces como pateiro frústrache non chegar a todo e a tempo, pero creo que imos na boa dirección.

Considero moi positivo que os gandeiros cada vez lle dean máis importancia á podoloxía e ao recorte funcional de cascos. Aínda que é certo que depende de cada granxa, cada vez tense máis conciencia das consecuencias negativas das coxeiras e empúxase para traballar máis en prevención (recortes, baños de cascos…etc).

Nótase moito na saúde podal do rabaño cando nunha granxa o veterinario, o nutrólogo e o podólogo traballamos de forma coordinada. Cando se traballa na mesma dirección hai resultados positivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información