“En España e en Europa falta produción de leite ecolóxico”

Entrevista a Jorge Morales Lozano, Xerente de Compras de Lidl en España. Interveu este venres nas I Xornadas de Produción Ecolóxica nas comarcas de Deza-Tabeirós e Terra de Montes organizadas por Unións Agrarias.

“En España e en Europa falta produción de leite ecolóxico”

Jorge Morales Lozano, xerente de compras de Lidl

A demanda europea de leite ecolóxico aumenta por encima da oferta, cun incremento do mercado de ata dous díxitos cada ano. Baixo esta tendencia do mercado, o xerente de compras de Lidl en España para Europa e Estados Unidos, Jorge Morales Lozano, anunciou que dentro de dous meses a cadea alemá comezará a vender leite ecolóxico nos seus supermercados de Galicia, aínda que coa intención de estendelo aos seus 540 puntos de venda de toda España. Para iso chegou a un acordo con Leche Celta para que lle subministre leite ecolóxico procedente de explotacións galegas.

Neste sentido, animou aos gandeiros galegos a incorporarse á produción de leite ecolóxico, un sector no que “Galicia parte con vantaxe, xa que este tipo de produción necesita de ganderías pequenas e atomizadas”.

Jorge Morales fixo estas afirmacións durante a súa intervención nas  I Xornadas de Produción Ecolóxica nas comarcas de Deza-Tabeirós e Terra de Montes organizadas polo sindicato Unións Agrarias. Neste foro déronse cita non só un importante número de gandeiros, senón tamén representantes de industrias como Lactalis ou Leche Celta, que xa están a comprar leite ecolóxico a gandeiros galegos, ou de cooperativas como Campoastur ou Coren, que comercializan ou teñen previsto facelo proximamente pensos ecolóxicos.

A todos eles, o representante de Lidl lembroulles que “en España e en Europa falta e seguirá faltado leite ecolóxico”, polo que mesmo se abre un campo para a exportación.

Para iso, Jorge Morales destacou que son necesarias relacións comerciais a longo prazo entre as tres partes, “con contratos dun mínimo de dous anos e mesmo de tres”.

Que potencial lle vedes desde Lidl á venda de leite ecolóxico?
Temos varios hándicaps para introducir o leite ecolóxico no lineais pero que se poden traducir en grandes vantaxes. Está claro que unha gran explotación industrial e intensiva de vacas vai ter moi difícil producir leite ecolóxico, pero pola contra as explotacións pequenas e con máis pastoreo son as idóneas para a produción de leite ecolóxico. Por tanto, creo que cadra moi ben co que é o sector lácteo galego.

É dicir, o principal escollo no sector lácteo galego, comparado con Francia ou con Alemaña ou Polonia, que é o de ser explotacións pequenas e pouco industrializadas, sen embargo pode ser unha gran vantaxe para a produción de leite ecolóxico.

De aí estas xornadas, pois vemos un enorme potencial de desenvolvemento destes produtos ecolóxicos, non só para o cliente español, senón para o cliente europeo, o que nos permitiría exportar leite ecolóxico ao resto da Unión Europeo, algo que a día de hoxe é imposible tecnicamente porque non hai oferta suficiente para atender a alta demanda.

“Queremos estender o leite ecolóxico ao resto de supermercados Lidl de España, pero non temos produción suficiente”

Dentro de ao redor de dous meses en Lidl España ides empezar a vender leite ecolóxico. Podes concretar algo máis?
Vai en consonancia cos compromisos que desde Lidl adoptamos para manter o valor da cadea alimentaria no sector lácteo. No acordo lácteo de setembro decidimos unilateralmente aplicar unha suba de 2 céntimos nos prezos que pagabamos ás nosas industrias lácteas provedoras para que llos trasladasen aos gandeiros e en xaneiro volvemos aplicar unha subida específica de 2 céntimos aos gandeiros galegos pola situación específica de dificultades que atravesan.

Pero aínda que estas medidas son as máis coñecidas nos medios de comunicación, con todo, non foron as máis importantes a nivel estrutural. A longo prazo a nosa idea é apostar por produtos lácteos de valor engadido para os clientes. E entre eles está o leite de proximidade, como a marca La Vaquera, que a día de hoxe sacamos só para Galicia e con selo de Galega 100%.

Ademais, imos engadir para os lineais de Lidl en Galicia, e quizais nalgunha outra cidade española, o leite ecolóxico. A nosa idea é estender o leite ecolóxico ao resto de supermercados Lidl de España pero de momento non temos produción suficiente. Neste sentido, temos que convencer ao sector lácteo para que produzan produtos de valor engadido que nós podamos vender, gañando todos un pouco máis, e satisfacendo as demandas dos clientes.

Con que industrias estades a traballar en Lidl para o leite ecolóxico?
O programa de leite ecolóxico estamos a facelo con Leche Celta e venderémola coa marca Milbona. Con Lactalis temos tamén un programa de venda de leite fresco que comezamos en toda España e que está a ser exitoso.

“As vendas de leite sen lactosa están a medrar entre un 15 e un 20% anual”

Como son os contratos que facedes co leite ecolóxico?
Os contratos que fai Lidl coa industria para o subministro leite líquido UHT normal, así como para o leite fresco, son contratos anuais e facémolo así desde fai máis de dez anos.

Con todo, se queremos transformar a un gandeiro lácteo desde a produción en convencional á ecolóxica, tendo en conta que ese proceso tarda uns dous anos, os contratos coa industria deben ser como mínimo de dous anos, cando non de tres. Por exemplo, o contrato que estamos a pechar con Leche Celta estará entre 2 e 3 anos.

Comentaches que o leite estándar UHT baixou as súas vendas case un 30% no últimos dez anos. Como se está comportando o mercado dos distintos tipos de leite?
O leite fresco, pasteurizado, é un mercado bastante estable, no cal o seu consumo vai moi ligado ao do leite básico UHT. No caso dos leites enriquecidos, as Calcio e Omega 3, baixaron o seu ritmo de crecemento. A que está a levar os grandes ritmos de crecemento de vendas, de entre o 15 e o 20% anual, son os leites sen lactosa. E é que moita xente empeza a pensar que o leite non senta ben, e este bulo e esta falacia acaba sendo unha realidade se non se corta.

“Hai que cortar a falacia de que o leite non é bo para o ser humano”

Falando da situación do acordo lácteo, segue pendente a aprobación do decreto de cesión de prezos, para establecer unha transparencia dos prezos do leite entre os distintos puntos da cadea de valor: gandeiros, industria e distribución. Coméntase que a distribución non está a favor desta medida….
Parece que hai dificultades coa Lei de Protección de Datos e coa Lei de Competencia, sobre todo para respectar a normativa de competencia da Unión Europea. A Lidl dános igual que se publiquen ou non os nosos prezos, o que nos importa é que sexan prezos sustentables, e para iso temos que falar cos industriais e cos gandeiros. O importante é falar de programas de sustentabilidade para o sector, e por parte de Lidl non hai ningún problema para que o Ministerio emprenda accións nese sentido.

¿Como valora as acusacións de que Francia e Alemaña están a utilizar o mercado español como un sumidoiro, vendendo os seus queixos en España a prezos de ata 2,4 euros o quilo, e afundindo ás queixerías españolas?
A tesitura dunha empresa global que pensa local como é Lidl, é que se traemos todo o leite e todos os queixos de Alemaña, porque Lidl é unha cadea alemá, en Galicia o día de mañá non terei clientes galegos.

Non entendemos de forma soamente económica todos os nosos negocios, senón que engadimos a sustentabilidade coa industria local. É dicir, se a curto prazo soamente comprámoslle sempre á industria que nos ofrece o produto máis barato, a longo prazo, o día de mañá cando falte leite ninguén me vai querer vender ese leite. Así, a día de hoxe o leite Milbona é 100% española e leva o selo PLS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información